Xa sei que me van dicir que me vai a marcha. Non pasaron nin 24 horas dende que anunciei que me decraraba incompe-
tente para seguir analizando o caso Garzón e xa estou dándolle á tecla outra vez sobre a mesma trela. Os escribidores, se algo somos, é impertinentes, incansábeis e metemeentodos.
Non quero facer de avogado de silveira, pero aínda me queda algo de vista para ler e repasar a lexislación vixente. Empezarei polo que pasou en Arxentina. Naquel país austral, gobernando a República o radical Raúl Alfonsín, de ascendencia galega, o 24 de decembro de 1986, aprobouse a Lei 23.456 de Punto Final que parou os procesos xudiciais ontra os autores de detencións ilegais, torturas e asasinatos que tiveron lugar durante o chamado Proceso de Reorganización Nacional, que non foi máis nada ca ditadura militar imposta por Jorge R. Videla, Emilio E. Massera, Orlando R. Agosti, Roberto Eduardo Viola, Armando Lambruschini, Omar Domingo Rubens Graffigna, Leopoldo Fortunato Galtieri, Basilio Lami Dozo, Jorge Isaac Anaya, Cristino Nicolaides, Rubén Franco, Augusto Jorge Hughes e Reinaldo Benito Bignone, entre outros milicos da mesma ralea, coa colaboración moi convencida de ministros civís como o significativo caso de Alfredo Martínez de Hoz. Todos eles foron responsábeis da desaparición de 30.000 persoas e víronse beneficiados por esta lei e pola complementaria de Obediencia Debida, aprobada en 1987, e por varios indultos aplicados en 1989 e 1990 polo daquela presidente arxentino Carlos Menem.
Pero aquelas leis de impunidade foron decraradas inconstitucionais cando chegou ao poder o presidente Néstor Kirchner. Primeiro foi o Congreso Nacional, no ano 2003, e logo a Corte Suprema de Xustiza, en xuño de 2005. Ambas institucións proclamaron a ilegalidade das leis de impunidade e, grazas a iso, foron varios os xuíces que comenzaron a decrarar inconstitucionais os indultos referidos a crimes de lesa humanidade e a reabrir casos que remataron en sentenzas condenatorias.
Que pasou mentres tanto en España? Pois que procedendo dunha saída da ditadura franquista coa que endexamais houbo ruptura, a ningún político con posibilidades de gobernar, aínda que só fose unha provincia, se lle ocorreu nunca revisar a lei de amnistía de 1977, que segue vixente, para adaptala á crecente conciencia social que foi medrando na dirección de recuperar a memoria sen esquivar a esixencia de responsabilidades aos culpábeis das barbaridades cometidas polo franquismo. E esa lei é o que algunha vez escibiu sobre ela o propio representante do Grupo Socialista no Pleno do Congreso no que foi aprobada, José María Benegas: “La Ley de Amnistía de octubre de 1977 fue una ley de punto final en virtud de la cual nada de lo ocurrido entre el 18 de junio de 1936 y el 15 de junio de 1977 podía ser objeto de reclamación”. Politicamente, en España só houbo un Alfonsín, que foi Adolfo Suárez, pero nunca un Kirchner, que non foron Felipe González nin José María Aznar nin Zapatero.
O resultado agora é o que é: que tivo que vir un xuíz ávido de de sona –e con isto non quero invalidar a súa boa vontade, que hai que supoñerlla como se facía co valor na mili– meter a man nun tema que rematou sendo un fregado de mil pares de leas. É verdade que España ratificou algúns principios da chamada Xustiza Universal, que poden ser agora as muletas de Garzón e, por esta vía, varios xuíces españois puideron investigar sen teren problemas crimes contra a humanidade perpetrados en Arxentina, Chile ou Guatemala, e a Audencia Nacional admitiu algunha querela contra as autoridades israelíes por vulneración dos dereitos humáns en Gaza ou contra a Administración de Estados Unidos polo limbo xurídico de Guantánamo e polos vós da CIA aos cárceres segredos, pero tamén é certo que a política española mostrouse abondo errática por non dicir oportunista.
