Mostraba o outro día as miñas dúbidas acerca de que a visita do científico inglés Stephen Hawking non puidese rematar nun vulgar remake de vellas estratexias publicitarias que se distinguen por faceren calquera cousa con tal de levar o seu gato á auga. Definitivamente, a Universidade e o Consorcio de Santiago están máis empeñados en que o paso do especialista en buratos negros lles sirva de desencadeante de propaganda dos seus intereses turísticos, respectábeis coma calquera outra actividade mercantil, que en faceren del o estandarte de encomiábeis esforzos intelectuais como os que ten levado a cabo o autor de La clave secreta del universo.
Abonda con ver a foto que publica hoxe El País da súa visita á catedral de Santiago para decatarse por onde vai a película. Un Xurxo Mira (aspirante a convertirse no Carl Sagan de Galicia) un deán “mano al pecho” da Catedral e o alcalde de Santiago escoltando a un Hawking que seguramente xa está empezando a pensar cando vai rematar esta representación. Que lonxe pode ficar esta imaxe de calquera das que ofreceu Albert Einstein ao longo da súa vida!
Paréceme a min que, se Hawking non tivese xa asegurado un posto na historia contemporánea, non ía conseguilo por vir a Santiago para pronunciar a frase na que di o seguinte: “É unha grande honra seguir a Paulo Coeho e aceptar esta placa no meu nome”. Di o xornal citado que, durante a visita, todo está calculado e que non hai lugar a imprevistos. Debe ser verdade porque ata apareceu Zapatones entregándolle unha desas pamplinas que inventou el para sobrevivir tamén á costa do turismo.
E o espectáculo non fixo máis que comenzar. A Hawking aínda lle quedan cinco días en Galicia, con visita a Fisterra incluída. Agardemos que non vaia dar por alí coas áspides que gardan o lugar onde xace a meiga Orcabella, que non deixa de ser tamén un pequeno burato do universo. Non lle vaia pasar a el o que lle ocorreu ao cabaleiro navarro Julián Íñiguez de Medrano cando, estando en Salamanca entregado ao traballo das musas, como ben escribíu Xosé Luís Pensado, tomou un descanso para visitar Galicia e recoller epitafios, e aló foi tamén a Fisterra.
Por este camiño non vaia ser que alguén remate preguntando por que todo o que custa traer a Hawking e o seu séquito non se investíu en mellorar algunha das investigacións que se están levando a cabo entre nós. E iso que os organizadores tampouco se pasaron en dispendios, polo que se ve. Trouxeron o convidado nunha compañía áerea low cost e fixéronlle aterrar na Coruña. Se aínda fose alcalde Paco Vázquez, xa non o deixaba pasar dalí.
12 comentarios:
Aínda dándolle algo de razón no que conleva a súa crítica sobre a vanalización da figura dun científico coma Hawking, quero lembrarlle que este tipo de estratexias comunicativas son características da sociedade actual. Non hai que terlle medo ao espectáculo. Vivimos nun mundo que non sabería respirar sen el. O espectáculo sempre formou parte da vida da humanidade, e hoxe máis ca nunca. ¿Que son a política ou a cultura máis ca espectáculo permanente? Eu non vexo nada malo en que iso sexa así. A vida non só é ciencia ou matemáticas. É moito máis. E o científico inglés agora mesmo está representando o rol que lle corresponde como persoa que ten moito interese en que a ciencia se coñeza e se difunda, e, sobre todo, que se desenvolva cada vez máis.
E logo, home, iso de comparar a Mira con Sagan, non se sabe a quen dos dous beneficia.
Malia o que di o Anónimo anterior, a min tamén me parece frivolizar demasiado a figura de Hawking andar levando nel baixo palio de acó para aló. Non abondaría cunha boa sesión universitaria e logo que fixese as visitas que lle dese a gaña máis discretamente? E, a ser posible, pagándoas do seu peto. Como facemos o resto dos traballadores cando imos a Londres.
Oes, Kalikatres, aínda non te enterache que Hawkings é cátedro universitario e os cátedros universitarios pertencen a unha especie totalmente diferente á do resto dos traballadores? Un destes señores ou señoras, cando vai de viaxe, faino sempre pagado por outra universidade na que ten algún amigo que logo recibirá tamén o convite de visitar a do viaxeiro. Dedícalle unhas poucas horas a dar unha conferencia ou a participar nun debate e logo permanenece no lugar de visita os días que fagan falta para coñecer ben as delicias locais (incluídas as gastronómicas e outras aínda máis lúdicas).
O que non sei é porque se extraña tanto o autor do blog do programa turístico do científico inglés. A ver se vai vir Hawking a Santiago como se fose un empregadiño dos armazens Harrows? Resultaría "striking".
Señor Perfeuto: Esíxolloxe publicamente un respecto para Don Xosé María Díaz, deán da Santa Igrexa Catedral de Santiago de Compostela e a día de hoxe un dos máis brillantes expertos no Pórtico da Gloria.
Se non retira as súas palabras, vouno ter que desafiar a un duelo, tirándonos á cabeza patas de nécoras en calquera restaurante decente.
Xa o que querería ver eu a vostede sacando peito, ao lado de Hawking.
(Por certo, que Don José María, ao que na miña infancia os outros coengos lle chamaban Chemari, estaba tan entusiasmado coa visita do científico que... ATA O RECIBIU EN ATAVÍO DE CERIMONIA)
Un día, no Seminario de Mondoñedo, diante do comedor, Don José María veume preguntar a quén lle deramos un pequeno agasallo, prescindamos dos detalles...
