martes, septiembre 16, 2008

O furor intransixente de Prisa

Basilio Baltasar, director da Oficina do Autor do Grupo Prisa, vicepresidente da Fundación Jannick e Ben Jakober e algunha outra cousa máis, é lento pero seguro. Durante quince días debeu estar pensando se pagaba a pena responderlles aos do Pen Glub de Galicia polo atrevemento que tiveron os seus directivos de arremeter contra as parvadas que vomitou o sabio sapientísimo George Steiner nunha entrevista que lle fixo Juan Cruz e na que, como todo o mundo sabe, confesou a atrevida ignorancia que padece sobre o idioma galego e a súa cultura.
Baltasar publica hoxe en El País un longo artigo de opinión, titulado El furor intransigente de los clérigos, no que conclúe que “algúns galeguistas dan á súa lingua rango sacramental e consideran sacrílega calquera crítica”. O xornalista de orixe balear que sucedeu a Juan Cruz na dirección da Oficina do Autor de Prisa sostén que os autores do manifesto do Pen Club galego “non perciben ningunha contradicción entre a súa airada requisitoria e os principios proclamados por unha sociedade internacional de escritores que dende 1921 non deixou de lamentar e denunciar a censura e a persecución padecida por escritores de todo o mundo”.
Sen estar de acordo co célebre manifesto, que supoño inspirado e ata redactado polo famoso Che (Luís González Tosar) deixándose levar, como é costume nel, polas aprehensións de tipo persoalista, non vexo eu que sexan comparábeis o “legado relixioso dos nosos fanáticos ancestros” ou o "furor intransixente dos clérigos” co “enfado colérico dos autores do manifesto”. Podería ata darlle algo de razón a Basilio Baltasar cando albisca algunha forma de sectarismo nos escritores galegos que “se erguen ufanos no medio do estropicio español”. E, dende logo, doulla toda cando protesta porque tentaran converter a Juan Cruz, persoa que aprezo ata máis aló do estritamente profesional, en chivo espiatorio da ignorancia atrevida de Steiner. Xa se sabe que o de matar o mensaxeiro é unha cacería que non somentes se practica nas ditaduras, e a min tamén me alarman ás veces certos conatos de intransixencia que se permiten practicar determinados persoeiros e persoeiriños da cultura oficial galega.
Pero o malo é que Baltasar cae de fociños na lameira que tenta atravesar. Explícome, comete el os mesmos vicios de intolerancia e de predicación amonestatoria que critica nos que, segundo el, embestiron contra Juan Cruz. Ou sexa, os do Pen Club tiñan que estar caladiños ou dicir o que a el lle gustase, pero o columnista en nómina de Prisa pode dicir o que lle peta. Home, isto é xogar con cartas marcadas. E non digo que Basilio Baltasar sexa un tahúr do Mississippi, que era como lle chamaba Alfonso Guerra a Adolfo Suárez.
O caso tén máis importancia porque o artigo de marras aparece firmado por un membro do staff directivo do Grupo Prisa, circunstancia que pode levar a algún lector a pensar que a posición ideolóxica e cultural que rezuma o texto corresponda ou coincida coa que mantén o grupo mediático da familia Polanco. Se esta coincidencia fose certa, estariamos ante un chamativo caso de redundancia do xacobinismo que acostuma practicar o xornal madrileño. Resulta curioso que un mallorquino, o autor do artigo, apareza aquí como improvisado látigo que xostrega sobre a periferia. Ai, se Josep Pla –o menorquino, non o de L’Ampurdà– erguera a cabeza! O que lle podía ensinar a Basilio Baltasar.
O furor intransixente dos clérigos non se colaría tamén entre os directivos de Prisa? Se Beiras defende a Toñi Vicente só por ser amiga súa, hai que admitirlle a Baltasar que defenda como lle dea a gana o seu amigo Juan Cruz. A fin de contas, herdou o posto que deixou Cruz en Prisa, pero a diferenza é que o que lle xostrega ao Che galego manexa a vara dende un alto cargo do xornal máis influínte de España.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Home, pois a min gustaríame saber qué di agora toda esa pseudoprogresía vieirista de 35 euros e todo por aí que acusa á Voz de Galicia de ser un inimigo público da lingua e da cultura do país e aos cidadáns que aquí vivimos de sermos os culpables de que isto non sexa un imperio. Si, a ver qué din agora todos eses, que en moitos casos colaboran de cando vez nas páxinas (locais, claro) do País en castelán (ese español que é a súa lingua materna, en calquera caso, nada que obxectar), e que teñen secuestrada a cultura galega, ou iso pretenden, en beneficio dos pobres do mundo e da famélica lexión. Agardo impaciente.
Con todo, habería que dicir que as palabras do sucesor de Cruz responde, no intelectual, a un argumento bastante sólido, que parece máis sólido aínda fronte ás baballadas dos ardentes neofalantes que se senten donos dese pobo galego ao que muxen constamente.

