jueves, julio 26, 2012

Bandeiras negras para a costa galega

A organización Ecologistas en Acción, no seu Informe Bandeiras Negras 2012, denuncia tres casos en Galicia como "lugares cunha alta degradación e presións sobre os ecosistemas litorais da costa, derivada de vertidos contaminantes graves ou continuados no tempo, agresións urbanísticas, obras costeiras, planos de ordenación de recursos con contido agresivo sobre o medio; ameazando a saúde da costa, os seus habitantes e a identidade". Con tales motivos, atribúelles Bandeiras Negras a cada un dos seguintes casos:
A Coruña: Urbanización Do Litoral de Fisterra.– Pola artificialización dun tramo de costa ben conservado ata hai pouco, afectando o Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura 2000 “Costa da Morte" mediante un crecemento urbanístico desmesurado no litoral de Fisterra (provincia de A Coruña). Ecologistas en Acción sinala como responsábel da súa aprobación o Concello de Fisterra.
Pontevedra: Complexo turístico Talaso Atlántico.– Por ser edificado a escasos 102 metros da costa, nunha zona de especial relevancia paisaxística no sur de Pontevedra. Construído en chan rústico de protección ordinaria, tras varias denuncias, viu anuladas as súas licencias de construcción por seren contrarias a dereito, segundo a sentencia firme do Tribunal Superior de Galicia (18/03/09). Agora debe repoñerse a legalidade, é dicir, derrubar o enorme edificio de máis de 10.000 metros cadrados. Promotor: Balneario del Atlántico, S.L.
Barreiros (Lugo)
Lugo: Urbanización do Litoral de Barreiros.– O Concello de Barreiros, gobernado polo Partido Popular, concedeu licencias urbanísticas para máis de 3.500 vivendas entre xaneiro de 2006 e febreiro de 2007 nas parroquias da súa franxa litoral, pretendendo así dar continuidade ao crecemento urbanístico de anos anteriores. Moitas das licencias concedéronse en chans que carecían de servizos básicos a vivendas sen acceso a unha vía pavimentada... Ante as evidencias de irregularidades a Xunta de Galicia suspendeu no 2007 as Normas Subsidiarias de Planeamento de Barreiros e presentou un requeremento ao Concello para a revisión de oficio das licencias otorgadas a partir do 2006 o que, ao non ser atendido, deu lugar á presentación duns 50 recuros contencioso-administrativos.
Tras o cambio de goberno na Xunta, esta suspendeu os recursos contencio-administrativos presentados contra o Concello, promovendo un convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros que, cun orzamento de 14 millóns de euros, financiará a dotación de servizos propios de chan urbano para así legalizar o caos urbanístico. En virtude deste acordo, a Xunta aportará 5,6 millóns, a Deputación de Lugo 1,2 e o Concello outros 7,2 millóns, que espera recaudar dos promotores inmobiliarios, se ben este derradeiro detalle non figura en ningún acordo escrito. Administración Responsábel: Concello de Barreiros e Xunta de Galicia por suspender os recursos contra o proxecto.
Ademais, Ecologistas en Acción denuncia como “persoas e administracións responsábeis de protagonizar a destrucción da paisaxe da nosa costa pola súa actividade económica e política”, as seguintes entidades de Galicia:
Autoridade Portuaria de Marín
Autoridade Portuaria de Pontevedra
Concello de Barreiros
Balneario del Atlántico SL
Concello de Fisterra
Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia
Deputación de Pontevedra
Ministerio de Medio Ambiente
Territorio e Infraestruras da Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
En resume, que xa non só é o informe Destrucción a toda costa de Greenpeace o que pon na picota a pésima xestión pública e privada que está a padecer Galicia no tocante aos recursos ambientais do litoral.

Estamos perdidos


O xornal francés Libération dedícalle hoxe toda a súa primeira, o editorial e as catro páxinas principais á crise de España. Na portada, un exclamativo titular escrito directamente en español: ¡Perdidos!, en tipografía de gran tamaño sobre as cores da bandeira española. Dentro, outro titular moi rechamante: “L’été sera chaud pour une Espagne à sec”, que equivale a dicir que o verán será quente para unha España a secas. No editorial, cun titulo que non fai falta traducir, Débâcle, escrito por Nicolas Demorand, empézase dicindo que “nada funciona”.
Jean Quatremer, correspondente do xornal en Bruxelas, sostén que “o tempo para que Madrid non poda acceder máis aos mercados, como Atenas, Dublin ou Lisboa, non parece moi alonxado”, e citando a Laurence Boone augura “un verdadeiro escenario á xaponesa do que aínda non se poden ver as consecuencias en termos de crecemento”.
No seu editorial Nicolas Demorand vai máis lonxe manifestando que nada funciona. “Nin os anuncios solemnes dos cumios de crise, nin os centos de miles de euros inxectados en emerxencia cando o dominó se afunde e o seguinte se pon a tembrar. Non hay nada que funcione e, paradoxa das paradoxas, estas verbas e estas medidas contribúen a agravar a catástrofe que elas deberían conxurar. Erro de perspectiva: refugar o ver que esta crise, de orixe económica, mudou para cambiar de natureza e converterse en política, reclamando respostas políticas, artelladas arredor dun proxecto político”.
Outro analista de Libération, Vittorio de Filippis, observa que hai “unha liña de fractura eropea que se precisa algo máis cada semana” do modo seguinte: “Dunha banda, o campo dos países do Norte, con Alemania, Austria, Finlandia, Dinamarca, Holanda e Suiza. Doutra, unha zona que agrupa a Grecia, España, Portugal e Italia... Os primeiros benefícianse da graza dos mercados, mentres que os segundos fannos fuxir. A proba está na evolución recente das taxas de interese das débedas soberanas”.
Segundo este analista francés, “Alemania e os seus consortes non mostran unha forma ecomíca olímpica. Que máis dá, os fondos de investimento, as primas de risco e outros investidores lánzase en picado sobre os portelos dos seus Tesouros públicos. Desexan comprar a débeda obrigatoria destes países. Mesmo se nisto deixan as plumas. Resultado: sobre vencementos relativamente cortos (dous anos), as taxas alemás son negativas: –0,06 por cento. Pola contra, cada vez que os Estados do segundo grupo se presentan nos mercados financeiros internacionais co propósito de conseguir capitais, as taxas de interese aumentan. España e Italia, sobre todo, cada vez pagan máis cando asoman a nariz nos mercados. Os países do Norte, Alemania á cabeza, fan desta situación unha proba da súa boa xestión. Cando os do Sur rozan a asfixia orzamentaria e financeira”.
O noso egrexio comentarista de cabeceira, Xosé Luís Barreiro, coido que debería ler de vez en cando os xornais franceses para completar algo a visión conservadora que lle dan as malas traduccións do Financial Times.

