lunes, abril 19, 2010
Disparan contra Freud
Michel Onfray, nacido en 1959, profesor de Filosofía de Instituto antes de abandonar a educcación estatal francesa para crear a Universidade Popular de Caen, está a converterse no personaxe actual da intelectualidade do país de Jean Paul Sartre. Acaba de publicar Le Crépuscule d’une idole, l’affabulation freudienne (Éditions Grasset), unha forte arremetida contra Sigmund Freud e a súa psicoanálise, coa que repasa a biografía do célebre autor exhumando todas as manipulacións que puideron facer Freud eo os seus “haxiógrafos” para aparecer como o inventor dende cero dunha ciencia nova.
Onfray, que empezou sendo gran admirador da “triangulación magnífica” composta por Nietzsche, Marx e Freud, rematou renegando do terceiro logo de levar a cabo unha relectura total da obra do creador da psicoanálise. O resultado é o seu novo libro, que xa foi moi salientado polo xornal Libération, dicindo del que “non é un panfleto sostido polo entusiasmo e o estilo, senón un intenso ensaio, intelixente e perturbador, astuto (como un mono ou un demonio, asegún), escrito de forma simple e directa, destramente argumentado, organizado arredor dunha tese sistematicamente desenvolvida” que non poderá ser contestada “pola invectiva e o anatema, senón pola fría e meticulosa busca dos eventuais erros, os contrasentidos, as omisións, os recortes, os procedementos rutineiros ou as malas interpretacións que poda conter".
Michel Onfray súmase á xa longa relación de críticos da obra de Freud que vai dende psiquiatras coma Pierre Janet, que rexeitan a primacía que lle dá o autor da Interpretación dos soños a todo o sexual, ata os etnólogos que negan que o compexo de Edipo se atope en todas as sociedades. Máis concretamente no terreo da Filosofía, que é o de Onfray, Ludwing Wittgenstein sostiña que a psicoanálise é unha “mitoloxía moi potente”, Karl Popper que non é unha ciencia, Jean Paul Sartre negoulle a propia noción do insconciente, e Gilles Deleuze e Félix Guattari confabularon un certo Anti-Edipo.
E logo está o Libro negro da psicoanálise, dirixido en 2005 por Catherine Meyer, do que Michel Onfray di que lle serviu para “caer da cadeira”. Onfray sostén que “a psicoanálise instalouse no noso país (Francia) a través dos literatos, de Apollinaire aos surrealistas pasando polo formidábel acelerador dos Gallimard e porque a camarilla intelectual e literaria, decote parisina, obrou como unha xurisdicción de excepción. Por oura banda, unha milicia frediana sen fe nin lei instalouse formidablemente na máquina mediática para celebrar alí a súa relixión, con éxito por outra parte, e transformar en antisemita e en revisionista a calquera que traballe pola historia e contra a lenda”.
Le Crépuscule d’une idole é un libro que está chamado, polo tanto, á polémica. Non sei como será recibido pola psquiatría galega, entre a que hai varios seguidores da psicoanálise freudiana. En Francia xa comenzaron a chegarlle os primeiros zurriagazos. Por exemplo, Elisabeth Roudinesco, historiadora da psicoanálise e directora de investigación na Universidade París-VII-Diderot, xa dixo que Onfray “rehabilita o discurso da extrema dereita francesa (Pierre Debray-Ritzen e Jacques Bénesteau principalmente) co que mantén unha connivencia real”. A Roudinesco non lle gustou nada que o libro sexa “un destilado trufado de erros e empapado de rumores” que “trata os xudeus, inventores dun monoteísmo mortífero, de precursores dos réximes totalitarios, a Freud de tirano de todas as mulleres da súa casa e de abusador perverso da súa cuñada; homófobo, falócrata, falsario, ávido de diñeiro…”. E, por riba, case que amigo de Hitler e Mussolini. Xa está armada a nova polémica da filosofía francesa. O cabalo do revisionismo galopa de novo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
¿Existe algunha razón pola que a psicanálise non poda ser sometido a discusión? ¿É acaso un conxunto de dogmas inamobibles?
Publicar un comentario