lunes, marzo 17, 2008

Na Bretaña coa Gran Enciclopedia Galega


Durante cinco días abandonei os meus poucos pero queridos amigos deste blog porque viaxei a Rennes (Francia), convidado pola Universi-
dade da capital da Bretagne, para asistir a unhas xornadas que organizaron varios profesores de distintas universidades francesas sobre o que foi e o que significou a Gran Enciclopedia Gallega, editada polo asturiano Silverio Cañada a partir do ano 1972. E digo ben 72, aínda que non se empezase a publicar ata dous anos máis tarde.
Mal sabiamos os que participamos naquela aventura que iamos acabar sendo obxecto de atención universitaria por parte de hispanistas tan egrexios como o profesor Jean-François Botrel ou os tamén profesores Chrtistine Rivalan-Guégo, Roselyne Mogin-Martin (neste caso, da Université d’Angers) e Philippe Castellano. Ou o do rioxano, afincado na Bretaña, Moisés Ponce de León, autor dunha interesante teoría que relaciona o subsolo mineral coa toponimia e que levou a cabo unha análise absolutamente libre de arañeiras políticas dos contidos científicos da citada enciclopedia.
A parte doutras cousas moi interesantes, a min a ocasión foime propicia para reencontrarme co meu admirado amigo Basilio Losada, auténtico herdeiro do espírito humanístico e xeneroso que caracterizou a homes tan importantes da cultura galega como Ramón Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro. Basilio é unha mezcla de galán mexicano, condottiero italiano e trovador provenzal das que xan non existen. A súa capacidade de contar a historia como se fose algo que nos está pasando a todos só a herdou Carlos Casares, pero Carlos, por desgraza, xa non está con nós máis que espiritualmente.
Que marabilla escoitar como conta Losada o que lle pasou cando o nomeraron fillo predilecto do seu concello natal, Láncara, patria pequena tamén do pai de Fidel Castro e de Ramón Piñeiro. Estrenaba traxe Basilio para a ceremonia e, cando estaban servindo na comida o polvo de rigor, un camareiro verteulle enriba dun ombreiro parte do que estaba poñendo na mesa.
Pero, home, mire vostede como me puxo!, díxolle o catedrático agora xubilado da Universidade de Barcelona.
E logo que pasou?, respondeulle o de Láncara.
Pois que me encheu de aceite o traxe novo.
Pois molle pan nel, foi o retrúecano.
Nos seminarios de Rennes tamén estivo Ramón Villares. É extraordinaria a sabedoría oficial que vai acumulando este rapaz que compite con Lois Peña Novo, Manuel Fraga, Rouco Varela, Ramón Chao, García Mato e algún máis a nómina dos egrexios vilalbeses e que xa case lles gañou a todos –menos a Fraga– na outra nómina, que é a que provén da administración pública. Non estivo, pola contra, Xesús Alonso Montero, home sen o que resulta verdadeiramente imposíbel de entender a xénese e posterior andadura da Gran Enciclopedia Galega. Empezo a sospeitar que alguén lles contou o conto aos franceses de que tal obra foi un produto máis do actual rexurdimento identitario de Galicia e teño para min que tal interpretación non é maís ca un intento de levar a auga a un muíño no que non había trigo cando tal obra se empezou a andar en Galicia. Nos debates de Rennes o propio Basilio Losada caeu un chisco nesa trampa dicindo que se tentou salvar con ela o idioma galego. Non me quedou máis remedio que dicirlle que, salvámolo tanto, que a publicamos en español.
A min estas cousas de que veñan os historadores contarnos o que fixemos os que aínda estamos vivos non deixa de facerme graza. Un que, a fin de contas, é do gremio non deixa de pensar que os historiadores son xornalistas que chegaron tarde ao paso das Termópilas. E, claro, chegar tarde a tan remoto suceso aínda se comprende, pero resulta máis difícil de roer a clavícula que aínda ten carne pegada ao óso. Quizais non me estou explicando ben. O que quero dicir é que as cousas son asegún, pero asegún como sexan. Sobre todo isto tamén habería que ler algo a unha autora francesa que se chama Anne-Marie Thiesse, que vai vir a Santiago, segundo me dixo Villares, a fin deste mes, traída polo Consello de Cultura Galega. Tempo era de que se gastase algo do diñeiro público en escoitar aos que non son da parroquia.
Polo demais, volvín encantado da miña viaxe á Bretaña, aquela terra que un día encantou maís aínda a Castelao. Leváronnos ver a interesante experiencia que está desenvolvéndose en Bécherel, unha pequena vila que foi sacada da decadencia mediante a súa conversión nunha especie de cidade do libro, onde proliferan as librerías de ocasión, e na que precisamente vai ter lugar os días 22, 23 e 24 de marzo a Festa do Libro con Escocia como país convidado de honra, e a Combourg para vermos o impresionante castelo no que medrou Chateaubriand. Había que ver alí a Moncho Villares, empedernido lector deste autor francés, emocionado como se acabase de chegar por primeira vez á Trasalba de Otero Pedrayo.
Resumindo que a min, que só chegara á Bretaña en barco dúas veces, e ás dúas a Brest, quedáronme gañas de volver por aquela Galicia de l'autre côté. Entre outras cousas, para seguir bebendo a súa magnífica sidra, o seu bo Calvados de producción caseira e comer as súas esplénndidas galettes. Xa ameacei os meus amigos bretóns con volver. A próxima vez mesmo hei ir ver a Alan Stivell.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