martes, julio 24, 2012

A soberbia europea

O xornal que máis leo, que máis me gusta e co que ata transcorreu unha parte da miña vida profesional –é evidente que estou a falar de El País–, seguramente debido ás súas alianzas arxentinas, non para de darlle caña á presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Durante un tempo desprazou a Buenos Aires a unha das súas veteranas xornalistas, Soledad Gallego, e agora ten desprazado aló outro peso pesado, Francisco Peregil, para tocarlle as bolas ao actual goberno arxentino. Persoalmente boto de menos aqueles tempos nos que El País tivo na capital de Arxentina o seu mellor corresponsal, José Luis Martín Prieto.
Nos último anos o xornal español quizais se enredou demasiado en negocios emprendidos co arxentino que lle decrarou a guerra aos Kirchner, antes a Nelson Kirchner e agora á súa viúva. O bonarense Clarín, sen dúbida un gran xornal que non soubo eludir a tentación de converterse en parapeto dos intereses persoais extraperiodísticos dos seus propietarios, en concreto da familia Noble, e dirixíu toda a súa artillería mediática –televisión incluída– contra a política dos Kirchner, unha das máis pogresistas e eficaces das que se están levando a cabo en toda Latinoamérica.
Página 12
O caso é que eu vexo a El País excesivamente virado cara a axenda do seu compadre Clarín e totalmente alonxado, por exemplo, do outro gran xornal de Buenos Aires, Página 12, que escarrapata menos no horto do goberno kirchneriano. Isto tamén é o que lle pasa a case todo o xornalismo europeo de establishment, que adoita mirar algo por riba do ombreiro as políticas progresistas que se están levando a cabo en países como Arxentina, Brasil, Venezuela, Bolivia e Ecuador.
Non se entende, por exemplo, como a soberbia europea estea facultando unha indudábel incomprensión do actual fenómeno latinoaméricano, inmensamente menos afectado pola crise que todo o continente europeo –ata o punto de que volve a haber emigración trasalántica dende os nosos países– no momento en que España, Grecia, Portugal, Irlanda e Italia están volvendo a ser como eran hai oitenta anos, Estados arruinados e desamparados como eran antes os países latinoamericanos que agora medran e combaten a desigualdade.
A explicación se cadra hai que buscala en que Europa foi –durante a xeración de SartreCamus ou Tierno Galván, que na política tamén era en certo modo a de Olof Palme, Gerhard Schröder, Oskar Lafontaine ou Felipe González– a parte do mundo na que se cocían as grandes ideas de progreso, de liberdade, de igualdade e de fraternidade. A desgrazada e estripotosa caída do comunismo conlevou tamén a desaparición de calquera expresión practica de socialismo real, e deixounos a todos a mercede do capitalismo obsoleto e retardatario que hoxe campea facendo o inmenso desastre que estamos empezando a padecer.
Por iso a min me gusta poñer cada vez máis a vista no que está sucendendo en Latinoamérica, continente no que ata falan de modo diferente os políticos. Non hai máis ca escoitar a Cristina Fernández no video que hoxe difunde Francisco Peregil. Non saben El País nin o seu corresponsal en Buenos Aires canto lles agradezo a súa teima de querer ridiculizar a presidenta arxentina. Váleme para decatarme de que hai outros mundos máis esperanzadores ca actual carcamancia europea, na que tanto empezou a militar de súpeto o ministro de Xustiza español Alberto Ruíz Gallardón e na que leva toda a vida o presidente Rajoy.

lunes, julio 23, 2012

Ata enterralos no mar


España é cada vez máis un conxunto de países que está gobernado por políticos que non saben que facer para complicar definitivamente a vida dos cidadáns. E que dicir de Europa? Pois, máis ou menos, que é un conxunto de Estados empeñado en vender a prezo de saldo as conquistas sociais que custou sangue, suor e bágoas conquistalas.
Nunhas declaracións de Esteban Volkov, que acaba de publicar o xornal arxentino Pagina 12, di o neto de Leon Trotsky que “o marxismo está cobrando cada día máis vixencia”, e que “non hai dúbidas de que o capitalismo está demostrando que é un sistema totalmente obsoleto e inxusto que non cumpre para nada as necesidades do xénero humano. Ao contrario, o capitalismo está destruíndo o planeta, está creando máis miseria, máis sufremento. A necesidade dun cambio é vital. Teño a certeza de que a maior parte da humanidade tomará conciencia desta situación e loitará por outro mundo”.
Que nos pasou aos europeos, outrora avanzada do progreso social e da loita pola igualdade, para que esteamos agora deixándonos converter no derradeiro laboratorio dese capitalismo obsoleto e criminoso? E non me vale como resposta única esa rancia e fofa cantiga de que descorchamos demasiado champán e agora hai que rematar a festa. Demasiadas botellas de champán descorcharíanas os que as descorcharon, pero o resto –que somos a inmensa maioría– pasamos as nosas vidas afogando as penas con viño peleón. Que paren de tocar a gaita eses economistas, políticos e chupatintas que cando non fan de gregarios do capitalismo obsoleto é simplemente porque están subindo e baixando das nubes.
Agora a camarilla político-económica de Rajoy xa empeza admitir que se cadra hai que irse do euro. Miña nai, miña naiciña, que me quentou a cariña co calorciño da súa! Empezaron dicindo que España ía ben, e miren no que andan agora. Baixando e subindo das nubes. Facendo de gregarios do capitalismo obsoleto e cruel. Ou gallopamos ata enterralos no mar, como no verso de Rafael Alberti, ou nos enterran eles no cemiterio da inxustiza e da desgraza.

domingo, julio 22, 2012

A clandestinidade do BCE


No Gabinete de Rajoy tiña que haber polo menos un ministro co que se puidese concordar en algo algunha vez, e é o de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, cando di que “o Banco Cntral Europeo é un banco clandestino que non está facendo nada para parar o incendio da débeda pública”. Por se houbese dúbidas, o presidente desta entidade avisou ao primeiro ministro español de que non se moverá un dedo para salvar a España. “O BCE non está para resolver os problemas financeiros dos Estados”, manifestou Mario Draghi.
E para que estará, logo, unha institución que ten un capital de 10.600 millóns de euros que lle foron aportados por todos os contribuíntes europeos? O 20 por cento deles, por Alemania; un 70 por cento polos 17 países que se apegaron ao euro, e 10 países máis que aportaron a porcentaxe que faltaba. Empezaron con 5.800 millóns de euros e, a finais do ano pasado, decidiron aumentar ese capital ata chegar a 10.600 millón cando remate o 2012.
O que pasa é que, efectivamente, o BCE non está para salvar a ninguén senón para facer negocio. Préstalles cartos aos bancos, non aos Estados. De maio a decembro do 2010, por exemplo, 72.000 millóns de euros a un conxunto de bancos a un interese do un por cento, e eses bancos prestáronllos a España, Grecia, Portugal e Irlanda ao seis e ao sete por cento. Marx chamarialle a isto tirar boas plusvalías. Os bancos gañaron entre tres e catro mil millóns de euros con esas operacións. Ou sexa, negocio á custa dos pobres.
Deste xeito sucede algo realmente escandaloso como é que os propios Estados sosteñen un BCE, controlado sobre todo por Alemania, que lles facilita cartos aos países ricos entre o –1 e o tres por cento mentres que lles cobra o seis e o sete por cento aos que non teñen esa sorte: España, Grecia, Portugal, Irlanda... Sempre a desigualdade para todo.
Teñen razón os que din que o sistema financeiro transformou o mundo nun casino mundial que nos levou a ruína. Os gandes ricos, cada vez máis ricos e o resto a pagar a crise subíndonos os impostos, baixando os salarios, recortando os custos dos servizos básicos e, dentro de pouco –xa se verá– rebaixando as pensións.
O BCE non é, como di García-Margallo, un banco clandestino, que disto ten pouco. O que é é un banco coma todos os demais, especulativo e causante das desgrazas de Europa. Ata cando imos seguir así?