Sucedeu así que o principio de Xustiza Universal que se introduciu no ordenamento xurídico mediante o artigo 23.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, dándolle mesmo competencia a ese poder para xulgar delitos de xenocidio, lesa humanidade e terrorismo cometidos no estranxeiro, aínda que fosen cometidos por estranxeiros, foi rapidamente limitado esixindo determinados puntos de conexión con España do delito a perseguir, como son os de estar acreditado que a autoría dos feitos radique en territorio español, que existan vítimas de nacionalidade española ou que se constate a existencia dalgún vencello de conexión relevante para España. Ademais, non poden ser casos sobre os que xa se iniciase algún proceso noutro país competente.
O que quero expresar con todo isto é que, como xa adiantaba o outro día ao salientar o artigo de Xosé Luís Barreiro en La Voz de Galicia, a maniquea polémica que está a caracterizar o caso Garzón non podería darse se a política verdadeiramente democrática e progresista española fixera os seus deberes no seu día. Por iso me resulta chocante agora que media España ande tentando xearlle o corazón á outra metade por un tema coma este. Temos o que temos porque así o quixeron os nosos políticos que tocaron poder.
5 comentarios:
Don Perfeto, non se mate, que non nos vai convencer. Polo menos a min. Nen vostede, nen o Barreiro, nen o Varela, nen o Mariano, nen a Cuspedal (si, si, puxen Cuspedal, de cuspir, porque o seu partido, mais que ter pensamento político, cuspe odio ideolóxico e só sabe de Intereconomías e Corrupcións. Quen lle chamou Partido Podre até a Médula leva toda a razón. Que non, que non nos van convencer vostedes por mui pesados que se poñan. E xa non digamos Aznar, que tamén saiu á palestra para lembrarnos, con ese hieratismo grandilocuente tan característico, que el segue sendo presidente electo de todos os españois e que a su é a voz mais competente neste panorama de coitelos adoecidos. Eu non sei se Garzón prevaricou, se as suas dilixencias están pragadas de deficiencias técticas, se ten unha "imaxinación creativa" demasiado "calenturienta", ou se as culpas veñen do pasado. Xa lle digo, non o sei. O que si sei, pode que tamén cego de esquematismo branconegro, é o que tan ben descrebe hoxe en La Vanguardia o escritor catalán Ramon Solsona, e do que lle adianto a parte final, para que vexa o fácil que é o asunto:
¿Dónde estaba Zapatero a la hora del Madrid-Barça? No fue al Bernabeu y, según están las cosas, yo tampoco hubiera ido. Los que nacimos en la posguerra estábamos habituados a la distinción entre rojos y nacionales. Los niños no sabíamos a ciencia cierta quiénes eran los buenos y quiénes los malos, pero teníamos muy claro quién tenía la sartén por el mango. Hoy la cosa anda en un guerracivilismo semejante. Cuando uno vio en el palco del Bernabeu a Esperanza Aguirre y a José María Aznar tuvo la impresión de que aquello era un feudo nacional. Me sentí rojo hasta las cachas y recordé que la Falange gana hoy el primer asalto a la justicia porque se siente perseguida injustamente. Ver para creer. Esa Falange que en pleno siglo XXI sigue incrustada en nombres de poblaciones españolas como Quintanilla de Onésimo (provincia de Valladolid, donde nació el fundador de las JONS, Onésimo Redondo) o San Leonardo de Yagüe (provincia de Soria, donde nació el general y falangista Juan Yagüe, que comandó en 1939 las tropas nacionales que entraron en Barcelona, conocido también como el carnicero de Badajoz). BNi la democracia puede con eso. Tal como el patio, pues, si te sugieren que no hagas ostentación de catalanidad es por tu bien. El Barça, que hace un fútbol de ensueño, sólo tiene un pero, que son las cuatro barras de su escudo. Ayer mismo, Xavier Batalla escribió en esta misma página que al juez Garzón se le podría acusar también de ser del Barça. No creo que se le haya acusado nunca de nada tan grave.
Aquí, Don Perfeto, pódolle asegurar que, o que di o Solsona, compárteo calquera. Ver para crer. Eu creo que esta última frase é o mellor resumo do que está a pasar: VER PARA CRER.
Pois é!
Ten vostede toda a razón.
