Diante do espectáculo delirante dun capitalismo salvaxe que destrúe postos de traballo, aproveita a crise para concentrar riqueza, defrauda todo o que pode –e máis aínda–, demoniza a clase traballadora e trata de elevar aos altares o liberalismo vixesimonónico da Escola de Chicago, Xosé Luís Rodríguez Zapatero decidiu cambiar de pista. O líder socialista, que algunha vez representou a esperanza dos condenados da terra que aínda ficamos vivos sobre a pel da Iberia, decidiu pechar a súa vida política deixándolle feito o traballo sucio que lle ha aproveitar á dereita cando, dentro de dous anos, lle toque sucedelo na Moncloa. Puido ser Largo Caballero, pero escolleu ser Indalecio Prieto. Que me devolva o voto que algunha vez lle prestei.
Empezou pechando os ollos sobre a crise, contribuíndo a que se abrise máis o abismo económico, e rematou dándolle ao tema o mesmo tratamento que lle daría Bush se aínda seguise no poder. Económica e socialmente, Zapatero pasouse á sagrada relixión do neoconservadurismo. É un neocón. Non fixo absolutamente nada por reordenar o sistema facendo que aportasen máis á solucción da crise os que máis teñen. Resulta escandaloso obervar o comportamento perverso e obsceno da clase dirixinte bancaria, financeira, empresarial e política en materia de salarios e prebendas, por exemplo, con incremetos salariais nos staffs que van ata o 60 por cento. Nun país no que hai xente que traballa oito horas ao día por 400 euros ao mes, tamén hai dirixentes de empresas que gañan millón e medio de euros cada ano, políticos que van de vacacións sen pagar a praza que ocupan nin o wisky que beben nos avións e señoritos de caldo á merenda que están no paro porque lles peta.
Non é só que Zapatero xirase á dereita, como lle lembrou onte Ignacio Escolar en Público, xornal nada sospeitoso de ser inimigo do socialismo, é que o presidente español virouse neocón. Que traballen os de sempre dous anos máis (co que aínda haberá menos postos para os mozos). Que se fodan os que van ficar sen pensión, e que cobren menos os que aínda lles quede o dereito a cobrala. Medidas así han seren sempre absolutamente obscenas cando son tomadas por políticos que aseguraron para eles as mellores pensións polo simple feito de fichar dous anos nalgunha cámara de representación.
Xa non vale dicir que todo está xustificado pola crise económica. O que hai é unha crise moito máis fonda aínda, que é a crise moral e o desleixo político dos que algunha vez foron construtores de futuro. Pasoulle a Felipe González e agora pásalle a Zapatero.
4 comentarios:
Non se preocupe, meu. Xustificarano todo coa panoplia de que estamos nun cambio de época e que hai porse ao día. Tramposos!
Non queríamos Globalización, pois xa a temos, pero non unha cunca agora dúas.
Estes Socialdemócratas sempre foron igual na historia, administradores do capital.
Nada temos que estrañarnos, son así e sempre foron e serán desta maneira.
A primeira vez que lle votei foi en 1982, por aquilo do voto útil. Nin útil nin carallos. Como di Perfecto, que me devolvan o puto voto dun caralloo dunha vez.
Andrés:
Lea o próximo post deste blog. Pode que lle axude a comprender que non ten toda a razón do mundo.
O Andrés prece todo un neocon. Dame a sensación que é dos que queren privatizar ata o ar. Debe ser un banqueiro xa que ten que meter medo ao persoal sobre a xibilacións, para que os bancos fagan o agosto. Privatiza Andrés que algo queda. Así nos foi e así nos vai, ti eres dos que queren meter o raposo no galiñeiro e globalizar as galiñas e máis o raposo.
Con pensamentos así este mundo no cambia xamais, os ricos máis ricos e os pobres ao carallo.
Publicar un comentario