Leo en El Correo Gallego de hoxe que volveron pechar a ponte do Xirimbao, un lugar do que oín falar dende cativo, aínda que nacín lonxe da Estrada, pola circunstancia de que ese era o lugar preferido por Franco, xunto coa miña terra de Miranda, para pescar troitas e salmóns durante a Semana Santa. Segundo explica o xornal compostelán, a Consellería de Medio Ambiente adoptou a medida de pechalo por razóns de seguridade, debido a que a ponte –de uso exclusivamente peonil– estaba sendo utilizada para pasar con motos e bicicletas.
Xa sabemos o desastre que significa que auténtica xentalla, con máis serraduras que materia gris na cabeza, descubra o pseudodeporte de facer o parvo subidos a montain-bikes, quads, motos que parecen especialmente fabricadas para arrasar coa natureza, etc. Eles son os novos Atilas e os seus trebellos Othares que por onde pisan non volve medrar a herba. Para min, non hai sensación máis noxenta ca de cruzarse con eles, no medio dun paseo bucólico, como se fosen repugnantes e ameazantes tabáns que o invaden todo. Do seu respecto á natureza e á legalidade vixente dá boa proba o que, polo visto, está a pasar con eles na ponte do Xirimbao.
Pero de aí a consentir que sexan os que determinen se tal fermoso paso sobre o Ulla debe estar aberto ou pechado só hai o treito da ignominia. Pechar a ponte do Xirimbao é como se pechase a A9 ou calquera estrada do país porque a min me petase conducir por elas a 200 por hora. Terá que haber algunha maneira de controlar os descerebrados que atravesan en moto esa pasaxe peonil, sen necesidade de prohibirlle ao cidadán normal a contemplación dun dos lugares máis fermosos de Galicia usando unha obra pública que, por certo, tamén estivo pechada durante cinco anos por mor das interminábeis obras de rehabilitación das que foi obxecto. Din os de Medio Ambiente que teñen a intención de abrir a ponte para o primeiro de maio, cando se inicie a temporada de pesca. Sen máis comentarios co de que, por este camiño, teremos que facernos todos pescadores para gozar da cada vez máis escasa natureza primixenia que nos vai quedando.
Estes tamén son, sen dúbida, os comportamentos públicos que comprometeron o cambio político de Galicia, incluído o feito de que os alcades da bisbarra se enteren polo xornal de que o Xirimbao foi pechado. Mentres que non haxa outra mentalidade gobernante sobre o que é o espazo natural galego e o que representa o seu uso, non haberá cambio político. O único que cambia son as siglas, pero a gobernanza case sempre é a mesma. E así nos vai.
11 comentarios:
Comparar un esforzado paseante en mountain-bike que avanza sen facer máis barullo que o dos seus propios folgos, e sen deixar máis pegada que un humilde fio no chan, con motoristas que montan barullo, van a toda pastilla e deixan un noxento fedor a combustible no medio da natureza deixa ben claro que vostede non anda moito por eses camiños de Deus.
Realmente atopo o seu escrito demagóxico e estúpido. Nin creo que pecharan unha ponte peonil por mor dos ciclistas. Sería a primeira vez na historia que tal acontece. ¿Non será cousa dos moteiros, dos quads e do mal estado da madeira?
Un pouco de xeito e menos pontificar, que xa imos sobrados con tanta infalibilidade.
Ca de blogs que hai na internet, un cansa e deixa de teclear a direción do sitio.Cos máis sinxela!
Señor Loureiro:
Expreseime mal ou vostede non me entendeu. Non comparo os esforzados paseantes en mountain-bike, entre os que me conto algunha vez e que saben como e por onde han ir coas súas bicicletas. Vostede pode atopar todo o "demagóxico" e "estúpido" que queira o meu escrito. Pola contra, eu non considero estúpida, senón simplemente desinformada, a súa resposta. Vese que vostede non sabe nin onde queda a ponte do Xirimbao. Adiántolle, para que non se sorprenda cando vaia vela, que non é unha ponte de madeira. É só un detalliño para a súa prédica contra a infalibilidade.
Ten razón o Señor Loureiro cando di que non é comparable o dano que fan os que invaden espazos naturais con vehículos a motor cos que o fan en bicicleta, pero se me permiten un matiz, eu creo que hai lugares nos que as rodas, en xeral, están de máis.
Sobre todo, cando se trata de superficies musgosas ou de sistemas dunares de moi feble consistencia.
Eu estou mo de acordo, en xeral, tamén hoxe, co que aquí di o noso benquerido Don Perfeuto.
