jueves, marzo 27, 2008
Quero ser "gazeto"
Teño a vaga impresión de que podería comentar case da mesma maneira a preocupante idea mostrada polo vicepresidente da Xunta sobre a posibilidade de instaurar “poblados de transición” para ciganos, nos que houbese presencia permanente da Policía, e a estrambótica confusión que parece que está a padecer a Garda Civil acerca do que esta mesma institución considera que é un movemento de liberación nacional galego.
Sobre o asunto de Quintana de momento só vou desexar que o líder nacionalista ande con ollo. Non vaia ser que, levado de calquera forma de irrefreábel pragmatismo, remate descubríndonos que hai na súa personalidade política o que aínda non imaxinamos que puiderse haber. Coido que empezou a meterse nunha camisa de once varas e veremos como a vai quitando para lavala.
O asunto da Garda Civil, de ser certo o que se veu informando sobre todo iso dos adhesivos GZ nos coches, é moito menos serio, pero inmensamente máis preocupante. Que unha institución corresponsábel da seguridade pública, que se gaba de ser benemérita, ande con estas lerias e que ningúen lle saia ao paso dende o Ministerio correspondente, pode levar a que sexamos moitos os que botemos as mans á cabeza, ou as poñamos en alto, polo menos, diante desta babecada digna dunha historieta do Capitán Trueno.
Nunca fun capaz de colar no meu coche máis ca unha pegata de The Blue Cross Britain’s pet Charity que proclama I’ve helped os gatos, levado pola simpatía que me inspiran cada vez máis estes preciosos animais, amor que reparto cos cans e que non son quen de sentir polos descerebrados que confunden o inocente anagrama GZ ou o venerábel escudiño que deseñou Castelao poñéndolle a lenda “denantes mortos que escravos”, con non se sabe que variados perigos sociais que merecen o “interese policial”. E anda que meter no mesmo saco a bandeira galega coa estrela de cinco puntas, que representa precisamente unha organización política legal que ata está a piques de apoiar a investidura de Zapatero, como é o BNG, tamén manda moito carallo na Habana. Non me extraña que o ínclito Lobeira xa puxera o seu berro no ceo.
Pois nada, que haberá que pegar tamén no carro esa perigosa GZ (poñer unha que diga GC pode prestarse a confusións ben chuscas), a carón da que xa teño coa foto dun gato. Tomarán tamén os meus datos por esta chorrada? Volverei a ser, como no franquismo, obxecto de “interese policial”? En que mans andamos, válianos Deus!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Lobeira non pode ser tomado en serio por moito que se esforce. Pon o grito no ceo -con razón- para logo facer a pantomima de preguntarlle ao Goberno galego -no que está o seu propio partido- sobre o asunto. Pero o BNG como tal non vai tomar ningunha medida, pasando duramente do tema. A verdade é que este "chico" do BNG non fai máis o paripé porque non ensaia.
"Lobeira quer saber que coñecemento ten o Goberno galego destes feitos, se sabe quen deu ordes ou instrucións na Garda Civil e se existe a previsión de dirixirse ao Ministerio do Interior para esixir explicacións".
Apóstolle o que queira, don Perfeuto, a que deste asunto non se vai saber nada máis. Váiselle botar terra e xa esta, coa complicidade interesada do BNG.
Propóñolle que faga un seguimento do caso e que dentro duns meses non informe en que quedou o caso. Xa verá como acerto.
Estas "protestas" do Lobeira son do mesmo teor que a dos sobresoldos. O BNG dixo que non sei qué, que estaba en contra para saír do paso, para logo calar o pico e cobrar o complemento. Ou non?
Publicar un comentario