domingo, abril 11, 2010

Un 13 de abril de 1943




Segundo me contaba a miña nai, eu nacín arredor das tres da tarde do 13 de abril de 1943. Unhas horas antes dese mesmo día, a Axencia Alemana de Noticias do réxime de Adolf Hitler daba conta, a través de Radio Berlín, do descubre-
mento dunhas enormes fosas comúns atopadas en Katyn, preto da cidade de Smolensk (Rusia, que daquela era a URSS), con miles de cadáveres de oficiais militares polacos asasinados en masa pola policía política de Joseph Stalin, a temíbel NKVD.
Algo menos dunha semana despois, o 26 de setembro, Radio Moscú informaba de que o réxime soviético rompía relacións co goberno polaco no exilio, en Londres, por aceptar a versión dos nazis sobre estes feitos e por acusar ao goberno soviético dun crime que, segundo Moscú, fora cometido polos alemáns.
Así pois, durante o mes do meu nacemento e ata moitos anos máis tarde, o réxime comunista de Moscú negou repetidamente ser responsábel dos crimes e contou co apoio incondicional de Winston Churchill mesmo despois de que os ingleses rematasen sabendo o que pasara realmente en Katyn. Mentres tanto, o Ministerio de Propaganda de Hitller nunca parou de explotar este tema a través de abondantes emisións de radio e diversas publicacións nas que se contaban os episodios segundo lle cumpría ao III Reich. Logo da chamada Operación Barbarrosa, en 1941, e cando rematou a batalla de Smolensk, a zona ficou en poder de Alemania, e un oficial do Rexemento de Trasnmisións 537, estacionado no bosco de Katyn, cando lles seguía as pegadas a un fato  de lobos que merodeaban pola zona, atopou os primeiros restos humáns que había nestas fosas clandestinas. Resulta que alguén estivera antes ca el no lugar, suponse que un grupo de obreiros polacos que traballaron por alí e deixaron sinalado o lugar cunha modesta cruz feita con dous paos de bidueira.
Ao lugar chegaron pronto médicos forenses alemáns e polacos que formaron un equipo dirixido pola Cruz Vermella de Polonia para levar a cabo un informe sobre o macabro achádego. Desenterraron cadáveres sen parar, fixeron autopsias e contabilizaron un total de 4.143 oficiais militares e profesionais polacos sobre os que ditaminaron que procedían dos campos de concentración soviéticos aos que foran conducidos despois de seren deportados dende o seu país polos soviéticos. Os polacos exiliados en Londres recibiron información detallada do que pasaba e o seu primeiro ministro, Wladislaw Sikorski, reuniuse con Churchill para manifestarlle as súas evidencias acerca da responsabilidade do réxime comunista. Churchill fixo todo que puido para evitar unha confrontación con Moscú e díxolle a Sikorski que era mellor esquencerse do asunto posto que airealo non ía servir para devolvérllela vida aos asasinados. O 19 de abril e o 4 de mayo de 1943, Anthony Eden, ministro de Exteriores do goberno británico, informou oficialmente do asunto facendo todo o posíbel por culpar aos alemáns, seguindo a hipótese de que podían ser eles os que cometeran os crimes de Katyn para inimigar os aliados. Para maior complicación, o primeiro ministro polaco Sirkoski perdeu a vida, poucas semanas despois, nun accidente aéreo ocorrido en Xibraltar.
Entre as evidecias que se atoparon nas fosas, figuraban uniformes militares con enseñas e identificacións, condecoracións, obxectos persoais, diarios, cartas, xornais, fotografías, etc. Viase que os que os mataron déronse moita presa en enterralos e non se pararon a rexistralos moito. Non se atoparon, porén, anelos nen reloxios. Tamén apareceron moitos cascos de balas percutidos e, dentro dos cadáveres, milleiros de balas. Eran de frabricación alemá e ata o propio Goebbels se refiriu a elas no seu diario dicindo que procedían da fábrica de Karlsruhe-Durlach e que puideran ser usadas polos soviéticos para involucrar a Alemania. En realidade, como se soubo máis tarde, formaban parte dun gran lote de municións que lle foron vendidas aos soviéticos por Alemania mediante o acordo de Rapallo.
O 14 de novembro de 1941, o embaixador polaco en Moscú, Jan Jot, xa conseguira falar con Stalin mostrándolle a súa preocupación polo destino que poderían ter seguido 40.000 oficiais polacos que foran desterrados aos campos de concentración de Starobielsk e Kozelsk e a outros lugares descoñecidos. Un ano despois, traballadores da Organización Todt (que levaba o nome de Fritz Todt, o pai das autoestradas alemás e ministro de Armamento e Municións de Hitller, falecido nun misterioso accidente de aviación o 8 de febreiro de 1942) recibiron dun labrego da zona detalles de que había enterramentos segredos e localizaron parte das fosas, pero aínda que escavaron algunhas e atoparaon restos humanos, volveron a tapar todo e colocaron unha cruz con ramas de bidueira.
Cando a URSS recuperou aqueles territorios, volveron a exhumarse cadáveres e emitíronse informes dando por probado que os autores das masacres foran as forzas armadas de Hitler. No xuízo de Nuremberg prosperou a tese que defendía a responsabilidade nazi neste dramático asunto, pero cando empezou a colapsar a Unión Soviética, en 1989, o aínda primeiro ministro da URSS, Mijail Gorbachov, admitiu que foi a NKVD quen matou a tantos milleiros de polacos e confirmou a existencia de máis sitios nos que se levaron a cabo execucións semellantes. Daquela emerxeu un documento segredo polo que o comisario nacional de Asuntos Internos da URSS, Laurenti Beria, man dereita de Stalin, se dirixiu o 5 de marzo de 1940 ao Comisariado Nacional para Asunto Internos sinalando como “inimigos decrarados da autoridade soviética” a varios milleiros de ex oficiais, axentes de espionaxe e xendarmería, policías, ex terratenientes, donos de fábricas, funcionarios do goberno, colonizadores das rexións fronteirizas e gardas de prisión polacos. Pedía permiso para que a policía política (NKVD) instruira casos a 14.700 destas persoas sen necesidade de sumarios nin levantamento de cargos. “Os casos deberán ser examinados e os vereditos pronunciados –dicía o documento asinado por Beriapor un tribunal de tres membros consistentes nos camaradas Merkulov, Kobulov e Bashtakov (xefe do Departamento Especial da NKVD da URSS)”. En realidade, o propio Beria xa estabrecía a sentenza cando expresaba neste documento que aos xulgados “dédeselles aplicar a pena máxima: execución”.
O 13 de abril de 1990, o día que eu cumprín 47 anos, o daquela primeiro ministro do que xa volvera ser Rusia e non a URSS, Boris Yeltsin, admitiu oficialmente a reponsabilidade da Unión Soviética nos crimes de Katyn e o 14 de outubro de 1992 mandoulle ao daquela presidente de Polonia, Lech Walesa, os arquivos segredos do caso.
Por que me parei a contar todo isto? En primeiro lugar, porque me impresionou fondamente o tráxico final que tiveron o presidente de Polonia, Lech Kaczynski, a súa muller e varios altos cargos máis do seu país, ata un total de 97 polacos que morreron no accidente aéreo que sufriron cando se diríxían, hai a penas 24 horas, a Katyn para render homenaxe ás vítimas daquela barbarie. En segundo lugar, porque aquel neno que naceu o mesmo día que se empezou a falar deste caso abrazou de mozo o pensamento comunista e ata militou na súa organización ata o ano 1969 sen que nunca lle contase ninguén a máis mínima cousa que puidese intuír que ocorrían dramas coma o de Katyn. Ese rapaz, agora case un velliño, aínda segue pensando que é comunista en moitas cousas, pero dalle tantas arcadas lembrar os fatídicos feitos de Katyn, de Kozielsk, de Starobielsk, de Ostashkor e de Pavlishchev Bor coma os de Buchenwald, Mauthausen, Dachau, Sachsenhausen, Flossenbürg ou Ravensbrueck.

