No número correspondente a xullo-agosto de 2009 da revista El Viejo Topo, Vicenç Navarro, catedrático de Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, publicou un interesantísimo artigo demostrando os graves erros cometidos polos economistas e polos medios de información e persuasión liberais no seu diagnóstico sobre o suposto colapso das pensións públicas. O seu contido readquire agora plena vixencia cando o presidente Zapatero decidiu formar coro con esas voces agoreiras, caendo nas súas trampas e sabendo onde se mete. Recoméndolle a Andrés, amábel contertulio no post anterior, que lle bote unha ollada a este razonamento.
O profesor catalán comenza repasando “a avalancha liberal que ten como obxectivo alarmar a poboación facéndolle crer que as pensións non son viábeis”, e mete nese saco a Comisión Europea, o Banco de España, o BBVA e o Partido Popular Europeo (do que forma parte o PP), por teren publicado informes e documentos que chaman a rebato sobre a necesidade de reducir as pensións porque o sistema da Seguridade Social non é sostíbel. Di Navarro que “todos estes documentos teñen erros graves que invalidan as súas conclusións, transformando tales documentos en manifestos políticos en vez de informes científicos”.
O primeiro é o de asumir que a esperanza de vida mide os anos que vive unha persoa. “O que ocorreu en España (e en Europa) –sostén o catedrático– é que a mortalidade infantil foi baixando dun xeito moi marcado, co que a esperanza de vida foi subindo, pasando de 76 a 80 anos. Pero iso non quere dicir, como se asume habitualmente, que o cidadán español medio viva catro anos máis que hai vintecinco anos” (o artigo completo pódese ler aquí). Foi descendendo a mortalidade de cada grupo etario, pero os anos de vida media dun español non son agora catro máis que en 1980. “Calcular as pensións baseándose nesa lectura errada dos datos penaliza a poboación pois asume que a xente vive máis anos dos que realmente vive”, conclúe Vicenç Navarro.
Outro erro é o dos promedios, que non son sensíbeis ás diferenzas entre as clases sociais. “As diferenzas por clase social son enormes –sostén o autor– . Así, a diferenza nos anos de vida existente entre unha persoa pertencente á decila (tramo) de renda máis baixa do país (os máis pobres) e a decila superior (os máis ricos) en España é nada menos que dez anos (leu ben, dez anos). En EEUU son quince e no promedio dos países da UE.15 son sete. É profundamente inxusto pedirlle ao primeiro que continúe traballando dous (e algúns piden cinco) anos máis para pagar as pensións do segundo que lle sobrevivirá dez anos… Retrasar a idade de xubilación sen máis, é unha medida que perxudica as clases populares para beneficiar as clases de maiores rendas que viven máis anos”.
Está logo o erro do argumento alarmista: o de que o crecemento da porcentaxe do PIB gastada en pensións é excesivo. Navarro opina que este é un dos erros metodolóxicos máis importantes cometidos no informe da Comisión Europea. Ese argumento indica que a porcentaxe do PIB en pensións subirá do 8,4 por cento no 2007 ao 15,1 por cento no 2060, e que ese crecemento non poderá ser absorbido pola sociedade. Haberá, segundo os que argumentan deste xeito, que intervir xa agora mesmo disminuíndo os beneficios dos pensionistas.
Nada máis falso, segundo Vicenç Navarro. Este argumento ignora o impacto do crecemento da produtividade sobre o PIB do ano 2060. Supoñamos –razona o autor– que o crecemento anual da produtividade é do 1,5 por cento, admitido como razonábel mesmo polo Banco de España. O valor do PIB español será 2,23 veces máis co que houbo en 2007. Quere dicirse que, se consideramos o valor do PIB do 2007 como 100, o do ano 2060 será 223. Porén, o número de recursos para os pensionistas do ano 2007 foi de 100 menos 8,4 (8,4 é a cantidade gastada ese ano en pensionistas), é dicir, 91,6. No 2060, os recursos dedicados aos pensionistas serán o 15,1 por cento de 223, ou sexa, 33 e para eles será 223 menos 33, é dicir 192, unha cantidade que é máis do duplo da que houbo no 2007, 91,6. Debido ao crecemento da produtividade, no 2060 haberá máis recursos para os pensionistas dos que hai hoxe, aínda a pesar de que a porcentaxe do PIB dedicado a eles sexa superior. “Os que alarman innecesariamente a poboación –di Navarro– esquencen un feito moi elemental. Hai cincuenta anos, España dedicaba ás pensións só un 3 por cento do PIB. Hoxe é un 8 por cento, máis do doble… A sociedade tén moitos máis fondos para os pensionistas dos que había daquela, aínda que sexa agora moito maior a porcentaxe do PIB en pensións. Por certo, xa hai cincuenta anos, cando España gastaba un 3 por cento do PIB en pensións, había voces liberais que dicían que en cincuenta anos doblaríase ou triplicaríase esa porcetaxe arruinando o país”.