sábado, julio 21, 2012

A noite cultural de Biblos-Pazos de Galicia

Na casa Grande do Bachao, preto de Compostela, tivo lugar onte a cea anual na que se fallan os premios Biblos-Pazos de Galicia, que este ano foi declarado deserto. Entre os case un cento de asistentes, podíanse contar varios membros da Real Academia Galega, escritores como Alfredo Conde ou María Xosé Queizán, varios editores e outros representantes da vida cultural e política de Galicia.
Tamén foi fallado o Premio ao Colaborador Necesario da Cultura, que lle foi entregado ao veterano e incansábel dinamizador cultural da Terra Chá, o cura Alfonso Blanco Torrado, fundador da Asociación Cultural Xermolo de Guitiriz, cofundador da Fundación Manuel María e animador do Festival de Pardiñas, entre outras cousas.
Estes premios foron postos a andar e son sustentados polo xornalista e escritor Tucho Calvo, director literario de Biblos Clube de Lectores, e por Xavier Goyanes, presidente da Asociación Pazos de Galicia. Concretamente o Biblos foi instituído para a escritores de menos de 25 anos que presenten un proxecto de novela que estean dispostos a escribir contando coa titoría dun autor galego consagrado, que no caso deste ano era María Xosé Queizán. O escultor Luis Loureira tamén fai cada ano unha pequena peza que lles é entregada aos pemiados.
A escultura coa que se galardoa o Premio Colaborador Necesario da Cultura denomínase Raias de Silencio, e a que reciben os xoves escritores A Peneira dos Soños. Ámbalas dúas distincións xa representan unha das máis singulares e significativas iniciativas culturais da Galicia actual. Tucho Calvo e Xavier Goyanes poden estar orgullosos.

viernes, julio 20, 2012

Benvidos, irmáns


Xa non hai dúbida de que o presidente do Goberno vai de vitoria en vitoria ata a derrota final. Como ben opina hoxe El País, nun dos seus editoriais, “apoyado en su mayoría absoluta, Mariano Rajoy saca adelante todo lo que quiere, pero este método no basta para generar confianza: los costes del endeudamiento se mantienen disparados, el país continúa peligrosamente cerca de verse excluído del mercado de bonos y se instala el temor a un otoño caliente”.
Precisamente, a temperatura que poda alcanzar o próximo outono pode ser determinante para o futuro inmediato do gobernante máis trapalleiro e mentiroso que chegou á Moncloa, e –moito máis aínda– para o futuro de todos os españois que non se resignen a pasaren do estado de benestar, que hata Franco axudou algo a conquistalo, á condición de novos servos da gleba; iso si, agora coa liberdade de saíren dos seus campos de traballo para seren explotados noutras latitudes, condición da que carecían os servos e os escravos da Idade Media.
Asistín onte á gran mafiestación de Santiago contra os abusos que está perpetrando o Partido Popular dende que está no poder, e gratificoume moitísimo observar que había nela trinta ou corenta policías nacionais de paisano, portando bandeirolas do Sindicato Unificado de Policía (SUP) contra estes abusos. A alguén da miña xeración pódelle resultar chocante coincidir no mesmo campo de protesta con membros das forzas armadas ou policiais, pero este milagre estase producindo –e irá a máis– grazas a Rajoy. E non vale facer chistes preguntando se a estes manifestantes lles vai dar tempo de cambiar de vestimenta cando haxa que disolver as manifestacións. Pola miña parte, eu saúdoos cun ilusionante “Benvidos, irmáns!”.

jueves, julio 19, 2012

Condena definitiva para a "alcaldada" de Santa Comba


Xosé Toja Parajó, alcalde de Santa Comba, acaba de ser condenado, en derradeira instancia, pola Sección Primeira da Audiencia Provincial de A Coruña á mesma pena de catro anos de inhabilitación que lle impuxo o Xulgado do Penal número 5 de A Coruña, o 20 de decembro de 2011, por un delicto de prevaricación.
O rexidor santacombés nin sequera respondeu ás denuncias que lle foron presentadas polo “número de licencias concedidas para a actividade de ‘tablao flamenco’, hasta un número de 43 no termo de Santa Comba, para unha actitividade que nesa localidade parace exótica”, segundo recolle a propia sentenza, na que se estabrece que todo iso “era claramente debido ao intento de aproveitar a prolongación da hora de peche, sen pretender sequera aparentar unha relación co contido da autorización, por fiticia que fose, nas súas actividades ou na configuración do local; en suma, que a situación estaba caracterizada por unha absoluta falta de control municipal tanto na concesión das licencias (que se ortogaban de forma automática) como no control sobre as actividades dos estabrecementos”.
Xosé Toja Parajó
O tribunal sentenciador –composto polos maxistrados Ánxel María Judel Prieto (presidente), Ignacio Alfredo Picatoste Sueiras e Gustavo-Aldolfo Martín Castañeda– recolleu nos seus fundamentos, entre outros, o feito de que o levado a cabo polo alcalde de Santa Comba identifica a súa “resolución inxusta e arbitraria coa claramente irracional, esperpética, o que popularmente se define como alcaldada, isto é, a acción imprudente ou inconsiderada que executa un alcalde ou calquera persoa afectando autoridade ou abusando do seu exercicio nunha situación promovida, querida e aceptada polo suxeto. A inxustiza identifícase coa deixazón groseira e grave das normas esenciais do funcionamento administrativo, o que no caso é evidente por omitirse acto algún real e eficaz para resolver unha situación exposta nunhas denuncias cuxo destino era o de seren gardadas nunha carpeta sen intención algunha de darlles curso e menos de ditar resolución sobre elas”, pois “a práctica seguida era a de gardar fisicamente as denuncias presentadas sen incoar sequera o correspondente expediente administrativo, ordenando un informe externo alleo a calquera trámite legal e unha simple visita da Policía Local para facer unha comprobación do estado dos locais”.
En defintiva, a Audincia Provincial de A coruña confirmou a sentenza de catro anos de inhabilitación do alcalde de Santa Comba coa “expresa imposición ao apelante das custas procesais devengadas” e a clara advertencia de que "non cumpre interpor recurso algún". Caso pechado.
Os “tablaos flamencos” remataron saíndolle caros a Xosé Toja Parajó. De onde lle viría esa afección ao folklore do sur?

Mariano Tesoira debe irse


Canto tempo vai resistir Mariano Rajoy na presidencia do Goberno de España? E de supoñer –e na miña opinión tamén de desexar– que pouco ha ser. Tal como lle está rodando a bola de neve das mentiras, trampas e política económica da vella das contas, España non tardará en converterse nun laboratorio social máis propio dunha situación prerrevolucionaria que dun país firmemente asentado na estabilidade europa.
Podemos ser Grecia, Exipto, calquera cousa, polo camiño que nos están a levar. Funcionarios na rúa todos os días –policías cabreados, manifestantes e activistas incluídos–, membros da xudicatura ata as mesmísimas puñetas das súas togas, empresarios arruinados, a clase media a piques de volver ao seu punto de partida, a terceira idade quedándose cada día que pasa con menos benestar... Só falta que aos estudiantes lles dea a gana de tomar conciencia do que lles espera e aquí pode volver a estar a praia debaixo dos lastros de todas as prazas maiores de España.
Antes de que iso ocurra, Rajoy debe irse coa súa tesoira. Adiantar eleccións e permitir que alguén menos mentiroso e máis consciente dos nosos problemas corrixa o rumbo. De non facelo, o barco vai directamente contra as rochas. É cuestión de tempo. De pouco tempo.

