miércoles, marzo 04, 2009

Intelectuais e política

Alguén debería analizar dunha vez o papel que están a cumprir os chamados intelectuais na Galicia actual. Os de verdade e os de pacotilla, que todos contan. Quizais é iste o momento para levar a cabo esa análise porque nunca foi tan visíbel o desparexo entre o que predicaron os da nómina da intelectualidade orgánica do cogoberno que acaba de fracasar e as tendencias políticas e, polo tanto, culturais, do electorado do primeiro de marzo.

Por dicilo en bruto, o PP de Alberto Núñez Feijóo borrou o bipartito do mapa contra o vento e a marea da opinión expresada e publicada polo batallón literario da Galicia-Galiza destes últimos catro anos. Dende vacas sagradas coma Manuel Rivas ou Suso de Toro a oficiantes coma Antón Losada ou Antón Baamonde, pasando por sacristáns de todas as Coimbras coma Xosé Luís Barreiro, sen esquecer, dende logo, a caterva de opinadores de profesión que foi medrando a carón do lume atizado polo bipartito, hai que ver a cantidade de pregoeiros que se sumaron ás minervais de Touriño e de Quintana, segundo cada caso e ás veces tocando a arpa nos pazos de ámbolos dous.
No decurso deste fenómeno ocorreu algo curioso. Ninguén abriu a boca para dicir que non todo era éxito o que estaba cosechando o goberno de progreso. Tanto a Touriño como a Quintana, e ás súas repectivas familias políticas, o único que lles fixeron os chamados intelectuais foi rírllelas grazas e apoiar case incondicionalmente a salvación de Galicia que estaban levando a cabo. Tamaña atrofia intelectual puido ocorrer por dúas razóns. Porque metáforas coma dos mojitos da Habana, oficinas de enganche comas do audiovisual ou a TVG, pesebres coma os do subvencionismos nas súas diferentes formas lles anubraron os ollos. Ou porque realmente estamos asistindo a unha auténtica deserción da crítica en calquera das súas máis elementais formas de expresión. Pola sobrevivenza da especie, inclínome a pensar que puido deberse máis á primeira que á segunda razón.
Habería, sen dúbida, que engadir outra causa máis do deserto. A inexistencia dunha prensa verdadeiramente independente que acollese e fomentase o espírito crítico que, porén, algo se manifestou ata a caída de Fraga, moi concretamente co gallo do desastre do Prestige e o conseguinte movemento social desenvolvido por Nunca Máis, por exemplo. Onde se meteron aquelas voces? Por que non todas puideron ser absorbidas polos encantos bipartidarios, aínda que hai que recoñecer que moitas pasaron a cobrar da nómina ou polo menos das pontellas do sistema. Fenómenos coma o de Antón Reixa, intelectual-empresario do audiovisual, que non parou de cantar o ben que o ían facendo sobre todo os conselleiros do BNG, teñen moito máis que ver co que representaba a nómina de columnistas da antiga Prensa del Movimiento que coas pezas de opinión de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus, dende logo.
Nos tempos que corren, aquí en en calquera sitio, desligar a función intelectual dos avatares político-administrativos é, cando menos, imposíbel. Máis que na Idade Media quizais, hoxe en día os bardos dependen case coma calquera funcionario máis dos humores dos gobernantes que da súa propia capacidade produtora, pero aínda así resulta chocante que nestes catro anos nin sequera Alonso Montero, sempiterno aspirante a ser o Sartre galego, erguese a súa voz para sinalarlles aos do bigoberno que polo menos andaban errados nalgunhas cousas. Só agora, a camiño andado, aparecen críticas comas de Xosé Luis Barreiro, que máis parecen tiros de graza que aspirina ofrecida ao doente. E, falando de graza, non deixa de tela que sexa o autor dun libro acrítico e oportunista con Quintana, compañeiro seu de viaxe nalgunhas singraduras, o que agora lle escriba o epitafio. Son cousas que tampouco se entenden facilmente.
En fin, que parece que non é precisamente con intelectuais como se gañan as eleccións en Galicia. A ver se agora se pasan todos á dereita de Sarkossy-Feijóo e a esquerda volve a ilusionarnos dentro de vinte anos. Largo nolo fían aos que xa estamos condeados a bailar co Quintana de turno nunha viaxe a Portugal que remata en Oia.

18 comentarios:

Anónimo dijo...

O de Xosé Luís Barreiro Rivas con Quintana merece figurar, como mínimo, no libro dos despropósitos, e como máximo xa saben en cal. Pasou de consideralo un político con moito futuro a facerlle un cruel epitafio. Que palabra era aquela que usara Fraga no seu día para definilo (a Barreiro)?

