miércoles, marzo 04, 2009
Beiras resucita
Quizais sen darse conta e, dende logo, sen querer, Xosé Manuel Beiras acaba de por enriba da mesa un tema sobre o que tempo era de que se reflexione sobre el: hai que revisar ese mito pervertido de que só dos “tinajeros”, como din os hispanos de Miami, nace o futuro. É absurdo que se siga perdendo un minuto máis en cultivar a dialéctica de juniors e seniors. Nin abonda con ter menos de trinta anos para estar “sobradamente preparado” nin nos sobra aos que hai moito que fixemos a mili o alento dos que han sobrevivirnos.
Con todo o ter 72 anos, Beiras acaba de demostrar que é capaz de respirar máis osíxeno xuvenil que Anxo Quintana, Carlos Aymerich, Ana Pontón, Francisco Jorquera, e non digamos Paco Rodríguez, xuntos, só demostrando que el si entendeu a mensaxe do electorado galego do 1 de marzo. Se miramos o que dixo esta mañá en Santiago (ver información en Vieiros, por agora a mellor referencia á roda de prensa dos Irmandiños), rapidamente comprenderemos que o Señorito da Reboraina está máis lúcido que nunca. Tardou tres días en facer o que quizais debeu levar a cabo ao día seguinte mesmo das eleccións, pero aí está outra vez o que lle meteu o bisturí ao atraso económico de Galicia. E ninguén ha poder acusalo agora de revanchismo, so pena de pasar por un auténtico miserábel político. O que as fai tén que pagalas, é o único que lles veu dicir Beiras aos culpables da debacle nacionalista. Tempo era.
Tempo era, si, porque se Xosé Manuel Beiras deu hoxe unha boa puñada enriba da mesa, algúns pensabamos que tamén el estaba sendo culpábel de parte do que viña ocorrendo para que o BNG chegase indigno lugar no que está hoxe. Calou demasiado Xosé Manuel, deixou facer de máis cando podía aínda tentar reconducir a deriva da forza política que el, máis ca ninguén, logrou que fose operativa en Galicia e ata foi algo cómplice de que un líder de plástico coma Quintana, pupilo seu nalgún tempo, tivera a chance que non soubo converter en grandeza.
Non é o Ave Fénix, pero si a brasa que pode volver a acender o lume dun nacionalismo galego liberador e consecuente: non é dende as bañeiras dos iates dos novos ricos nin dende a incompetencia como se defende eficazmente esta terra, senón dende a conciencia inalienábel do que somos e do que queremos ser. Benvido, Beiras! A conciencia crítica cabalga de novo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
17 comentarios:
Muy ben falado.Será ben escoitado?
Fermoso texto, Don Perfeuto!
Don Perfeuto, tes que mirar que che pasa no blog, que mandei unha mensaxe e non sae. Moi bonito, o texto sobre Beiras. E cheo de sentido común.
Temos que tomar un zóspiro cando vaia por Santiago, meu amigo!
Chámote despois, se teño un segundo.
Pero xa lle pasou o mal que lle fixeran as vieiras de Toñi Vicente?
Por certo, o Beiras tamén é dos que mostran o seu lado feminino andando en Citroen.
Un bo artigo para navegantes.
Un bo artigo para navegantes.
Prezado Don Perfecto: E falando de substitucións, ¿non vai opinar da rapidez que o "aparato" do PSOE vén de sinalar ao Patxi coma substituto do Touriño? Non lle cheira tanta présa? E agora din que van a preguntar ás bases, cando xa o sinalaron eles... Coma algúns das bases aposte por outro xa sabe o que lle queda...
E logo? Non será un mellor candidato o Orozco de Lugo, moito máis cercano á xente, máis socialista que ningún dos perdedores das últimas eleicións?
Asinado. Un descontento calquera.
Díxome un día Orozco, falando dunha cousa parecida:
-Sabes que...? A MIN NON CHE ME GUSTA NADA QUE AOS DEMAIS LLES DEAN PATADAS NO MEU CÚ!
Ogallá Beiras decida tomar de novo as directrices do BNG, posto que este partido precisa que unha man coma a de Xosé Manuel o faga volver de novo á esquerda da que nunca debera saír. Un saúdo.
A ver si deixamos de soñar con felices arcadias xa pasadas(que nunca o foron). O amigo Beiras foi complice da U mentras estes o mantiveron no machito. Ainda lembro a súa furibunda reacción contra os/as críticos/as na asemblea de A Coruña. A saída non está en mirar ao pasado senón en darlle una volta a todo o que ata agora se viña tomando como axioma intocable no bloque. Estou cheo de lideres carismáticos que só saben mirarse o embigo e que se cren superiores á cidadanía á que deben representar. A xente normal cria aos seus fillo/as, paga hipotecas, sobrevive no traballo (ás veces en infraempleos)... A roda de prensa de Beiras foi patética e só unha persoa con soldo de catedrático se pode poñer a falar de altermundismo e demais...EN DEFINITIVA ESTOU CHEO DE QUE INSULTEN A NOSA INTELIXENCIA UNS (A UPG) E OUTROS (BEIRAS E DEMAIS "CARISMÁTICOS")
E Beiras un tipo de fiar cando o venres anterior ás elecións manifestaba no xornal Galicia Hoxe que:
1. él ía "botar"
2. él quería montar un partido inspirado no FSM. Para os non iniciados e iniciadas, FSM é Foro Social Mundial.
E, sí, Beiras pactou todo o que había que pactar coa UPG, como Camilo e como todos, e todas.
Si hom, si. A gerontocracia ao poder. valha-me deus!
É que o Senhorito da Reboraina é-che muito Senhorito (no bom sentido da palavra) e Perfecto Conde também polo seu comentário. Porque há gente que não quer saber nada dos velhos? Velhos seremos mas parvos não.
Sexa como sexa, alguén como Beiras, con todos os erros que poida ter cometido, xamais sería cómplice das ridiculeces que promoveu o nacionalismo durante o seu paso polo poder da Xunta, que acabou como acabou porque non podía acabar doutra maneira.
Só pasaron uns días desde as eleccións, e hai cousas que xa empezan a dar máis risa que lástima.
Queren que vaiamos consellería por consellería?
Eu pídomo a de Cultura, con esa señora á fronte tan peculiar, empeñada en facer a súa propia corte de ¿intelectuais? ¿artistas? ¿falabaratos? con vocacións de turistas, promovendo parrandas como a de Cuba, indo promocionar a ¿literatura galega? a un país onde hai persoas presas por ser anticomunistas ou homosexuais.
O colmo do cachondeo foi cando a conselleira, vendo que tanto Quin como Touriño xa tiñan cadaquén o seu bardo de cámara, quixo fabricar a súa propia barda, e entón de súpeto a unha paisana saída da nada, e da que non se volveu saber nada, comezaron a choverlle premios, entrevistas e homenaxes varias nas que ela ía falando da liberdade das mulleres e dos visóns, non sei por que orde, mentras a crítica oficial do réxeme, compañeira súa de facultade e eterna opositora a un carghiño que ninguén lle dá, e mira que xa foi de todo ela, tan aplicada, a comparaba con Rosalía e por aí todo seguido.
O PEOR NON FOI A BUGALLA, O PEOR FORON AS COMPLICIDADES.
Considero que já dom Perfeuto deixara claro que Beiras devera falar antes. O próprio Beiras reconheceu isso no seu segundo livro de conversas. Não vejo logo o porquê dalguns comentários.
Beiras está no seu dereito a falar. Ora ben, a súa proposta de futuro para o BNG vén ser un brinde ao sol, un camiño sen saída.
Publicar un comentario