miércoles, julio 18, 2012

O meu tio de América


Monte Olivia

Non sei por que, un día destes pola mañá, deume por pensar nun dos sete irmáns que tivo o meu pai –xa están todos mortos, o meu proxenitor tamén– e ao que nunca tiven ocasión de velo nin, polo tanto, de saber case nada del. Emigrou a Buenos Aires antes da guerra civil, e nunca máis volveu. Cada unha das dez ou doce veces que viaxei á capital arxentina, cando ía comer pasta ao Banchero da rúa Corrientes ou carne a La Estancia de Lavalle, sempre pensaba en que sería dese parente meu ou da súa descendencia. Unha desas veces, que fun con Alexandro Diéguez visitar o cemiterio de La Chacarita, pareime diante dun panteón de mármol escuro que só tiña unha lenda moi sinxela: Familia Conde. Non creo que fose aquel o destino final do meu parente arxentino.
Panteón en La Chacarita
Recentemente, a través da dateas.com, unha desas páxinas que busca persoas que entraron en Arxentina como emigrantes, averiguei que Laureano Conde chegou a Buenos Aires, despois de embarcar na Coruña, a bordo do buque alemán Monte Olivia non sei en que ano. De calquera xeito, este barco, que foi botado en 1924 e fixo a súa viaxe inaugural, Hamburgo-La Plata, o 23 de abril de 1925, regresou da súa derradeira singradura a América, dende Santos (Brasil), logrando romper o bloqueo naval dos aliados e entrando no porto de Hamburgo en outubro de 1939. En xaneiro de 1940, foi posto ao servizo da Kriegsmarine (a Armada do III Reich), e rematou sendo un barco-hospital, antes de ser bombardeado e queimado en Kiel polas United States Army Air Forces (USAAF), o 3 de abril de 1945. Finalmente foi desguazado entre 1946 e 1948.
Chócame a min mesmo que eu saiba agora máis do barco que transportou o meu parente emigrante a Arxentina, que da súa propia vida. Un fenómeno que, por outra parte, sei que non é moi orixinal en Galicia. E todo isto venme in mente no crucial momento que estamos a vivir en España, pois os nosos mozos e mozas volven a emigrar. O número de persoas que residen no estranxeiro aumentou un 8,2 por cento só nun ano. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, nos primeiros tres meses deste ano, emigraron 14.108 españois. Un 30,4 por cento máis ca no mesmo período do 2010. Cantas historias coma do meu tío volverán a repetirse?

martes, julio 17, 2012

Quino cumpre 80 anos, con Mafalda aínda rebelde


Nado en Guaymallén (Mendoza, Arxentina) o 17 de xullo de 1932, o xenial humorista Quino, de fama internacional, acaba de cumprir 80 anos magnificamente ben levados grazas ao bo viño da súa terra de orixe. Non soubo que o seu nome de pía era Joaquín Salvador Lavado ata que empezou a ir á escola e ouviu como lle chamaban así, porque na súa casa era Quino. E como Quino pasou á historia.
A comenzos dos anos 50, empezou a súa excelente carreira de humorista gráfico nun Buenos Aires que fervía daquela nunha época dourada do comic e do humor gráfico. Publicou os seus primeiros traballos en Vea y Lea, Leoplán, TV Guía e Panorama, ata que Miguel Brascó –escritor, humorista, editor, xornalista e gran sibarita da vida arxentina– propuxo o nome de Quino para facer unha tira coa que promover os electrodomésticos Mansfield.
Nesa tira xerminou Mafalda, a súa creación máis famosa, que emocionou os lectores da miña xeneración. Publicouse nas revistas Primera Plana e 7 Días e no xornal El Mundo dende o 29 de setembro de 1964 ata o 25 de xunio de 1973. En España, no semanario TriunfoMafalda convertiuse na eterna rebelde que deu a volta ao mundo, xa que foi traducida a 15 idiomas, editada en 13 países e con ela realizáronse 104 curtametraxes de animación dirixidas polo cubano Juan Padrón. Foi así como Mafalda e os seus amigos Felipe, o galego Manolo, Susanita, Miguelito e Libertad se fixeron universais.
Logo do golpe de estado militar de 1976 en Arxentina, Quino marchou a Italia. En 1980, empezou a publicar no dominical do xornal bonarense Clarín, onde permaneceu ata o ano 2009, data na que decidiu alonxarse para “atopar algún modo de renovar o enfoque” das súas ideas” ou “polo menos novas formas” para súa liña gráfica. En todos estes anos publicáronse varios volumes recollendo as tiras de Mafalda, sobre todo en España.
Agora, ao cumprir 80 anos “como un arqueiro que non sabe por onde lle entrou a pelota”, segundo lle dixo a Roxana Badaloni, de Clarín, xa non debuxa porque a vista non llo permite. Padeceu varias operacións nos ollos por culpa dun glaucoma “perverso” e, se hai pouca luz, cústalle ver; e, se hai moita, “encandílase”. Disfruta da música, do cine e da gastronomía. Sobre todo, do viño de Mendoza, a onde regresou para o seu cumpreanos. E encántalle escoitar tangos.
Que viva moitos anos. Por certo, algúns antigos debuxos seus –como o reproducido máis enriba– están readquirindo actualidade en España.

sábado, julio 14, 2012

Estarán volvendo os "grises" de Franco?


Un video bastante detallado, que se pode ver á dereita, recolle a carga que efectuou a policía de Rajoy, probabelmente cometendo un erro, contra varias centos de mozos que agardaban na porta dos Cines Callao de Madrid para entrar a ver a película Welcome, despois da inauguración do Festival Mulafest, que reuniu a varios centos de patinadores da capital de España.
Ocorriu todo sobre as dez da noite do mércores 11 de xullo. Parece ser que os policías andaban perseguindo a un grupo de xoves que portestou na praza do Sol e, de súpeto, atoparon na praza do Callao un grupo de mozos ataviados con camisetas, gorros e patins. Nin curtos nin perezosos, os polícias de Rajoy arremeteron a porrazo limpio e pelotazos de goma contra os inocentes skates, que non acertaban a comprender o que lles estaba pasando.
Por toda explicación, portavoces da Policía dixeron que “había un grupo incontrolado de persoas na praza que lanzaba artefactos incendiarios aos axentes e habían colocado barricadas de lume”, segundo publica El Mundo. Nun video que recolle a sorprendente actuación policial e no que se ve case toda a praza, non aparecen para nada sinais de que existisen tales barreiras de lume. Será que están volvendo os “grises” de Franco?

Atraco ao libro electrónico

De toda a arremetida que nos acaba de perpetrar Mariano Rajoy co incremento do IVE, un dos aspectos que máis me choca é o de subir o dos libros electrónicos ata o 21 por cento, 17 puntos por riba dos libros editados en papel, que siguen pagando un IVE superreducido do 4 por cento. Concordo con algúns editores e autores que manifestaron a súa satisfacción porque a imposición do papel non fose incrementada, pero paréceme tan desorbitada e incomprensíbel a subida dos electrónicos que agora ata me pode parecer inevitábel o aumento da piratería libresca.
Xa sei que se trata dunha imposición da Comisión Europea, que considera os eBoocks “servizos prestados por medios electrónicos”, pero Francia e Luxemburgo aínda siguen aplicando a estes produtos IVEs do 7 e do 3 por cento, respectivamente, a pesar de que están sendo ameazados con procedementos de sanción.
Realmente polo camiño de aplicar un IVE regular (21 por cento) aos libros electrónicos pode propiciarse que sexa o Estado o que cobre máis co propio autor pola comercialización das súas obras. Se na edición impresa os escritores veñen a cobrar entre un 8 e un 10 por cento do que paga o lector por cada libro, é certo que esta porcentaxe acostuma ser maior cando se trata de edición electrónica e pode mesmo chegar ata o 50 por cento, pero non todos os autores son Mario Vargas Llosa, Tom Wolfe ou Gay Talese para impor un bo contrato.
Na aplicación dun imposto tan directo e universal como é o IVE a tesoirada de Rajoy resulta alarmantemente inxusta en varios aspectos, e non é o menor deles o de que os herdeiros de Amancio Ortega, por exemplo, paguen o mesmo polo seu enterro, cando morra, que oxalá tarde moito, cos dun obreiro mileurista ou os dun desocupado. A fin de contas, enterrar os mortos é un deber para todos. Non é o mesmo que comprar un Mercedes, en vez dun utilitario; ou alimentarse con solombo de boi ou caviar, no canto de facelo con leite e cachelos limpos. Pero, claro, nin Mariano Rajoy, nin Cristóbal Montoro, nin Luís de Guindos, nin Marta Fernández Currás –por citar unha galega responsábel dos nosos acosos fiscais– almorzan, xantan e cean só patacas con cachelos.