Vicenç Navarro revólvese contra os que se equivocan constantemente nas súas proxeccións demográficas. “Calquera demógrafo que teña algo de rigor –explica– sabe as enormes dificultades en calcular cambios demográficos por períodos tan longos como cincuenta anos. Un bo exemplo é que os bancos e as caixas publican cada dez anos informes anunciando o colapso das pensións en dez anos. La Caixa (en 1998), o BBVA (en 2005), o Banco de Santander (en 1995, 1999, 2002 e 2009) e unha longa lista, predixeron o colapso (utilizando un termo menos contundente) das pensións en dez ou como máximo vinte anos máis tarde”. Na defensa das súas proxeccións utilizan os mesmos argumentos e os mesmos datos. Unha delas é a evolución da pirámide demográfica, indicando que a porcentaxe de vellos está medrando moi rapidamente e a dos xoves está revendo moi substancialmente , “ignorando –apunta o autor comentado– que nos países que financian as pensións mediante cotizacións sociais, como é o caso español, o punto clave non é o número de xoves e adultos por cada vello, senón o número de cotizantes e a cantidade de cada cotización por beneficiario. E tanto un como o outro están subindo, o primeiro a causa da participación da muller no mercado do traballo (se España tivese a taxa de participación da muller que tén Suecia, habería tres millóns máis de cotizantes á seguridade social), e o segundo como consecuencia do aumento da produtividade e dos salarios”.
Todo isto non quere dicir, e non é o que di Vicenç Navarro, que non haxa que introducir cambios. O catedrático da Pompeu Fabra exprésase moi claramente: “Contrariamente ao que se di constantemente, as pensións, incluíndo as contributivas, son demasiado baixas, debido a que os salarios son demasiado baixos”. Habería que ir á flexibilización da idade de xubilación pemitindo que as persoas que desexasen xubilarse máis tarde (na maioría profesionais) puideran facelo. A xubilación debería ser un dereito e non unha obrigación.
E debería prohibire, cmo se prohibe en varios países, utilizar a prexubilación por parte do mundo empresarial para cambiar os cadros de persoal, penalizando o sistema da seguridade social e os prexubilados, que reciben unha pensión menor. Esas prexubilacións representan en España un recorte de ingresos equivalente ao 6 por cento do PIB.
Vicenç Navarro tamén advirte que “o Estado debería aumentar a súa aportación ás pensións tal como fan outros países (como Dinamarca), nos que as aportacións procedentes dos impostos xerais son moito máis intensas ca en España. Non hai nada sagrado na Biblia económica que diga que as pensións teñen que pagarse a base de cotizacións sociais”. España xa fixo iso coa Sanidade, que estivo financiada pola Seguridade Social, e pode aplicalo a outras áreas.
Zapatero anda moi rufo proclamando que non lle dá medo meterse no debate sobre a reforma da xubilación. Pois veremos como sae del. Chamuscado, seguramente.
4 comentarios:
Interesante artigo, don Perfeuto. Os bancos xa sabemos o que gañan cos plans de pensións: convírtense en depositarios dos nosos cartos. Pero ¿qué é o que lle fai a Zapatero meterse agora nesta liorta? Eu diría que xa da por certo que non será o próximo Presidente de Goberno e trata de compoñes a figura cara a posteridade. Tarde piaches.
Primeiro tiña que poñer freno o asunto das prexubilacións que propiciou ou facilitaou durante o seua mandato (incluindo os medios de comunicación públicos como EFE ou RTVE). Todos somos iguais perpo, xa se sabe, uns mais iguais que os outros. Eu teño que seguir traballando máis aló dos 65, pero amigos e colegas da miña idade xa levan anos prexubilados. ¿E como lle pide vostede o obreiro que siga traballando cando non pode co seu corpo? ¿No se dan conta os políticos que non todo o mundo traballa sentado ou ten traballos tan cómodos como os seus? Claro que eles poden retirarse ainda antes pois teñen garantida a pensión sin ter traballado 35 anos.
Por certo o da foto e Jobó. ¿Non é?.
A Zapatero deberon chamalo ao rego dende o seu partido. Corbacho., ministro de Traballo, xa saiu dicindo que "o debate das pensións comenza agora", e salientando que as contas da Segurdade Social son "magníficas" e gozan de "saúde de ferro". A proba, di el, está en que o ano pasado pecharon cun superavit de 8.500 millóns de euros e o fondo de reserva supera a o 60.000 millóns.
Comentario estupendo Sr. Perfecto.
Cómo se consinteu que os bancos e caixas prexubilaran tanta xente, e esas vacantes foron con xente nova pero con contratos lixo e traballando mañan e tarde. Eu a iso chámolle a "trampa da nécora".
A Seguridade Social se é Social tiña que ser financiada cos presupostos do estado.
Observen unha xubilación dun alto directivo: A pensión vitalicia de 3 millóns de euros do BBVA ao seu número dous José Ignacio Goirigolzarri é como unha moca a tódolos pensionistas deste inxusto país. O BBVA anunciou a saída de “mutuo acuerdo” deste “jubileta anticipado”. Para afrontar esta suma de tres millóns anuais que cobrará, o banco o aprovisionou en 54, 49 millóns de euros. Seguro que se vai apuntar ao INSERSO en Benidor para un cura de almorrás.
Este puto país non ten cura e estes elementos consentidos por eses políticos corruptos que teñen máis cara que un zapato vello.
A silueta da persoa que está no barco é inconfundible. Claro que é Jobó.
Jobó de Vilaxoán?
Publicar un comentario