lunes, marzo 23, 2009
A dez minutos de Santiago, o Guantánamo dos cabalos
A menos de vinte quilómetros de Santiago, onde teñen as súas sedes centrais as consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural da Xunta de Galicia, calquera que visite os montes de Oleirón, nos lindeiros dos concellos de Brión e Rois (A Coruña), vai ficar abraiado como fiquei eu nas primeiras horas da tarde de hoxe. Case non é preciso explicar por que. O motivo aparece reflexado nas fotografías. Dunha ducia de cabalos localizados na chaira que corona este monte, espectacular mirador sobre o val de Amaía, a metade deles están practicamente inmovilizados polos cepos de pau que algún desalmado instalou nas súas patas dianteiras.
Subín a esta serra, que pecha polo oeste o horizonte de Bertamiráns e Bastavales, seguindo a pista que me deu o meu amigo Xoán Guitián, auténtico anxo da garda da natureza galega. Ao chegar á aldea de Macedos, a catro quilómetros de Bertamiráns, pola estrada de Noia, torcín á esquerda e alcancei o cumio do monte por unha estrada chea de curvas, alquitranada, que vai ata unha casa forestal e onde tamén hai unha antena de radio.
Na vertente leste do monte hai lugares tan singulares coma ermida de Santa Cecía, una pequena capela románica en ruínas, na que aínda se poden ver canzorros e pedras con algunha inscripción, segundo me conta Guitián, que me di que é unha ermida contemporánea do arcebispo Xelmírez. Moi preto dalí, está o chamado Coto dos Mozos, unha cavidade entre enormes rochas graníticas que serviu de refuxio a partidas carlistas durante a guerra da Independencia e a fuxidos do franquismo.
Nas campas que coroan os montes de Oleirón é onde se atopan os cabalos encepados. Dá arrepío velos coas patas dianteiras trabadas por cepos de madeira de algarrobo que convirten as súa sobrevivencia nun auténtico tormento. Estes montes arderon totalmente durante os desastrosos incendios do ano 2006. Imaxine o lector o que puido pasar con estes animais en tales circunstancias, ou o que lles pode pasar agora cando sexan atacados polos lobos.
Por si todo isto fose pouco, a zona atópase completamente estragada por un circuíto de obra que parece construído para que eses “amantes” da natureza que se desprazan polo medio do monte en quads ou motos de montaña, convirtan nun inferno o que podía ser un magnífico parque natural a carón de Compostela. Como non lles abonda con ese “Jarama”, eles mesmos improvisaron outro estragando unha campa magnífica coas rodaduras dos seus vehículos.
Entre unha cousa e outra, o lugar é agora mesmo todo un exemplo do que non deberían permitir as autoridades, sexan municipais, provinciais ou autonómicas. Que fai o Seprona que non intervén ante este incomprensíbel maltrato aos animais? Onde está Medio Ambiente aínda que Pachi Vázquez estea só en funcións? Vaise ir Suárez Canal, ata agora conselleiro de Medio Rural, sen sequera saber o que pasa no monte Oleirón?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
14 comentarios:
Eses cepos aínda se seguen utilizando na Serra da Capelada, e cada vez que eu vexo iso de verdade lle digo que me parte o corazón...
Eis algo que tamén explica o fracaso do bipartito. Moito falar de medio ambiente, de igualdade, de dereitos, pero que se fixo na realidade? Fotografías coma estas deberían abondar para que o conselleiro de Medio Ambiente tivese que dimitir ou ser cesado por moi en funcións que ande.
Vergonzoso, terceiromundista. Que haxa xente que faga isto e autoridades que non erradiquen estas prácticas de salvaxismo non é que arrepíe. É que dá noxo
Fotografías como as do post son a demostración evidente do fracaso de tódalas políticas medioambientaís desenvolvidas por conselleiros de tódolos signos en Galicia. Pero tamén o fracaso das asociacións de defensa da natureza na concienciación dos cidadáns e da clase política, o fracaso dos mecanismos de denuncia (por desgracia textos como o de hoxe son infrecuentes), de organismos como o Seprona, encargados de impedir os delitos contra a natureza e de actuar de oficio cando teñen coñecemento dos mesmos, etc.