viernes, julio 13, 2012

Hibiscus mutabilis


Se fose avogado, creo que me gustaría defender o ladrón convito do roubo do Códice Calixtino. É máis, en vez de cobrarlle, estaría disposto a correr cos seus gastos de cafetería con tal de que me abrise o corazón dos seus segredos –que deben ser moitos– e me facilitase a comprensión forense dun fenómeno que vai moito máis aló da simple crónica de sucesos. Non van ser só Garzón, Taín e o bruto ese da escuridade galega os que chupen cámara. E que mellor plataforma para chegar a ser un Perry Mason galego que defender nos tribunais o electricista trincón e amigo do deán da catedral de Santiago?
Maletíns cheos de cartos que desaparecen e ninguén denuncia, impostos revolucionarios aplicados á vaicheboa e, para rematar, o roubo dun dos mellores tesouros que garda o templo que lle roubou o nome a Prisciliano. Que gran obra maestra forense podería dar o caso!
Item plus, atreveriame a apostar que, se eu fose avogado e o electricista me encargase defendelo, seguramente non pasaba moito tempo na cadea. Está moi ben que o xuíz instrutor e toda a parafernalia que se ocupa do asunto, se encarguen agora mesmo de atribuirlle a comisión de non sei cantos delictos, pero que vai quedar á hora do xuízo? Que lambeteou todo o que puido nos petos catedralicios e que levou para a súa casa nada menos co Códice Calixtino? Pois claro que si. El mesmo confesou o delicto do Códice porque non lle quedou máis remedio. Pero se nin sequera foi un ladrón, senón simplemente un furtivo que se aproveitou de que non había ninguén nin case nada gardando o marisco. Máximo tres aniños no cárcere e a cobrar dereitos para unha película e unha boa minuta por saír en Interviú contando o que fixo. O seu traballo case foi máis doado e maís inocente ca os dos que valeiraron as caixas de aforro e nin sequera pisaron as baldosas de Curtis.
Din que branqueou diñeiro. Haberá que demostralo porque, de momento, o único que se ve é que o ennegreceu en vez de branquealo. Se cadra ese foi o seu fallo. En vez de levar os cartos a Suiza ou a calquera paraíso fiscal, ao pobriño o único que se lle ocurríu foi metelo en caixas debaixo dun ladrillo, como mal dixo o comisario psicólogo. Está claro que non todos valemos para sermos Al Capone.
Un amigo italiano, case tan mal pensado coma os amigos cos que como no María Castaña, chamoume para dicirme que L’Observatore Romano andaba pensando en publicar un aviso dicindo que o Vaticano precisaba contratar un electricista galego. Pregunteille por que, e contestoume:
–Per andar d’amore e d’acordo, mio caro. Hibiscus mutabilis.
Creo que este italiano, que se chama Simone Simonini, sen vir nunca a Santiago, é dos que mellor están empezando a comprender o que pasou co Códice. Vázquez Taín debería contratar un asesor así.

Todos sen paga de Nadal


Ata foi resultar que o propio Rei se implica directamente na maior agresión que padecen os traballadores españois dende que existe o benestar. Juan Carlos I non dubidou en presidir hoxe na Zarzuela a primeira parte da reunión do Gabinete, antes de seren aprobadas as medidas regresivas anunciadas por Mariano Rajoy. Se cadra agora xa hai un motivo máis para ser republicano.
Mentres tanto, chámame moito a atención que case ningún dos “sabios” españois que tanto levan despotricado, a favor ou en contra da austeridade, non se teñan parado máis en analizar a interesante sentenza emitida hai poucos días polo Tribunal Constitucional de Portugal (Acórdaçao Nº 353/2012) declarando “a inconstitucionalidade, con força obrigatoria geral, por violaçao do principio de igualdade, consagarado no artigo 13º da Constituçao da República Portuguesa, das normas constantes dos artigos 21º e 25º da Lei Nº 64/2011, de 30 de dezembro (Orzamento do Estado para 2012).
O goberno conservador portugués, mediante a a Lei do Orçamento de Estado para 2012, aplicou unha “supensao de pagamento dos subsidios de férias e de Natal” que afectou non só aos funcionarios senón tamén aos “aposentados e reformados” (pensionistas e xubilados). Pois ben, ao coñecer a sentenza do Tribunal Constitucional, o goberno portugués xa indicou que, aínda acatando a decisión xudicial, cousa á que non lle queda máis remedio, buscará o xeito de aplicar a mesma medida extendéndoa a xeralidade da cidadanía portuguesa. Ou sexa, que se vaian preparando todos para ficaren sen pagas extraordinarias.
E no caso español, que vai suceder? Con case total seguridade, algo moi semellante. Varias forzas políticas xa anunciaron a súa intención de presentar recursos contra a posíbel inconstucionalidade da medida adoptada por Rajoy e, dentro de dous anos, o Tribunal Constitucional Español é probábel que emitirá unha sentenza moi parecida a que emitiu o portugués. Teremos, logo, que ir preparándonos todos para quedarmos sen pagas de Nadal? Miren por onde a sibilinalidade de Mariano Rajoy pode resultar infinita.

jueves, julio 12, 2012

Rajoy dimisión


A portada de La Voz de Galicia de hoxe parece a antecámara do inferno. Un verdadeiro retrato da España de Mariano Rajoy. A da miseria, o sangue, o suor e as bágoas. A España negra outra vez, que terá que pintar algún Goya contemporáneo.
A ollada vencida, co rostro sanguiñento, dunha rapaza detida pola Policía despois de ser apaleada, debería ser unha pésima imaxe para un inquilino da Moncloa que está dando mostras máis que evidentes de carecer da máis elemental sensibilidade social e humana. Non é a primeira vez que se producen feitos de violencia institucional dende que comenzou a marcha dos mineiros sobre Madrid que fan lembrar os tempos de Franco. Mariano Rajoy debería asomarse algo a ventá –aínda que só fose a da Moncloa– e observar o que pasa na rúa antes de que a historia o converta na estatua de sal dos que non entenderon nada.
E toda Europa –Alemania incluída– é dificil atopar un gobernante que viva tan de costas á realidade que non é inventada. Mentres que en Francia François Hollande se reúne durante dous días con sindicatos, empresarios e todas as forzas sociais para buscar acordos que non limiten a solucción da crise a un puro e constante peche dos grifos, o Goberno español está a conducirnos á Grecia da troika. Ten razón a presidenta arxentina Cristina Kirchner cando se cachondea do “pelado ese” de Luís de Guindos e cando di que se lle “atraganta a tostada” porque a Unión Europea pon baixo tutela a España. Onde anda agora metido o patriotismo español de Rajoy?
Indudabelmente, Mariano Rajoy debería dimitir e adiantar as eleccións para deixar que a cidadanía decida castigalo ou non polo inmenso fraude que representa estar gobernando en contra de todo o que prometeu antes e despois de desprazar a Zapatero. Polo menos que tamén nisto sexamos coma os gregos.

