domingo, febrero 24, 2008
Cen anos de Laxeiro
De éxito total habería que calificar a homenaxe que Lalín lle ofreceu ao seu fillo máis predilecto, o xenial pintor Laxeiro, o 23 de febreiro, co gallo de cumprírense cen anos do seu nacemento. O alcalde do Concello que ocupa o quilómetro cero de Galicia, Xosé Crespo, e o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa, alma mater da celebración, ben poden estar contentos e satisfeitos de lograren xuntar no Auditorio Municipal máis de duascentas persoas procedentes de todas as sensibilidades artísticas, políticas e culturais galegas.
O máis aplaudido foi o pintor Lamazares, que lle dedicou a Laxeiro un magnífico poema. Moi acertada tamén estivo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, ofrecendo do pintor unha sentida semblanza. Execelente tamén a intervención de Crespo, o alcalde de Lalín, que falou dende o corazón e dende unha sinceridade total de orgulloso veciño do pintor. Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, leu un discurso circunstancial e o ministro de Cultura, César Antonio Molina, pelexou todo o que puido co idioma galego para explicarnos a todos quen era e que significa Laxeiro. A súa intervención pareceume máis propia dunha sesión que tivese lugar en calquera real academia de bellas artes ou diante dun tribunal que tivese que xulgar algunha tese doctoral, pero o Jack Lang de Zapatero esforzouse tamén por ensalzar a figura do homenaxeado. Din que lle escribíu o discurso o catedrático Antón Castro e que lle colou nel unha autocita para disimular a autoría. Aos outros oradores (Isaac Díaz Pardo, Luís Caruncho e Ramón Villares) sempre da gusto ouvilos.
Referencia aparte, polo ben que estiveron, merecen o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a cantante Uxía Senlle. Só unha chata. Que a todos nos soubo a pouco o tempo que nos deleitaron coas súas interpretacións.
Había moito que eu non saudaba o meu amigo Carlos Príncipe, ex alcalde de Vigo, ou o poeta Carlos Oroza. O primeiro atopeino politicamente máis inspirado que nunca e a Oroza co seu xenial malxenio de sempre. Díxome que seguía estando ata os mesmísimos de ver como se ningunea o uso do idioma castelán en Galicia e mandoume ao carallo cando lle mintín dicíndolle que me contou Raúl del Pozo que Carlos xa non se poñía cachondo. Pero se era unha brincadeira!
Molina foi o primeiro en erguerse da mesa que presidíu no pazo de Bendoiro, no que todos compartimos un cocido dos que tanto lle gustaban ao pintor que se consideraba a si mesmo un anarquista insolente. Tivo que presidir a inauguración das xornadas arredor da camelia que teñen lugar na cercana Santa Cruz de Ribadulla, onde estivo a piques de coincidir co veciño desta localidade pontevedresa e (a)sonado xeneral, Alfonso Armada y Comin. Vaia foto que darían os dous se se xuntasen neste quentísimo comenzo de campaña electoral.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario