lunes, enero 25, 2010

Varela Flour

Cando un vai comprar ostras en Cancale (Bretaña) e pide unha ducia delas sempre lle dan trece, ou sexa, doce máis unha. Entre nós, as ducias parece que son de once, a xulgar polo número de escritores galegos que ostentaron os seus premios nacionais para pediren a dimisión do conselleiro de Cultura, ese peripatético señor que se chama Roberto Varela Flour.
Claro que tampouco se precisa ser premio nacional de nada para chegar á conclusión que acadaron os nosos escritores premiados. Para ter un conselleiro de Cultura que lle “falta á consideración” ( Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Condedixint) á materia principal do ramo polo que lle pagamos os contribuíntes, se cadra pagaba máis a pena que Núñez Feijoo mandase disolver o departamento gobernamental que conduce o diplomático de carreira que no dá unha de política diplomática. Aforraríanse moitos cartos que podían empregarse en montar unha granxa de sereas no castro de Baroña ou ou un criadoiro de donicelas no dolmen de Axeitos.
Resulta que, para el, a cultura galega é limitadora, ensimesmada, acomplexada e non sei cantas cousas máis –todas autoodiantes– e non se sabe ben que fai un xestor así dirixindo un cortello de embebidos. Debe ser da escola dese egrexio patrón do empresariado español, que nin se lle ocurriría subirse nunca a ningún dos avións da súa fracasada empresa de aviación (Air Comet). A súa “diplomática” defensa da cultura que lle paga un salario que non é preciamente mileurista resulta tan chocante como se a André Malraux, un dos mellores ministros de Cultura que houbo en Europa, lle chistase dicir no seu tempo que Notre-Dame-de-Tronöen está ben, pero resulta algo pequecha de máis. Ou, se cadra, mellor aínda: como se a Amancio Ortega lle petase salientar que a roupa de Inditex non está mal, pero resulta algo apretada. Supoño que se poñería a cambiala ou vendería a empresa para que alguén fabricase mellor as prendas.
Varela, non, Varela ponse a dicir parvadas sobre a cultura galega, pero segue comendo dela. Non dimite nin cambia de política senón que, pola contra, mesmo se pon algunha vez a invadirlle as competencias ao conselleiro de Educación vertendo sobre a fogueira do idioma galego algunha latiña de gasolina, como se o tal incendio non tivese xa abondas laparadas. Agora si que é cando e Galicia é onde hai que dicirlle que non se pode soportar tanta desidia. Co ben que podía pasalo este cónsul das impertinencias lendo a Tom Wolfe sentado nun banco de Central Parck ou axundando a recoser o Picasso que estragou esa mulleriña que acaba de esvarar no Met, en vez de estar sentindo o limitadiños e ensimesmados que son Xelmírez, Castelao, Rosalía, Curros, Pondal, Celso Emilio, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Paco del Riego, a igrexa de Santa Comba de Bande ou as pallozas de Piornedo (e xa non digamos os fornos da Pontenova).

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Cos fornos da Ponte que non se lle ocurra meterse!

reis dijo...

magnifico e atinado, parabens.

Alfonso García dijo...

Ao nomear esas pallozas de Piornedo pensei que Roberto Varela era este fulano. Mirei mal!
http://www.flickr.com/photos/certo/2480786681/

Theo dijo...

A Unesco, en 1982, declarou:.....a cultura da ao home a capacidade de reflexionar sobre si mesmo.......
Eu pregúntome. ¿Este home reflexiona?.
Aquí no país en política calquera vale para un roto como para un descosido, o digo por aquilo de diplomático á cultura.
Cómo o Sr. Gago do PSE ( o da O de obreiro xa hai moito que non lla poño), Alcalde de Vilagarcía durante unha morea de anos. Presidente da Autoridade Portuaria da mesma cidade e agora o nomean para un alto cargo director de Salvamento. Hai que foderse, de avogado a todo isto. Son uns entendidos de moito carallo. Os deuses nos libren doutro "Prestige" con este elemento ao mando. Os deuses me libren pola miña profesión de mariño de ir a pique co barco.
Non debe haber Mariños entendidos para este posto.
Do Conselleiro idem de idem. Así nos vai. Que lles den moito.....

Anónimo dijo...

A TOTALIDADE DOS ONCE ESCRITORES GALEGOS QUE OBTIVERON O PREMIO NACIONAL DE LITERATURA PEDIMOS A DIMISIÓN DO CONSELLEIRO DE CULTURA DA XUNTA DE GALICIA
O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.
Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.
Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.
Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.
Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Traducción, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensayo, 2008)

Anónimo dijo...

E logo Suso de Toro non ten expresado ideas parellas/similares ás do Conselleiro nalgún artigo publicado en El País, edición Galicia, en castelán?

Perfecto Conde dijo...

Non sei se De Toro ten publicado ou non ideas parecidas nin, para o caso, me interesa moito. Suso de Toro aínda non é conselleiro de Cultura (todo se andará). Polo tanto, non está comprometido institucionalmente coa defensa oficial dunha cultura.
Item máis, admito que, nalgún caso, eu mesmo podería considerar demasiado "ensimesmadas" determinadas manifestacións ou comportamentos da cultura galega, pero eu tampouco son conselleiro de Cultura (nin se andará ese camiño). Insisto en que o caso de Varela ten algo que ver co do estrambótico patrón da patronal española.

Luisfoz dijo...

Muito bem, esta dúzia escassa teve um comportamento bem digno.Valem por treze como a dúzia do frade.

Xesús Docobo dijo...

Vaia, comezan a rectificar. El, Flour non, o segundo de a bordo (alguén o coñece de algo, a este Francisco López?): http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar1811.html

Ou ao mellor non rectifican: haberá cultura galega acomplexada e cultura galega sen complexos, como Lamazares. Vaite a saber!