Diranme que son un pesado, pero volvo a manifestar a miña admiración polos artigos que escribe Raúl del Pozo, a quen teño a honra de contar entre os meus amigos de hai moitos anos. O xornalista de Cuenca publica hoxe na súa columna da contratapa de El Mundo, lugar que merecidisimamente herdou de Francisco Umbral, un artigo titulado Bozales no que reconfirma a súa crenza de sempre acerca de que “o diñeiro substituíu a relixión, a pasta é sagrada, o novo credo é o crédito; xa non se recoñece outro milagre que o económico e outro pecado que o do crash. Agora, ademais, a todos os chorizos que nos levaron ao bordo do corralito cómpranlles os pufos, transforman o seu vicio en virtude”.
Di Raúl que aos columnistas non se lles pedíu corrección cando foi o de Clinton porque daquela só estaba en perigo o presidente, non estaba en risco a lepra branca, a morteirada do capitalismo. “Aos columnistas doutros séculos –escribe–, cando os templos de Deus aínda non eran tan impresionantes como os templos dos xudeus ou os dos lombardos ou os dos Rothchild, donos do Banco de Inglaterra e do de Francia, metíaselles no cárcere se escribían que as primeiras felacións foron practicadas aos sacerdotes polas prostitutas sagradas”.
Hoxe o diñeiro é o derradeiro tabú, como di o articulista, e impón, polo tanto, restriccións á linguaxe. Pero con Raúl del Pozo que non conten, que non ve “financeiros senón reventa caixas de colete branco”. E comigo que non conten tampouco, porque eu tanpouco lles "direi aos parados que tomen as casas que lles quitaron, nin que entren nos restaurantes dando patadas e pedindo ostras e champán, pero que saiban que a gran quebra é produto do roubo”.
“Estes bribóns non son os Medici –remata o autor–. Os bancos empezaron a desafiar as catedrais dende que Cosme de Medici, que tiña hipotecada a mitra do Papa, fixo poñer no máis outo da cidade as súas esferas dentro dun escudo”. As pelotas dos Medici, dicían os florentinos.
Eu, coma Raúl, “gan parte da miña vida loitei equivocadamente para que caera o capitalismo, e agora que está feito unha braga e chega o postcapitalismo, non vou caer na trampa dos que manipulan o medo para restrinxir os dereitos”.
1 comentario:
Un magnífico artigo.
Publicar un comentario