Anónimo dijo...

Eu creo, con todo, que nalgúns blogs houbo crítica independente: outra cousa é que trascendera.

Perfecto Conde dijo...

Eefectivamente. Concordo totalmente con Arume. É nos blogs onde se está refuxiando a independencia auténtica.

Anónimo dijo...

Súmome, humildemente, e con gratitude de lector, ás opinións de Don Arume e Don Perfeuto.

Nos (bos) blogs encóntrase no que outros lugares non se atopa facilmente.

Vaia de paso, para os dous, a miña admiración e o meu afecto.

Anónimo dijo...

E quería vostede pechar o blog... Menos mal que acordou...

Anónimo dijo...

Subscrito o comentario que fai o dono deste blog.

Anónimo dijo...

Os intelectuais o que hai é que poñelos a traballar. Non se pode pensar ben nin escribir ben se se depende da cazola política ou institucional. Os grandes valores da cultura sempre saen da independencia absoluta, do individualismo e da liberdade total. A intelectualidade orgçánica e os escritores funcionarios son ralea pura. Á intelixencia do estómago agradecido dálle igual quen goberne. O que lle importa é o que paga.

Anónimo dijo...

Quen escoita a eses intelectuais? ou mellor, quen lle dá voz?
Hai moitos intelectuais que din moitas cousas, pero sempre saen os mesmos. E xa empezo a pensar que non é exactamente culpa deles. Se eu teño unha forma de ver o mundo que cadra co Pais ou a Voz que hei de facer, cambiar para levar a contraria? O problema non son os intelectuais, son os poderes que fan que so se escoite a algúns intelecuais.
Agora é moi facil meterse con Barreiro, con Rivas ou de Toro. Eu non creo que sean xente que cambie de chaqueta cada dia. Teñen a sua opinión, que non é a miña, e dina onde lle deixan, como faría eu se poidese.
A solución é darlle voz a mis xente, e aí os blogs poden cumplir un bo papel. E non creo que o estén facendo neste momento. Hai moito comentario rápido, moito sectarismo, e pouca investigacion/reflexión. Se tanto se sabe de chanchullos, de conspiracións, etc. que se diga, que a rede é anónima. Porque a xente non di o que sabe? E se se ten algo serio que dicir que se publique na rede, que medios hai abondo.

Anónimo dijo...

A rede, precisamente por ser anónima, é unha latrina inmensa, unha grande cloaca. Sálvanse poucos blogs, Croques, por exemplo, por ter ao leme a un nachiño afoutado, que asina co seu nome. Non perdan o de Fermín Bouza, "El voto con botas", que tamén pode axudar a ese debate nacional urxente. Outros vinte anos de dereita poden ser letais. E non soamente para a lingua.

Anónimo dijo...

Para Sarmiento.
¿Como que a culpa non é dos intelectuais? ¿Quen obriga a botar foguetes a Susito de Toro e Rivas, que ademais se cren a cima da independencia pseudoxornalística? Os intelectuais en Galicia gustan moito de chupar de aquí e de acolá, son xente moi agradecida co que subvenciona, sexa Fraga ou o bipartito, ese é o problema. E só critican co vento a favor, coma no caso do Prestige.
E no tema das denuncias en Internet, só hai que mirar o lixo que hai baixo o manto do anonimato. Así se fomentan teorías conspiratorias infames coma a do 11-M. Para blogs, os que levan nome e apelido, coma este. Se disparan sen darse a coñecer, non me interesan, iso é un conglomerado de amarillismo e cobardía disfrazado de periodismo.

Anónimo dijo...

Home, Don Perfeuto,tampouco hai qu esaxerar. Mira que chamarlle "vaca sagrada" a Benicio de Toro... Si temos en conta o moito que truca o tal señor Toro contra a sintaxe e as non poucas afrentas que lle inflixe á ortografía, eu creo que lle acae mellor a consideración de "besta consagrada". Esta é nada máis que unha modesta aportación ao catálogo da fauna intelectual autóctona, como é natural, meu querido amigo. Saúde.

Anónimo dijo...

A culpa é vosa e non de FENOSA por lles facer caso a analistas políticos tipo Manolo Rivas e Suso de Toro (outro apelido deturpado).
Que escreban, e que escreban ben para para o Grupo PRISA-Nostra, que publiquen novelas de tamaño tolstoiano e que abandoen xa a análise política, por favor.

Ónde fica aquela Galicia dinámica que había nas cidades, a Galicia anovadora, a Galicia do século XXI, seún as análises de Suso e Manolo?