Anónimo dijo...

Estas cousas acontecen porque Galicia consente que haxa quen se fai pasar por dono da súa cultura, e con frecuencia dos cartos públicos, arrogándose unha representatividade que non pode ser outra cousa que ficticia. Saltémonos os exemplos, por respecto ao dono deste gran blog. Con todo, digo eu, o firmante do artigo terá dereito a dicir o que queira. Se alguén quere responderlle, terá que facelo polo mesmo camiño: con argumentos. Así que non creo que lle contesten. Sobre todo porque os que se ven atacados nel son os mesmos que defenden ao País como periódico supostamente superprogre, superguai e superchachi: o diario ideal para os que falan en galego coa conselleira cando hai xente diante. Non sei en qué falan, aínda que o imaxino, cando non os ve a xente.

Anónimo dijo...

Non sei se reparastes en que o artigo está a recibir a máxima puntuación dos lectores do País. A ver se vai resultar que iso é o que de verdade pensa a xente.

Anónimo dijo...

Pois non entendo que vos leva a cuestionar ao País como exemplo da defensa da lingua galega.

Anónimo dijo...

Rango sacramental da lingua? A cal lingua se refire?

Anónimo dijo...

oñooooooo
vou merca-lo país

Anónimo dijo...

O importante é que volveu, don Perfecto.
Algúns xa pensabamos que a actualidade non lle ía deixar estar calado.
Mellor.

Anónimo dijo...

Pois para volver meténdose con Beiras ben puido seguir caladiño na súa casa. Non terá outros que merezan máis as súas críticas negativas?

Anónimo dijo...

A verdade é que a min interésanme máis as críticas negativas que as positivas.

Anónimo dijo...

Regardez la jilipolluá que escribe o gachó ese no seu artigo: ""El enfado colérico de los autores del manifiesto podrá considerarse una anécdota insignificante pero la impetuosa y veladísima amenaza contra el periodista -candidato a ser nombrado persona non grata por los cenáculos nacionalistas- es un escándalo inconcebible en los países de nuestro entorno".

Anónimo dijo...

Non ten por que ser censura opinar, como fixeron os do Pen Club, que o xornalista Juan Cruz debeu conducir a entrevista de maneira que a parte referida ao idioma galego non parecese o que pareceu nas páxinas de El País. Seguramente se o ataque de ignorancia de Steiner se referise ao castelán, Juan Cruz non se comportaría como se comportou e o resultado da peza xornalística sería outro moi diferente.
Ademais, de que vai Basilio Baltasar? Fala das ameazas dos do Pen Club de Galicia e logo escribe el que que "o manifesto urxente do PEN Club galego inclúe amonestacións que deberán ser obxecto dunha detallada análise por parte dos aludidos". Vaia comisario que está feito o o director de Relacións Institucionais do Grupo Prisa.

Anónimo dijo...

E que dirán Antón, Suso e Manolo? Non ficarán calados, supoño.
Ou é moito supoñer?

Anónimo dijo...

Calarán, calarán.

Anónimo dijo...

Eu pecador confeso que non tiña noticia ningunha de George Steiner hasta (xa sei que se di "ata") o momento en que lin unha sentencia cagada por este home na que literalmente dí: "Non me gustaría compartir veciñanza cunha familia xamaicana".
Xamaicanos, galegos... Seica este home ten un problema coas minorías. É de esperar que en Xamaica lle fagan menos caso que aquí.