lunes, marzo 02, 2009

Botáronos

Touriño e Quintana esbararon na casca de Feijóo e esnafrá-
ronse xuntos. Mal fin o destes dous líderes galegos que rematan a súa breve andaina gobernativa afundindo as súas respectivas formacións políticas no pouco heorico acto de rendirlle Galicia outra vez á dereita. O de sermos a Baviera ou a Sicilia de España xa parece unha praga sen remedio, pero que ninguén lle bote a culpa aos electores porque está no estrepitosisimo fracaso do bipartito coa pésima política que practicaron as hostes dos dous líderes que acaban de ser botados do poder.
Realmente é difícil atopar un caso como o do inexistente tándem Touriño-Quintana competindo un contra o outro en cometer erros de manual básico. O primeiro coa súa empecinada vocación emperadora que o levou a illarse totalmente da realidade do país entregándose a una prática palaceana do poder que rematou botándoo fóra do luxoso despacho que deixou que lle proxectaran. Parece estrano, pero nunca entendeu Touriño que o menos que precisaba a Galicia da crise global e do postfraguismo era un Charles de Gaulle de palleiro. Non sei como non foi capaz de percatarse de que case todos os que botamos o Dinosauiro nas eleccións do 2005 o que queriamos era alguén que non perdese o tempo nin os recursos públicos en andrómenas e que soubese encarrilar o país cara a modernidade política e a administración eficaz que tanto precisaba e segue a precisar. En vez diso, Touriño actuou como se se pasase ao inimigo cada vez que o inimigo lle ensinaba as gadoupas (inaplicación da lei de protección da costa, posicionamento sobre o idioma galego, etc.).
Por riba diso, en vez de plantarlle cara á inmisericorde campaña de que foi obxecto por parte do seu verdadeiro contrincante Núñez Feijóo, agarrando polos cornos un boi que rematou corneándoo, Touriño deixouse levar só por esa soberbia principesca que ultimamente invadiu a súa personalidade e limitouse a darse por ofendido como se todo fose obxecto dun intercambio de insultos no patio dun colexio. Persoalmente botei moito de menos que o candidato socialista non soubese desmontar a eficaz propaganda que lle botou enriba o PP con todos eses episodios lamentábeis do Audi blindado máis caro co de Obama, mesas de deseño, cadeiras, casa con licenza de obra de 80 euros do conselleiro de Medio ambiente, etc. Non abondaba con dicir que esa campaña só era lixo. Había que demostralo.
Pola parte de Quintana o caso é moi semellante, aínda que con algo máis de sensatez autocrítica. Polo menos o do Bloque dixo xa na noite da hecatombe que poñía o seu cargo á disposición da organización política. Que tampouco é tanto, porque eu pensaba que eses cargos sempre estaban sometidos a esa disposición. Quizais Quintana o que debeu presentar é a súa dimisión. Touriño nin iso fixo. Volveuse a limitar a dicir que fará (el?) as “correccións” que fagan falta.
A Quintana tamén lle xogou unha mala pasada o seu fascinio pola erótica do poder. Esa foto na bañeira do iate dun rico que acabou favorecido coa tarta da industria eólica foi un golpe directo no fígado. E tamén respondeu coma Touriño, recorrendo aol fácil argumento de que o contrario só facía guerra sucia. Sucia sería, pero serviulle para empolierarse no sorpasso. Andivo algo máis fino coa incomprensíbel metedura de pata dos vellos en Oia. Polo menos pediu perdón, pero tampouco pasou dese xesto. Tiña que acompañalo coa toma inmediata de medidas correctoras de exemplarización que non tomou. Nisto foi moito máis pillo Feijóo cando dinamitou a carreira política de Luis Carrera.
O caso foi que todos estes erros cometidos por socialistas e nacionalistas serviron para frustrar definitivamente a ilusión de cambio que naceu no ano 2005 e que acaba de ser chapodada polos que non souberon gobernar Galicia nin Galiza nos últimos catro anos. Un goberniño bicefálico que non foi quen de meterlle o dente á Cidade da Cultura nin de manter esa ilusión progresista vese desaloxado do poder por un electorado que diexou claramente a mensaxe de que non quere máis coñas senón un goberno forte, de maioría, que afronte a crise. Non me gusta o que pasou nas urnas, pero teño claro que pasou por algo: polo fracaso de dúas forzas políticas que pensaron que gobernar era facer o mesmo que facía Fraga. Nin máis nin menos. Algúns tarderemos en comprender por que nos someteron a esta desilusión.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Señor Croques, Vd que coñece o xénero podería opinar sobre os seguintes asuntos:
Cal será a partir de agora a actitude de La Voz de Galicia no tocante a Cidade da Cultura?
Cal será a política de Feijoo sobre o particular?
E no tocante ao AVE?
Seguirán as axudas millonarias aos medios afins?
Aplicarase o de libertade de elección e dividirase a comunidade escolar en función da lingua da súa preferencia?

Anónimo dijo...

Eu tamén quería preguntar. Cal será agora a actitude xeral de El Correo Gallego, que foi todo eloxios con Fraga primeiro e co Bloque despois (se queredes repasamos capítulos coma o do Prestige e o concursiño eólico, vaia viaxe...)? Que pasará co Xornal de Galicia e co amiguito Jacinto Rey? Vai ser simpático ver a maioría dos medios que rendiron pleitesía ó BNG polos donativos da vicepresidencia virando todo a babor rumbo a Feijoo.

Anónimo dijo...

Eu tamén quería preguntar. Cal será agora a actitude xeral de El Correo Gallego, que foi todo eloxios con Fraga primeiro e co Bloque despois (se queredes repasamos capítulos coma o do Prestige e o concursiño eólico, vaia viaxe...)? Que pasará co Xornal de Galicia e co amiguito Jacinto Rey? Vai ser simpático ver a maioría dos medios que rendiron pleitesía ó BNG polos donativos da vicepresidencia virando todo a babor rumbo a Feijoo.

Anónimo dijo...

Tendes cada preguntas, meus.
Aí van outras:
Cal será a partir de agora a postura de Francisco Rodríguez, xefe da UPG e máis de Quintana?

Dimitirá Paco, ou continuará facendo ese labor humanitario que sempre lle caraterizou?

Acudiremos as vindeiras manifas convocadas pola lexión de despedidos e despedidas trala desfeita do Goberno "Bi", baixo a bandeirola do sindicalismo subvencionado de Nazón?

Ai, esta-lles ben por facar Neofraguismo desde o Progresismo.

Anónimo dijo...

Hai vai outra pregunta, ¿ e de qué ten que dimitir,Paco Rodriguez ?