miércoles, julio 11, 2012

Os banqueiros do Codice


Os banqueiros de Sandro Botticelli
Con todo o que nos está caendo enriba debido á crise, e co moi de moda que se puxo falar do Códice Calixtino, quizais non está de máis lembrar o que se di no Libro I do célebre tesouro sobre os banqueiros, causantes sen dúbida de moitos dos males que agora nos acosan. Transcribo literalmente da traducción ao galego que fixo Xosé López Díaz para Edicións A Nosa Terra:
"E que direi dos falsos banqueiros, vulgarmente chamados “cambistas”? Se doce moedas de peregrino valen dazaseis do banqueiro e aquel quere conseguilas, o banqueiro non lle dará por elas máis ca trece ou catorce por suxestión do mal pousadeiro do peregrino. Se valen vinte, daralle dezaseis ou menos se pode. Se doce moedas do cambista valen dezaseis do peregrino, non llas dará a non ser por vinte. Se valen trece, recibirá dezaseis do peregrino. Se un marco de prata pura vale trinta soldos, o cambista non lle dará por el máis ca vinte. O inxusto cambista ten distintas pesas, grandes e pequenas. Compra a prata pola de máis peso e maior tamaño e véndea pola máis lixeira e máis pequena. Loa o seu ouro, a súa prata e as súas alfaias e despreza as dos demais. Vende caro, compra barato. Se pode, engana aos demais, pero gárdase ben a si mesmo. Pesa por si mesmo na balanza que chaman “trebuqueto” as moedas, unha por unha, e vende máis cara aos demais a máis pesada ou fúndea no forno con outra prata. As moedas grandes párteas e esmágaas vergoñosamente. Ai, unha e mil veces, de quen fai estas trampas! Que máis fai este malvado? Un anel, un cáliz, un candelabro ou outra peza de bronce, se está prateada exteriormente, se pode, véndellos a un inexperto por prata de lei. Igualmente, se a peza está dourada, véndea fraudulentamente por ouro macizo. Os seus marcos de prata ou os talentos de ouro, se pode, véndeos caros por prata ou ouro contrastados, aínda que non o estean; en cambio compra baratos os doutro, aínda que estean contrastados. Se un marco ou un talento dun peregrino valen catro moedas menos do peso legal, cómpraos por doce menos. Pero se o ouro ou a prata do mesmo banqueiro son dun anel, dun vaso, dun candelabro, dun freo ou de calquera outra peza, véndeos como ouro de lei, aínda que non o sexan, e vende a peza máis cara. E se o peregrino intenta venderlle a mesma peza, non lla compra a non ser por ouro ou prata non contrastados. De maneira parecida, as pedras non preciosas moi semellantes ás preciosas, que chaman “contrafeitas”, véndellelas aos inexpertos como preciosas. Fai estas e outras cousas semellantes, pero virá sobre el o lazo infernal sen que se decate e sorprenderao a trampa que oculta e caerá no propio lazo. Tede, pois en conta, cambistas tramposos, o que de vós di o Salmista: Mentireiros son os fillos dos homes postos na balanza; engánanse todos xuntos na súa mesma vaidade (Sal. 61, 10). Estades enganados nas vosas trampas, pois as vosas obras lévanvos ao inferno. Coa mesma medida con que medides seredes medidos. Peso sobre peso, marco sobre marco, libra sobre libra están na vosa mesa. Escoitade, pois, o que vos di certo sabio: Pesas trastocadas, medidas cambiadas, ambas as dúas aborréceas o Señor (Prov. 20, 10). As vosas mesas desbaratounas un día o Señor no templo, segundo está escrito no Evanxeo: As mesas dos cambistas e os postos dos que vendían pombas desbaratounos o Señor (Mt. 21, 12)”.
Está claro que o Codex Calixtinus que roubou o electricista está cheo de sabias sentencias que aínda se poden aplicar 800 anos despois de seren escritas. Que sensación lles causará a súa lectura, por exemplo, aos que foron vítimas das “preferentes” de Bankia ou das caixas de aforro galegas?

martes, julio 10, 2012

O Libro VI do Codice


Un día calquera haberá que parar de falar do roubo do Codice Calixtino, pero antes diso deberían escrarecérense unhas cantas cousas. Por exemplo, tanto o Sindicao Unificado de Policía (SUP) coma propia institución policial e o mesmo Xulgado encargado do caso, terán que responder a algunhas contradiccións que presenta o caso.
Para empezar, se de verdade houbo un simple policía de base –cousa xa probada– que foi quen de adiantarse un ano en resolver a ecuación do presunto delincuente, como é posíbel que se tardase doce meses en aplicar elementais criterios de procedemento que implicarían rexistrar as propiedades do electricista chorizo que estivo vinte anos desfalcando os petos da catedral de Santiago sen que ninguén se decatase e presentase a correspondente denuncia ata que rematou levando para a súa casa nada menos que todo un tesouro como é Codice? A que esperaban? A que se apoderase dos ósos do Apóstolo para que ninguén puidese demostrar que poden ser os de Prisciliano? A que vendese o Códice ao mellor postor? A que lle pegase lume? Menos coñas.
E, xa que vai de preguntiñas, a ver se alguén me responde a esta: como pode suceder, محظوظ policial e xudicial incluídas, que de repente aparezan en poucos días, antes de que se cumpra o primeiro aniversario do suceso, o Códice e mailo diñeiro que, pouco a pouco, foi arrapañando alguén que parece ser calquera cousa menos un Al Capone? Non sería que contou con cómplices máis sofisticados ca el?
E por que a Policía e mailo xuíz demoraron tanto a súa intervención final? Vaia vostede a saber, pero non esquenzamos que coa Igrexa Católica estamos topando. Din que houbo ata douscentos sospeitosos, que se foron reducindo ata chegar ao fulminante electricista. Se cadra o que lle pasou á Policía e mailo xuíz, que ata viaxou ao Vaticano para investigar a cuestión, foi que se deixaron levar polas pistas falsas que lles foron sementando no camiño. Cónstame que seguiron as de alguén que toca un instrumento moi templario –derivado de templo– que gozou de manga ancha no ámbito da catedral e tamén me parece certo que a Curia compostelá mostrou máis interese en apagar o lume do escándalo que se puidese derivar do caso que en contribuír a un rápido e eficaz escrarecemento dos feitos. Dende este punto de vista, paréceme que aínda é moito o que falta por coñecer do caso. Saberémolo algunha vez?
Contra os que podan pensar que estamos diante dun asunto banal, propio de galegos “escuros”, como se atreveu a calificar o locuaz xefe da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, Serafín Castro, eu digo que andamos preto dun affaire que ten moito que ver coa España escura e profunda do catolicismo espeso e municipal. Algún día hase saber seguramente. Esperemos que daquela aínda siga existindo o Códice e se lle poda engadir un Libro VI no que se conte como sobreviviu un ano metido nunha caixa con sacos de cemento.

lunes, julio 09, 2012

O cacique Baltar


Foto: Santi M. Amil (LAVOZ DE GALICIA/EL PAIS)