Claro é que só os que falan, erran e que agora é cruel vir lembrar as frases escritas noutro momento e noutras circunstancias. Vale.
Pero se alguén no seu san xuizo pensa que un tipo (Felón, Fraga chamou-lle Felón) como Barreiro, analista de nada en La Coz de Galicia, pode xerar opinión, entón é que esa persoa está desnortada.
Barreiro analiza sempre en clave contable: tantos euros de alí, tantos euros de acó, un pisito baratito no Araguaney, un chabolito en Samieira, un pasar sen manchar pola Comisión Redatora do Estatuto de Nazón do BNG (do BNG!), un par de grolos da garrafa de Gaseosa Feijoo "añada 2009" e un saber estar mentres outros facían negocios no mundo do xogo e as tragaperras mentres él, o íncólume Barreiro, asitía a misa de 12 na Catedral de Santiago.
Pero, de verdade alguén acreditaba nese fulano?

Anónimo dijo...

Pois eu penso que algunha xente si que lía a Barreiro, por moito que doia, porque verdadeiramente é un tipo que cambia de chaqueta según o aire. Pero igual hai xente que pensa que Barreiro analisa gratis e que Reixa, Rivas e De Toro están aí por amor á filantropía. Seguriño. Reixa e Gómez evanxelizan no Xornal da Malicia polo ben da Humanidade, claro.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Amigo don Perfecto: sería posible un post seu, tipo reportaxe, co desglose das subvencións recibidas por todos os xornais, maila publicidade encuberta, descarada ou so capa de fondo de reptís?

Anónimo dijo...

Arume: recollo a luba. O que non sei é cando poderei colgar a información que me pide. Os próximos días estarei visitando a Terra de Sanabria co meu amigo xaponés Take Asaka, que quere ir aló na busca de vestixios do idioma e da cultura galegos.
E agradézolle sinceramente que me lea e que me propoña ideas.

Anónimo dijo...

Volvo insistir, Barreiro, Rivas, de Toro, non son culpables de nada mais que de opinar o que opinan, igualiño ca min ou ca vos.
Se alguén lles fai caso, alá el.
Hai moitos outros opinadores nos medios, e non vexo nada sobre eles.
Sobre o anonimato na rede e as cloacas, cada un é libre de crer o que lle pete. Polo feito de que alguén publique calquer barbaridade, como que Latorre forma lobby con Pescanova e as electricas, non vai ser verdade, pero si eu me molesto en ler o doga e saco un listado con subvencions, proxectos, etc, e cruzo os datos co rexistro mercantil e dou as fontes e afirmo o que sexa, entón a cousa cambia, calquera pode ir comprobar o que eu digo.
A eso me refería. E por suposto, eu non son tan parvo de darlle igual valor ao que escribe un anónimo ca o que escribe Don Perfeuto ou calquer outro que firme co nome.

Anónimo dijo...

Concordo con arume. Se a liberdade de opinión nestas e en outras eleccións só se reduce a dous e como máximo tres grupos mediáticos A cousa tivo pouco marxe para pensar libremente, os miolos non asimilaron a verdadeira razón de todo isto, non lle deu tempo, o bombardeo mediático foi tan contínuo e machacante que nos esquecemos da verdadeira razón que nos pode interesar.
Nesta sociedade de líderes escuros mediocres e grises. Nesta sociedade de perfil moi baixo en valores que "mosca cojonera" intelectual á sombra de calquera poder pode facer algo, é como predicar no deserto. Só coñezo unha "mosca cojonera", un amigo de verdade, que finou o domingo, un home galego de Vilaxoán de Arousa, Pepe Rubianes que dicía as cousas polo seu nome. Que aterra lle sexa leve.
Cónstame que Alonso Montero, pola proximidade que teño con el, que o intenta, pero leva ata no carnet de identidade, non é políticamente correcto e lle dan de ostias morais que é un contento, non tanto pola dereita, que tamén, pero os peores son eses que se tildan de "progresistas de postal" que o poñen a parir.A cousa non da máis de si. Mágoa.


Nesta sociedade de perfil baixo, de líderes grises, na que a liberdade de opinión se reduce á opinión que fabrican dous ou tres grupos mediáticos, había até hoxe unha mosca cojonera. Unha persoa que removía entrañas e conciencias. Vivirei o resto da miña vida coa mágoa de non ter ido ver a Rubianes ao teatro, téndoo ao alcance da man.

Anónimo dijo...

Non se preocupe: comprendo que un traballo como o que lle propoño non é para facer xa. Tome o tempo que precise. Faltaría máis! Agardamos ese post con expectación.