E vendo o elixido era un señor de posibles, díxome, cun certo rabo:
-Muibién, José Almiral, muibién. Veo que eres fial al precepto evangélico. A quien todo lo tiene, aún más se le dará. Y quien de casi todo carece, aún será desposeído de lo poco que posee.
Paréceme moi apropiado, Admirado Admiral, que Chemari fale de desposuídos da fortuna, cando el acaba de ser nomeado membro dunha academia que da dereito a usar o título de excelentísimo signore, que confire a todos os seus membros os recoñecemento académico de doutor por parte das universididades pontificias, que permite utilizar o colexio español de Roma como un hotel gratuíto e que ao viaxar a determinados países tamén confire certos dereitos diplomáticos. Dáme unha pena tremenda, o señor Chemari.
Academia que, se non estou equivocada, vai provocar un grave problema protocolario nos actos institucionais de país, ao ser maior o seu rango que o da Real Academia Galega.
O tratamento de Excelentísimo Señor que a Santa Sede concede aos membros das Academias Pontificias, e que o Estado Español recoñece, é exclusivamente en exercicio dos seus cargos. O seu tratamento civil é de Ilustrísimo Señor. O mesmo que posúen, penso, boa parte dos alcaldes galegos.
O grado de doutor (faltaría máis) que se lles concede aos membros das Academis Pontificias ten recoñecemento por parte das universidades italianas e irlandesas, entre outras, pero non o recoñecen as universidades públicas españolas.
Os membros das Academias Pontificias teñen dereito a aloxarse en Roma con cargo á embaixada sempre que vaian levar a cabo TRABALLOS DE INVESTIGACIÓN, non facer turismo.
Pois eu, xa ven, alégrome infinitamente de que na Academia Pontificia vaia estar Xosé María Díaz, o home que despois do Moralejo Listo mellor entendeu o sentido do Pórtico da Gloria labrado polo Mestre Mateo. E alégrome tamén de que a través de Galicia, das terras aurienses e das mindonienses e tamén de Compostela, os Camiños de Santiago vaian ter unha academia vencellada ao mesmo tempo á Fin do Mundo, ao Reino dos Galegos, a un estado (o Vaticano) é a Europa enteira. Co maior dos respectos para todos, a Academia Pontificia de San Rosendo será a Gran Academia da Nosa Terra non só pola súa proxección internacional (mellor evitemos as comparacións con outras institucións galegas)senón pola súa independencia con respecto ás servidumes deste tempo noso no que temos que ver tan a miúdo como os que deberían defender os intereses de todos se venden por un prato de 35 euros. Galicia é filla da súa historia, non dos que se preguntan por que os xuíces perseguen aos restaurantes que compran marisco ilegal pero non se preguntan por que os pobres acaban moito máis facilmente na cadea.
Non sei se sabes, Celanova, que o vello Moralejo non tiña simpatía ningunha polos curas, e que ademais foi quen se empeñou en botar a Cunqueiro da universidade cargándolle unha e outra vez o latín.
Parécenme moi ben todos estes datos sobre coengos e academias pontificias das que, ademais, non tiña idea de que existisen, pero todo isto que ten que ver coa visita de Stephen Hawking a Galicia?
Por José María Díaz, o deán de Santiago, que aparece na foto con Hawking. Seguindo co que non ten que ver demasiado con este fío, non sei se vistes hoxe en El País, nas cartas ao director, como Muñoz Molina arremete contra Suso de Toro. Muñoz Molina é un gran escritor que evolucionou ideoloxicamente a certa velocidade e non cara á esquerda, precisamente. E fai un chiste fácil a costa de Suso de Toro, preguntándose se lle parece pouca tradición literaria da lingua hebraica a Biblia.
Bos días a todos.
Eu lin esa carta, si.
E aínda que teño unha gran admiración pola literatura do señor Muñoz Molina, que á súa extraordinaria altura como creador une o ser un dos mellores coñecedores españois do universo faulkneriano -á par de Javier Marías-, non podo sentirme precisamente identificado co que hoxe di no País.
Falo de memoria, e é probable que estea equivocado, pero creo que ben podería ser que cando Suso de Toro alude á tradición literaria hebraica en realidade se estea querendo referir á tradición literaria... do yiddish.
E do que estou completamente seguro é de que, se foi así, a Muñoz Molina non lle pasou desapercibida esa cuestión. De maneira, e dígoo con todo o respecto, enténdano como unha metáfora, na súa carta ao director de hoxe non xoga limpo.
O hebreo, que xa era considerado idioma litúrxico nos tempos de Xesús (A lingua do templo, se me permiten citar textualmente aos contemporáneos do Noso Señor)é a lingua do Libro, por excelencia. Unha lingua considerada sagrada en toda a tradición xudeo-cristiá.
Non é hoxe, como vostedes non ignoran, unha lingua para a creación literaria.
(Como diría o gran Navaza, a lingua de formas escritas que, á marxe da Biblia, hoxe lemos como arqueoloxía; que non dialogan co noso tempo.)
Insisto: probablemente, o señor Suso de Toro referiríase ao yiddish. E ten razón...
Bos días, de novo.
Unha aperta moi agarimosa para todos.
Publicar un comentario