Dende logo que non ten derperdicio a crónica que escribiu Cristina Huete e que publica hoxe El País sobre o cacique ourensán Xosé Luis Baltar, a quen polo visto estalle abrindo unha investigación a Fiscalía Anticorrupción, logo de recibir abondante documentación que podería acreditar unha morea de irregularidades coas que o famoso tocador de trombón foi tecendo o seu poder orgánico e institucional de paso que acumulou un importante patrimonio persoal.
É nestes casos cando se demostra a importancia de que un xornal coma El País manteña as súas antenas abertas en Galicia, país no que unha prensa autóctona domesticada polo cáncer das subvencións, a permanente sintonía política co poder dominante e o constante entrecruzamento de intereses privados e públicos, fan que vivamos nunha das comunidades autónomas na que os medios de comunicación andan sempre compadreando cos que mandan e mostran, polo tanto, unha case total ausencia de ejercicio crítico respecto ao establishment.
Pola crónica de Huete enterámonos de cousas tan paveras coma de que Baltar lle deu unha praza de “condutor de maquinaria de obras públicas e vehículos especias” a un paisano que nin sequera tiña o obrigatorio carnet de conducir. Tamén de que ten un cento de coches antigos, que foron atendidos por dous mecánicos colocados por el na Deputación. Enfín, enchufismo, manipulación do censo... Hai de case todo na denuncia que agora está analizando a Fiscalía Anticorrupción. Paga a pena ler a crónica que nos brinda Cristina Huete.

domingo, julio 08, 2012

Gol na Catedral


Pois resultou que o Sindicato Unficado de Policía (SUP) tiña razón. Foi moita a obscenidade habida hoxe no acto de entrega do Códice Calixtino á Catedral de Santiago, retransmitido en directo pola televisión como se fose un partido de fútbol. O director do Museo catedralicio, Ramón Izquierdo –único con guantes protocolarios– recolle o balón, pásallo ao arcebispo, Xulián Barrio; o deán do templo, Xosé María Díaz, tamén toca pelota e, por fin, gol: o director do Arquivo, Segundo Pérez, encargase do traslado.
Pola banda corren Pilar Rojo, presidenta do Parlamento; Ramón Villares, presidente do Consello de Cultura Galega; Diego Calvo, presidente da Deputación; Anxel Currás, alcalde de Santiago... E non se sabe se como árbitros ou simples espectadores, toda a plana maior da Policía. Foi un encontro histórico. Con tantos Maradonas no campo, non sei porque se queixa o SUP.
E todo isto para que Rajoy e Feijoo saísen na foto, horas antes de que nos volvan a retorcer o pescozo aos contribuíntes.

sábado, julio 07, 2012

Nin Hichcock nin Martínez Soria, tese doctoral


Entérome lendo Praza Pública (praza.com) de que o Sindicato Unificado de Policía (SUP) –e ignoro por que esta información non a vin en máis lados– califica de “obscena” a decisión de entregarlle o Códice Calixtino á Catedral de Santiago mediante unha cerimonia oficial con “desembarco de autoridades policiais e políticas”. Considera este sindicato, dos máis representativos entre a Policía española, que “perfectamente poderíase seguir o método que se emprega habitualmente” cando se recupera un obxecto roubado: “que o propietario comparecese na comisaría e se redactase unha acta de entrega”. “Algo tan sinxelo coma iso, pero coa Igrexa topamos”, manifesta o SUP.
O caso rechina aínda máis agora que xa se sabe que tal entrega vai estar presidida o domingo polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que parece que lle gustan tanto os campos de fútbol coma as naves catedralicias. En plena crise económica, na que nos está facendo apretar o cinto a todos, ben podería compensar algo os danos económicos que lle fixo á Igrexa un electricista inxenioso, aforrando algunha cadela do erario público privándose de viaxes oficiais e cerimonias que, como ben apunta o SUP, deberían limitarse a dilixencias protocolarias maís acordes cos procedementos da Xustiza e do traballo policial. Pero está claro que vivimos na sociedade do espectáculo e uns minutiños de groria na televisión véñenlle ben a calquera. Para que o xefe do Arquivo catedralicio, Segundo Pérez López, siga dicindo que os políticos falan moito da inseguridade do templo, pero non soltan un can para socorrela.
Alfredo Conde e outros novelistas xa teñen publicado obras relacionadas coa desaparición do Códice, pero agora precisaríase algún investigador social que fose quen de desentrañar todo o máis posíbel o que pasou –e está pasando– arredor deste célebre asunto. Por que tardou un ano en resolver a Policía un tema que non daba para un bo guión dunha película de Hichcock ou de Spierlberg e que quedou nunha de Martínez Soria, como dixo a portavoz do Concello de Santiago, Paula Prado. Como fixo a Curia compostelá para tardar máis de vinte anos en decatarse de que tiña un electricista que lles chupaba o sangue aos santos, etc, etc. Non dará para unha boa película, pero para facer unha excelente tese doctoral ben sei que aínda daría. Con arcebispos, bispos, curas, políticos e expertos en seguridade incluídos. Algún día falarase de todo isto.

viernes, julio 06, 2012

O típico dos galegos


Serafín Castro

O xefe da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Polícía Nacional, natural de A Rúa (Ourense), debe ser un señor moi listo. E sobre todo un gran psicólogo, un expertísimo antropólogo e un nada desdeñabel sociólogo. En vez de dedicalo a tarefas que teñen que ver coa violencia, quizais habería que encargarlle que dirixise o Museo do Pobo Galego, por exemplo, porque debe ser moitísimo o que sabe este paisano da alma galega, a xulgar polas desfaortunadas declaracións que acaba de facer a respecto do caso do Códice Calixtino.
Referíndose ao aínda suposto ladrón da histórica peza, botou a seguinte parrafada: “Que quería facer co diñeiro? O típico dos galegos, metelo debaixo do ladrillo e estar á espera... É un home de carácter pechado, escuro, galego con costumes algo rariñas”. Como se pode ser tan insensato e, sobre todo, tan irrespetuoso e case xenófobo co país que lle deu de mamar? Pode un cargo público mostrarse así sen que teña que dimitir ao día seguinte? Tomou algunha pastilla o señor Castro horas antes de facer estas declaracións? Estou convencido de que, se alguén se lle ocurrise responder á pregunta de que fan os policías nas comisarías dicindo que mallan nos presos, o polícía-antropólogo de A Rúa non tardaría nada en presentar unha demanda. En cambio, os galegos, pobriños, somos pechados, escuros, temos costumes rariñas e metemos os cartos debaixo dos ladrillos. Non hai máis que ver o que fai Amancio Ortega, por exemplo.

jueves, julio 05, 2012

Amodiño co Códice



Antes de que pase a resaca pola celebración da reaparición do Códice Calixtino, quizais cumpra algo que os profesionais competentes para tratar o caso policial e xudicialmente respiren fondo e non se deixen levar polas enormes implicacións mediáticas do caso. A min chocoume especialmente que, moi poucas horas despois de realizarse a importantísima descuberta, o Calixtino fose levado en procesión laica ata a Catedral para que o arcebispo Xulián Barrio e o deán Xosé María Díaz identificasen a peza intervida. Normalmente a Policía e os xuíces acostuman facer que os testemuños acudan ás comisarías e aos xulgados para efectuar estes procedementos, pero esta vez o propio xuíz instrutor do caso, o xefe superior de Policía de Galicia e o xefe da Brigada de Investigación do Patrimonio Histórico non dubidaron en seren eles mesmos os que se desprazaron á catedral de Santiago. Sen seren persoas aforadas, os dirixentes da Igrexa Católica aínda siguen impondo moito respecto.
Por certo, toda esta ceremonia realizouse diante das cámaras de televisión e dos fotógrafos de prensa con abondantes tocamentos a algo que, de momento, debería seguir sendo unha peza fundamental da investigación. É de desexar que os que saben disto e teñen competencias sobre a materia fosen enteiramente conscientes do que fixeron. En principio insisto en que me choca o procedemento por algo inusual.
Como me sorprendeu a rapidez anunciada para devolver a peza ao seu lugar de orixe, aínda que agora xa leo en La Voz de Galicia que se vai retrasar esa devolución ata que conclúan as análises precisas de todo o material incautado nos domicilios do principal detido, laboura que se pode prolongar ata a próxima semana. Ben está o que ben acaba –de momento a recuperación do Códice–, pero sería unha mágoa que alguén caese en precipitacións ou en frivolidades que podan entorpecer o caso. Non vaia ser que por poñer o ramo na celebración do primeiro aniversario deste asunto, haxa logo que laiar a comisión de heterodoxias técnicas innecesarias.