Terrorífico que as autoridades galegas leven décadas mirando para outro lado, que as autoridades estatais deixen facer e que as autoridades europeas, tan civilizadas elas, non nos poñan no sitio no que nos corresponde.
Ás veces un ten que sentir auténtica vergoña de vivir nun pais que permite estas atrocidades.
Jorge Guitián (o fillo de Xoán, o mencionado no texto).
Estes cabalos terán dono. Ou donos. Que fai o Seprona que non busca eses donos e os multa ben multados, ademais de obrigalos a librar os cabalos dos cepos?
E os de Medio Ambiente, nunca van por ese monte ou están cegos e non ven o que pasa aí? Coa lexislación vixente na man, este desproporcionado maltrato aos animais debe ser atallado e castigado canto antes. E se na serra da Capelada ou onde sexa pasa algo parecido, pois o mesmo. Se estas fotos caen naen poder da prensa internacional, volvemos a cagala como cando aquel paisano de Aguiño matou o can a paus.
O outro día, concretamente o venres pasado tamén ollei aos cabalos con cepos no monte Xiabre de Vilagarcía. Non sei quen é máis animal, o cabalo ou quen lle pon os cepos. O que máis me estraña de todo isto é que por ali andan os gardas de montes, a garda civil e aínda non oin que estes denunciaran algo, ou tomen nota para os seus superiores. Seguro que baixo do coche para mexar, e aparece as moto cros da benemérita e me empluman por contaminar o monte e por ser prostático. Todo que sexa recaudar para darllo aos bancos é o que manda, todo o demais son "coñas mariñeiras".
E porque arrepiades tanto? O que mostran as fotos é unha prática trradicional, utilizada polos habitantes do rural para controlar o gando. Tamén se utiliza coas vacas. E non pasa nada. Ou hai que prescindir da "tecnoloxía" secular, de eficacia e baixos custos comprobados, porque a unha ducia de señoritos da cidade lle pareza matltratadora dos animais?
Ide rañala.
http://www.youtube.com/watch?v=Gncl6TVWQkA
Colgado hai un ano... cabalo con pexa no monte Acibal. Nós gravamos outro nos montes de Riotorto, en Lugo, pero non atopamos o vídeo agora. Mal de moitos, pandemia.
Os de Amigos da Terra teñen unha denuncia feita no 2006 e ben documentada graficamente:
http://www.amigosdaterra.net/index.php?name=News&file=article&sid=135
E, perdón pola insistencia, hoxe mesmo saen veciños imputados por esta práctica ilegal: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/03/24/0003_7610028.htm
Para Certo:
Non ten vostede que desculpar nada pola insistencia. Todo o contrario. Agradécselle moitisimo que forneza toda esta información que está dando. Contribúe eficazmente a que se difunda a existencia dun maltrato aos animais que as autoridades deberían cortar canto antes.
Moitas grazas, polo tanto.
Algo están a facer, esta vez en Lousame:
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/04/18/0003_7658966.htm
"E porque arrepiades tanto? O que mostran as fotos é unha prática trradicional, utilizada polos habitantes do rural para controlar o gando. Tamén se utiliza coas vacas. E non pasa nada. Ou hai que prescindir da "tecnoloxía" secular, de eficacia e baixos custos comprobados, porque a unha ducia de señoritos da cidade lle pareza matltratadora dos animais?
Ide rañala"
Anónimo... eu non che son ningún "señorito da ciudá", precisamente.... Son do Val da Amaía de toda a vida, crieime entre vacas e leiras, teño moito monte enriba e concordo cos demáis en que o tema dos cepos é totalmente insufrible para os cabalos ou vacas. Que non pasa nada dilo ti: só hai que pensar no que lles ocorre cando prende lume no monte...
Para controlar o gando haiche outros métodos, que algo evolucionou a humanidade dende as cavernas, machiño!
Por outra banda, é totalmente denunciable e está castigada penalmente esta práctica, aínda que o que me extraña é que o Seprona, farto de coñecer estes casos nos montes onde hai cabalos, non tome cartas no asunto de oficio...
http://www.youtube.com/watch?v=DRmDcBeID8Q
gravado esta fin de semana, supoñemos... en Monte Muralla, Rianxo
Publicar un comentario