Os de Vieiros levan doce anos tecendo, como din eles, o día a día. E non é mal tecido o que fan. Ás veces ata tén algo de encaixe de Camariñas. Sobre todo, dende que teñen os seus amigos no goberno. Hai moitos anos, cando gañou François Mitterand as primeiras eleccións que o levaron ao “palais de l'Elysée”, os do semanario satírico Le Canard Enchainé titularon a cinco columnas na portada: “Gañaron os nosos. A pesar de todo, seguiremos falando mal do goberno”. Estou seguro de que os que fan Vieiros síntense moitas veces a piques de caer na mesma tentación e, se cadra, teñen que facer números para non romper as pernas na caída.
Brincadeiras aparte, congratúlame ver que a singradura que soñou e levou a bo mar Lois Rodríguez se reproduza cada vintecatro horas percorrendo o camiño de Galicia. Lois e a súa escudería merecen ser felicitados. Mereceríano só por teren salvado do esquecemento o sagrado nome do Vieiros de Luis Soto e Carlos Velo, pero aínda máis por convertéreno no que é hoxe a súa publicación: un vieiro aberto a realidade galega e á esperanza de todos. Que sigan tecendo o día a día moitos máis anos.
1 comentario:
Son demasiado como aqueles vellos discos de "La voz de su amo".
Publicar un comentario