Alcande trincón


Podía ocurrir en Galicia, en Valencia ou en calquera sitio de España, pero o caso foi documentado en Italia. Contouno o xornal La Repubblica o 3 de xullo, e o suceso tivo lugar o 16 de marzo de 2011. Pasou na oficina milanesa do asesor fiscal Ettore Colela. As imaxes tomadas polo circuíto interno da sala de reunións inmortalizaron o encontro que tiveron  o titular da asesoría e o alcalde de Buccinasco (hinterland de Milán), Loris Cereda, pertencente á formación política de Berlusconi, Il Popolo della Libertà (PdL).
Segundo as indagacións que levou a cabo o fiscal Sergio Spadaro, Collela tentaba destrabar por conta dun grupo internacional a apertura dun centro comercial. Para favorecer o asunto, o asesor fiscal pon un sobre enriba da mesa, a escasos centímetros das mans do alcalde. Logo de seis minutos de discusión, o alcalde érguese, volve a poñer a zamarra e, antes de despedirse, colle o sobre e méteo no peto. No sobre, hai 10.000 euros en efetivo.
Loris Cereda foi parar ao cárcere varios días por un suposto delito de corrupción. O video (véxase á dereita) estalle servindo ao fiscal de proba de acusación. Cantos videos coma este se poderían filmar en Galicia e por España adiante?

miércoles, julio 04, 2012

Que alivio!


Felicidades a todos os membros da Policía e da administración de Xustiza que participaron na recuperación do Códice Calixtino. Non saben ben canto lles temos que estar agradecidos os galegos por térennos sacado da mágoa que nos representaba vérmonos privados dun dos tesouros máis valiosos do patrimonio de Galicia. Parabéns a todos eles! Así se traballa.

Resolverase a desaparición do Calixtino?

O Santiago Matamoros no Códice Calixtino
A realidade supera sempre á imaxinación e faino decote polo lado máis sinxelo. De confirmárense as hipoteses sobre as que agora traballan a Policía e o xuíz Vázquez Taín sobre o célebre roubo do Códice Calixtinus, probabelmente estariamos diante dunha mestura de actos derivados dunha vinganza persoal que derivan no negocio máis repugante que se cometeu nunca contra patrimonio dos galegos.
A preocupante existencia deses 1,2 millóns de euros atopados en poder do suposto ladrón é certo que nos poden facer temer o pior con respecto a gran obra de arte desaparecida na catedral de Santiago, pero haberá que ver como evoluciona a investigación. Aínda sendo moitos cartos de diola os que xuntou o electricista que seguramente acabará sendo obxecto do cinema, habería que averiguar se tanto capital non pode estar oculto nos colchóns de moitos profesionais, técnicos, artesáns, etc. dunha Galicia que sabe moverse tan ben como os sicilianos no mundo da economía sumerxida e das actividades ilegais. E non quero facer brincadeira sobre este asunto, pero o caso de Xosé Manuel Fernández Castiñeiras podería rematar sendo un dos que se acollese á amnistía fiscal de Rajoy se non fose porque a Policía lle botou antes a luba.
E do que hai que falar tamén, dunha vez por todas, é de reconsiderar eficazmente o inventariado, conservación, seguridade e tratamento público do enorme patrimonio que está en poder da Igrexa Católica e que constantemente está véndose reducido ou maltratado. Leva razón o fiscal-xefe de Galicia, Carlos Varela, cando predica que o seu lema de "Iglesia segura, cultura protexida”.

martes, julio 03, 2012

Apoteose futbolística


Empezo confesando que nunca fun futboleiro. En toda a miña xa longa vida, se cadra nun pisei un campo de fútbol máis de dez veces. Encontros de primeira só vin un histórico Atletic de Bilbao-Compostela, cando aquel inefábel Xosé María Caneda andaba atopándose sempre “entre la espalda y la pared” ou comendo “patacas minutas”, e outra vez que xugou o Deportivo da Coruña co Atlético de Madrid en Cáceres e me convidou Jesús Gil a ver o partido dende o palco, en compañía de Lendoiro. Lembro que aquela vez marcou o Depor o primeiro e único gol –coido que foi Fran– e eu saltei do asento para aplaudir. Gil tiroume da chaqueta e díxome: “Senta, a ver por quen viñéche ti aquí”.
Nen sequera pasei de cativo de darlle algúns couces a unha pelota de trapo ou a unha cabeza de nabo ou remolacha cando ía á escola de Santalla. Na miña xuventude tocoume aguantar o programa de fútbol e touradas co que o ditador Franco entretiña os seus súbditos, e non me custou traballo afiliarme á teoría de que o fútbol e as touradas eran formas de administrarlle opio ao pobo.
Porén, tratei de comprender sempre e respectar aos amadores deste deporte. Sobre todo aos que o practican ou gozan del dende a simple afección. Lin con gran satisfacción as inesquecíbeis crónicas que escribía o meu amigo Cuco Cerecedo, as magníficas filosofías de Vázquez Montalbán ou a literatura futbolística de Alfonso Eiré, o meu amigo Pucheiro.
Pola contra, sigo tendo moita precaución a respecto do que é o fútbol como gran espectáculo que se convertiu nun dos grandes negocios máis opacos, contraditorios e especuladores que funcionan no actual capitalismo neoliberal. Resúltame absolutamente rechazábel a existencia de grandes cracks que cobran millonadas e evaden insolidiariamente todos os impostos que poden, ou que dan pé a aberrantes comportamentos sociais que son calquera cousa menos un modelo a seguir. Todo isto non me impide admirar enormemente a Messi, non tanto pero moito a Ronaldo ou empezar a estar atento á traxectoria do italiano Balotelli.
Esta reflexión vén a conto de que o xornal La Voz de Galicia tenme algo confuso estes días. Xa non sei se é unha edición feita na Coruña dos centralistas As e Marca ou teño que seguir léndoo como o mellor periódico xeneralista de Galicia. Nos últimos dous días dedicoulle un total de 34 das súas mellores páxinas, portadas e un caderno de poucas follas incluídos, ao despampanante triunfo da selección española. Non digo que se cadra non sexa para tanto, pero a min chócame.
Como me choca a semántica despregada por este xornal e por case todos os demais. Sobre todo, os que coxean do pé dereito. Titulares como “Somos lenda”, "Apoteose”, “Unha España inmortal”, etc. Volvería Colón a descubrir América? Algún Fleming de Badajoz inventou outra penicilina? Unha Madame Curie de Coirós de Arriba está manipulando outra vez a pechblenda? Se non fose porque hoxe La Voz de Galicia tamén publica unha entrevista con Paul Krugman –cousa de agradecer, dende logo– empezaría a buscarlles respostas a estas preguntas.