O que pasa é que eu aínda estou noutro lado, nun lado moito máis impopular, pero co seu permiso, aí vou, vou dicir a miña opinión, consciente da que me vai caer.
Non creo que a democracia estea en perigo porque a Garzón lle esixan que tramite ben os seus expedientes ou instruccións, a democracia está en serio perigo en Galicia porque non hai igualdade de oportunidades na vida social, porque seguimos inmersos no caciquismo e aínda máis, potenciámolo, o PP de Cuiña, Baltar e Cacharro conseguiu crear unha sociedade caciquil, o novo PP goberna grazas aos seus caciques e desenvolvese no seu medio caciquil coma nadie o PSOE acomodouse tamén sen problemas nel, e o BNG coa desculpa de defender aos "nosos" botouse de cabeza ao centro do caciquismo.
Que os traballos sexan para os que teñen relacións co poder, que a atención hospitalaria urxente pase por coñecer a alguén, que os traballadores na administración teñan nomes e apelidos relacionados coas candidaturas electorais,...., eses son verdadeiros problemas que poñen en perigo a democracia, é vergoñento que nesta sociedade teñan mil oportunidades máis os que estean cerca dalgún dos 3 partidos ou os que teñan algún coñecido no poder político; vivir nunha sociedade con igualdade de oportunidades é o prioritario para garantir a democracia neste momento histórico de Galicia; o pasado, a memoria histórica e como fai as instruccións Garzón para min está nun segundo plano e o das dúas Españas políticas me la suda, é máis paréceme un tema que lle vén moi ben ao PSOE e ao PP para afianzar as súas bases electorais, as dúas Españas que vexo e que me preocupa son a rica e a pobre.
Un saúdo
Mire, Detective, eu non me mato nin mato a ninguén por nada. Eu expoño o que penso dalgunhas cuestións que me preocupan ou que, polo menos, me inspiran algunha reflexión. Paréceme moi ben que a vostede lle guste máis o que escribe Solsona que o que escribo eu. Alomenos denota que que aínda vivimos nun mundo no que segue habendo gustos. Efectivamente, o que di o catalán pode suscribilo calquera. Eu mesmo. Menos, claro está, a cita que fai de Batalla para soster que a Garzón tamén no podían procesar por ser do Barça. Coñas mariñeiras, só as imprescindídeis.
Anónimo anterior:
Non vira antes a súa intervención. Tén toda a razón do mundo. Cando Franco quería que nos esquecéramos de que as balas que disparaban os grises mataban obreiros en Vitoria ou en Ferrol, logo de rebotar nas nubes, sacaba touradas e futboladas para ofrecer pan e circo. Probabelmente agora alguén está botando man das grandes polémicas para lograr o mesmo efecto. En todo caso, a min ségueme chocando que os que non fixeron nada para xulgar o franquismo cando había que xulgalo, agora vertan gasolina no lume para que non se extinga a fogueira de Garzón. Terán razón, pero eu non lle la vexo.
O da Lei de Xustiza Universal, unha vergoña cara o mundo, votada conxuntamente o 25 de xuño de 2009polo PP e o PSOE, declarado este día por Amnistía Internacional como: “día de luto”. Aconteceu cando estábase a pescudar os crimes de Gaza. Por iso o PSOE sempre está a dar un pasiño para diante e dous para atrás. levan así máis de trinta anos e non son capaces de coller dunha puta vez os touros polos cornos. Non se dan conta dunha vez por todas (se son de esquerdas, claro)o por que en España non existe un partido como o de Lepen en Francia.
Estou a pensar como o demo, pero o da Lei Universal, da a sensación de quen goberna en España en o Embaixador de Israel. Este fixera unhas declaracións incendiarias contra a pescuda de Gaza por parte do poder xudicial, é ¡zas!, o goberno e o PP a votala abaixo. Así nos vai e nos irá, ata que revente todo.
Non soamente son os Golpes de Estado polo exército, senón que tamén existe solapadamente nalgún poder, como por exemplo neste intre é un Golpe de Estado fascista polo Tribunal Supremo.
Que llo pregunten a ese maxistrado un tal Adolfo Prego e outros.
Publicar un comentario