Concordo co que di o señor Almiral, que hai anos, e calquera o diría, foi un corredista de moito fuste. Unha cousa é andar a pé, e outra meter a bicicleta por calquera lado. Polo que respeita ao señor Loureiro, que saiba que neste blog temos por costume levar a cousa con máis calma, o que non impide que cadaquén poida dicir o que lle dea a gana, sempre que non ofenda a ninguén.
Os das bicis de montaña están cheos de saber que non se poden meter por onde se meten, molestando a todo quisque.
Non lle pedirei desculpas, señor Conde. O seu escrito foi estúpido. Afirmar que "Eles son os novos Atilas e os seus trebellos Othares que por onde pisan non volve medrar a herba." referíndose aos ciclistas, cando vostede mesmo afirma que é precticante de tal actividade, ou é un contrasentido ou non o entendo.
Afirma tamén que "Para min, non hai sensación máis noxenta ca de cruzarse con eles, no medio dun paseo bucólico, como se fosen repugnantes e ameazantes tabáns que o invaden todo".
A verdade é que non sei onde está o erro pola miña parte. Vostede situou no mesmo nivel os quads e os moteiros que os mountain-bikeiros.
En canto ao da madeira: recoñezo que non teño idea da tal ponte, pero dubido moito que os danos fosen causados por ciclistas. Xa me dirá vostede cómo pode un ciclista danar unha ponte, se non é baixando da bici e comezando a bater con ela a estrutura.
Se vostede é ciclista, como afirma, penso que debe saber que se trabucou ao mesturar todo na mesma poza.
Coincido en moitas cousas co que escribe, pero nisto non. E o digo. Non ten máis que borrar as miñas mensaxes se non as considera vostede oportunas. Saúdos.
Boas noites de novo.
Desculpen que eu interveña por segunda vez neste asunto.
Señor Loureiro: A min, particularmente, paréceme que ninguén lle pediu que pedise desculpas.
(A todos nos poden, ás veces, os entusiasmos.)
E non son quen para falar polo Dono do Blog, pero aquí, non habendo insultos polo medio, a ninguén se lle borran as súas mensaxes.
Vostede expón, con certa vehemencia, unha postura coa que moitos coincidimos en boa parte, sen por iso deixar de coincidir -en boa parte tamén- co que di Don Perfeuto.
E como di outro amigo meu moi querido:
-Non hai falta ningunha de crear un problema onde non o hai.
É un pracer falar con vostede, que supoño que será o mesmo Señor Loureiro da Arroutada, co que xa teño coincidido alí.
Boas noites a todos.
Señor Loureiro:
Perda cuidado, non son as persoas coma vostede ás que quixen referirme dicindo que fan o fato subidas a montain-bikes. Pola maneira de expresarse, a vostede véselle que é alguén responsábel que sería incapaz de atravesar a cabalo dunha bicicleta de montaña, en rebaño e a toda velocidade a parte máis senisíbel dunha reserva ecolóxica. Eu mesmo teño percorrido miles de quilómetros subido á miña Specialized pocurando non espantar demasiado nen sequera a un papo rubio e, dende logo, pondo moita precaución por non atropelar vellos e nenos no parques públicos. Vostede sabe, seguramente coma min, que hai moito becerro que non ten a mesma consideración do "mountain-bikismo". Iso foi o que quixen expresar, e non confundir os ciclistas cos pseudo Fangios que van en quad o en motos por onde lles peta.
Tamén lle digo que se vostede me entendeu o que me entendeu, a culpa é miña por non expresarme mellor. Non só non lle pedín que me pedira desculpas, senón que o que llas pide a vostede son eu, asegurándolle de paso que lle agradezo enormemente a atención que me prestou. Como lle di aquí enriba Almiral Mouchez, sen dúbida todo un clásico nestas lides, menos o insulto e non digamos a calumnia e a inxuria, en Croques todo e todos serán sempre ben recibidos. Vostede, entre os primeiros, polo interese que acaba de mostrar por este tema.
Moitas grazas.
Danse conta de que por falar das biciletas deixaron vostedes de falar dos quads e as motos, etc. ou de agresións moito máis severas a nosa natureza?
Coido que despois dunha réplica tan civilizada e dialogante, calquera crítica que eu poida facer esváese e queda ao mesmo nivel que a perrencha dun neno.
E, com dixo alguén; que as descusión sobre o eco-ciclismo non oculten o que de verdade preocupa: os auténticos bárbaros que poboan algúns montes as fines de semana.
Saúdo e desculpas polo meu tono pouco cortés.
Publicar un comentario