sábado, marzo 07, 2009

Touriño escolleu a hamaca



A Touriño fixéronlle a cama, pero el escolleu a hamaca. O que nos faltaba agora é a imaxe do aínda presidente da Xunta, na primeira páxina do Faro de Vigo de hoxe, torrándose ao sol en Tenerife. Non digo que non teña dereito a descansar despois do enorme estrés que lle debeu causar a debacle do 1 de marzo, pero hai descansos que poden matar definitivamente a figura política de quen quixo ser o sucesor de Fraga.

Mentres que Xosé Blanco a Pachi Vázquez prepararon o seu enterro político, Touriño non atopou nada mellor que facer que converterse nun guiri máis que toma o sol coma un lagarto nun hotel de cinco estrelas, acompañado pola súa muller, Esther Cid, profesora de ensino público que parece que non atopou dificultades que lle impediran disfrutar de vacacións no medio do curso.
Por este motivo, esta semana non houbo Consello da Xunta, orgamismo do que parece que se apoderou unha case total parálise que empeza a sorprender aos Laíño e aos de Lestrove. Se Touriño se propuxese servirlles unha baza máis aos que están mostrando certo regusto en cazar bruxas disparando contra a súa cabeza, non podía atopar mellor munición que a de mostrarse untando a pel do seu corpo con crema protectora solar como se fose un reformado nórdico. Definitivamente, a este político falloulle a campaña electoral e estalle a ir igual de mal o inicio do seu retiro.
Vaia panorama: son as 12 e media do sábado, Quintana segue sen dimitir, e Touriño anda facéndose o sueco nas Canarias. Que país!

14 comentarios:

Anónimo dijo...

E seguira sendo culpa da Voz

Anónimo dijo...

Eu penso que quedou farto de tanto esterco e bosta que fabricaron tanto dos dentro cómo os de fora e pensou que os galegos de agora xa non eran como nos tempos de Castelao. Agora temos máis caciques pero máis refinados. Os tempos aínda non son chegados e non sei cando chegaran Sr. Touriño.
¡Fíxate!. Un puto iate do outro e un puto coche teu, fixeron unha campaña e non volo perdoaron. Aos caciques de sempre iso llo perdoan, xa que queren cada galego ser como eles. Todos queremos ser Baltar.Amén.

Anónimo dijo...

Pero Anónimo, pensas que perderon por un iate e un coche?

Home, pouco respecto lle tes ós galegos...!

Non queres darte de conta que a maneira mais doada de perder eleccións e tapando con soberbia as carencias, disfrazando de verbosidade ¿progresista? o que non é mais que fachendoso apostolado, agochando na friaxe da lonxanía a ignorancia culpavel, vestindo o medo ó propio valeiro de desprezo ó que pensa doutra maneira, perseguindo nas arañeiras clientelares a todos os que non son quen de atraer por convencimento...e, por enriba de todo, poñendo na evidencia unha inmensa incapacidade de acubillar as nosas necesidades e de xestionar os nosos cartiños.......

PSOE e BNG, qué maneira de destragar o creto que vos deramos!

Fuco de Esteiro

Anónimo dijo...

¿E a vostede non lle parece que o escandaloso disto é, precisamente,que o Faro de Vigo publique esa foto superflua? ¿Seica agora se vale que os xornais sexan como a Interviú? ¿Onde está a noticia de primeira plana? ¿Xa non hai vida privada que se respecte? ¿Han perseguir así os do PP? ¿Non pode Touriño coller uns días de descanso? E en canto á súa dona, ¿non sabe que calquera funcionario pode solicitar un permiso sen salario, de acordo cuns límites temporais?

Anónimo dijo...

I eu que pensaba que este home leva de vacacións desde o ano 2005 ou por aí... ¿Seguro que a foto é actual? Cos fotógrafos nunca se sabe...

Anónimo dijo...

Indecente que publiquen esta foto en primeira páxina, o tomate creou escola, mágoa.

Anónimo dijo...

Indecente que vostede a reproduzaca aqui, tamén, é vostede un xornalista interesante pero está tan acelerado que se lle vai "a olla", mídase un pouco, nunca hai que perder o sentido da medida,da estética e da ética.

Anónimo dijo...

Señor Croques, xa hai tempo que Vde non nos propón ningunha adiviña.
Voume permitir eu, co seu permiso, prantexar unha ao seu sagaz e intelixente público:

"QUÍTAME DE AHÍ A ESE CAMILLERO O LO QUITO YO"

Que coñecido persoeiro a formulou?

A que outro persoeiro ía dirixida?

A quen se refería?

Anónimo dijo...

Ía referido ó probe Quin. Pero o home que a formulou é un miserable sectario. Para mín eso é ser de dereitas. O elitismo era unha das características dos fascistas, entre outras moitas outras.


Por a formulación, o ghichiño debía ser da curuña.

E como son cristián, e de esquerdas, espero velo purgando moito tempo no inferno.

Pero vaianos adiantando quen foi, non vaia ser que se lle despiste a S. Pedro. O xefe da Voz?. Preghunto.

Anónimo dijo...

Certo preghunton. O xornalista esvara moito. Adiántase en demasía nos xuízos. Manexa pouca información.

Anónimo dijo...

Bon, penso que a foto e máis o comentario do noso señor director do blog debe entender-se como unha mostra máis (para min non é tal, pero bon) de que o governo "Bi", trala derrota eleitoral, non quere saber máis de nada.
Se admitimos que o que conta a prensa é certo (esa maldita prensa que fai caer governos progresistas, segundo as alucinantes interpretacións da derrota que fai a esquerda e os esquerdosos), ou sexa, que hai parón na Xunta, que os cargos políticos non van moito polo despacho, que os asesores pasan bastante de todo, etc, pois esta foto iría nese senso.
E que conste que o Presidente en funcións ten todo o dereito a ir de vacacións onde lle pete e descansar dos consellos tan ben dados por Petene e demáis profesores da Universidade de Santiago, uns linces.

Anónimo dijo...

As fotos están de mais, non ten xustificación que estiveran na primeira páxina dun xornal nen que teñamos dúas neste blog, só se pode entender como xornalismo-lixo.

Anónimo dijo...

Ten vostede o pleno dereito de opinar como opina, pero o exercicio dese dereito non lle garante a razón. Publicar, como publicou "Faro de Vigo", as fotos do presidente da Xunta de vacacións en Canarias, mentres que en Galicia están caendo chuzos de punta, non é xornalismo-lixo. É, pura e sinxelamente, xornalismo. O señor Pérez Touriño aínda segue sendo presidente do goberno galego e, como tal, un personaxe público. O libre exercicio do xornalismo implica non só o dereito senón mesmo a obriga de informar gráfica e extualmente de todo o que fagan os personaxes públicos, polo menos mentres permanezan no exercicio de cargos públicos. Outra cousa é se o resultado dese exercicio lle gusta a vostede ou non, e aí é onde radica o seu indiscutíbel dereito a opinar.
Grazas.

Anónimo dijo...

A credibilidade dun blog está, ao meu entender, en que veña asinado. Isto en primeiro lugar. Logo, que dea paus (ou loanzas) a quen corresponda. De momento as labazadas para quen detenta o poder (Touriño, aínda). Despois terán de vir para quen xa está amolando a coitela (nas cachas de Galicia Bilingüe, como no conto aquel das pescantinas que outro día lles explico). No interín non se me metan con Don Perfeuto, recadeiro dos deuses menores da actualidade política. Os maiores non están (nin se lles agarda). Aurrerá Don Perfe! (E non me perdan o blog de Fermín Bouza, "El voto con botas"). Saúdos a todos.