jueves, enero 28, 2010

Corredoiras

Di Beiras que “a esquerda se atopa nun laberinto análogo ás corredoiras deste país que, unha vez que se asfaltaron as pistas, quedaron a monte" e trátase, segundo el, de “rozar eses camiños e volver a transitar por eles”.
Dubido algo que sexan moi acertadas calquera das dúas metáforas. A das corredoiras e a do verbo rozar. Con tanto asfalto e tanto monte, xa pouco debe quedar das vellas corredoiras e, ademais, a xente xa se afixo a transitar en coche polas pistas asfaltadas que tanto rédito político lle teñen dado a Cacharro, no seu tempo, e aínda lle seguen dando a Baltar.
Por moito que o diga Beiras, agora non abonda con rozar o monte en busca dos vellos camiños que non valerían hoxe a penas para máis nada que non fose andaren os cazadores tras das lebres porque perdices xa non quedan. De non seren adaptados, eses camiños serían hoxe veas mortas dun sistema circulatorio embolicado de máis e cheo de atrancos. Nin sequera as calzadas romanas aguantaron o paso do tempo, e menos aínda poderían resistilo as nosas caenllas.
Está ben que Beiras nos propoña conservar, aprezar e ata mimar o que foi a nosa enxeñería vehicular campesiña. Non pode haber nada máis nobre que o recoñecemento ancestral e a conservación da memoria, pero en materia política non abonda con rozar as vellas pedanías. Hai que ir máis lonxe se se quere peneirar as telarañas da re publica. Abrir camiños novos que ben poden seren construídos a partir da rehabilitación dos vellos ou sobre bimbios totalmente cultivados no noso tempo. Este é o debate do futuro da esquerda galega e non o de desafíar fouciños rozando contra toxos e xestas que naceron onde non debían.
Resúltame chocante dicilo, pero coido que aporta máis ao futuro da esquerda galega Steve Jobs, presentando onte a súa iPad, que Xosé Manuel Beiras convocándonos a rozar as desaparecidas corredoiras para volver a andar por elas. Só me queda unha dúbida. Teremos que volver a poñer tamén as zocas de bidueira e os escarpíns de lá gorda ou poderemos andar enriba da lama cos actuais e comodísimos MBT?

2 comentarios:

Alfonso García dijo...

Lamento non estar nada de acordo con vostede, don Perfecto. Parece que vostede avoga por un "non lugar" (termo acuñado por Marc Augé) estendido ata ocupar o mundo enteiro. Calquera investigador da paisaxe (hainos, e moi bos, aquí en Galicia mesmo: http://www-gtarpa.usc.es)apoiaría as teses de Beiras. "Nin sequera as calzadas romanas aguantaron": toma, vaia razonamento. Pero atopamos un castro e ben que nos gusta escavar nel e que nolo reconstrúan (Santa Tegra por exemplo). Eu non falo de musealizar toda Galicia, pero as congostras nosas, as corredoiras, hai que evitar que se perdan todas. Os muíños: gustaríalle que se perdesen? Cre que valen máis que as congostras? A min, por exemplo, encántanme as parras, as vides sobre os camiños. Van camiño de desaparecer. Coido que ten que viaxar máis a Bretaña. E a Bretoña tamén.

Anónimo dijo...

Beiras sempre foi moi válido, pero nunca tivo a lucidez dun Camilo Nogueira, por exemplo.