E logo que pasou entre "bambalinas" para non convidar a Xesús Alonso. Desde que colleu a xubilación parece que apesta para certos elementos "intelectuais".
A eses que lles den......

Anónimo dijo...

Por Dios, Perfecto. Hai que ver qué rendemento lle sacas a unha viaxe a París. Alocino con esa capacidade para expremer o feito e parir un artigo tras outro.
E de Alonso Montero, qué dicer. Él é algo máis ca Enciclopedia, é é o Espasa directamente. Mais sei que un dos motivos para que non acudira aló é que se correu o rumor de que estaba algo "malito".
Ah, a envexa. Será moi española, pero en Galiza medra coma os toxos sen subvención

Anónimo dijo...

Foi grande exito? Discutiron de Grande Enciclopedia Galega. Ben, falache co noso amigo, Benxamin Casal de Lugu?
taquinho, Xapon.

Luisfoz dijo...

A pequena Bretanha, a nossa irmá do outro lado do mar, como bem dis. Vam sendo horas de que os galegos fagamos nossa a reivindicaçom bretoa contra a amputaçom do seu país: a Loire Atlantique, metida por de Gaulle no engendro dos Pays de la Loire, é tam bretoa como o Finistère e Nantes é umha das capitais bretoas. Curioso país que tem duas capitais. An Roazhon (Rennes) onde está o Parlamento e An Naonned (Nantes) onde está o palácio dos duques. Se se inteirarem os corunhitas (nom confundir com os corunheses) poderiam tomar nota para reivindicarem umha Galiza com duas capitais (menos dá uma pedra)

Anónimo dijo...

Esta morea de parvenues e clérigos laicos aínda han nos convencer de que Cantares Gallegos fora orixinariamente escrito en galego e mesmo que o Dr. Villares poñía os alicerces do benegué xunto co noso Paco...
O profesor Alonso Montero non poderá se non sonreir perante tanta idiocia e cobiza...Os que están ben malitos (e sin cura!) son os que tentan mudar o pasado por agachar as propias miserias

Luisfoz dijo...

O professor teria muito que apreender; o mau é que agora já nom tem tempo. Os "Cantares" deverom ser escritos em turco polas vistas.

Anónimo dijo...

Molaban los libros de Harry Dickson que iban con la Gran Enciclopedia Gallega......