7 comentarios:

Hildegart Canido dijo...

Meu querido amigo, por desgraza ten que pasar ás veces moito tempo para coñecermos a verdade das cousas. Agradézolle que faga a reflexión que fai sobre as masacres de Stalin. Xa son casualidades, tres accidentes de aviación relacionados co bosco de Katyn. Parece unha un auténtico "fatum".

Anónimo dijo...

Non son quen para xulgar eses actos cometidos por Stalin. Na II Guerra Mundial, tanto por unha banda como pola outra hai moito que rascar.
Porén, daquela a URSS foi que levou a peor parte, foron moitos millóns de mortos nesa contenda. Pero sempre se fala de USA quen nos liberou dos nazis, ata chegan a Normandía a facer un acto de fe en conmemoracións e outras parafernalias. En proporción cos soldados da URSS, os americanos case foi un paseo desde o desembarco ata chegar a preto de Berlín.
Deus me libre de xustificar esa masacre do Stalin e o Beria, iso non ten xustificación. O stalinismo foi unha barbarie en tódolos eidos, pricipalmente dos principios do comunismo que fixo desa ideoloxía humanista nunha cousa salvaxemente inhumana.
O que máis me leva á irritación mental é, esa hipocresía dalgúns gobernos de Europa de que o mundo está consternado pola morte de Lech Kaczynski.
Kaczynski identificábase coa Polonia tradicionalista, católica e ultradereitista e coñecida a súa homofobia e servilismo- xunto ao seu irmán xemelo- a EEUU paradigmado imperialismo máis criminal. Agora descansa en paz no seo do Señor, ese dios que invocan os exércitos de Occidente para cometer xenocidios. Esa é a puta realidade. Todo o demais que se diga son caralladas.
Ninguén fala na actualidade sen II Guerras Mundiais, as fosas de milleiros de persoas do Sr. Uribe en Colombia, ese non, ese como é un servil e lacaio de EEUU, as fosas son contos chinos. O xenocidio de Irak, e un dos responsables anda dando coferencias de ética e de borracheiras en vez de estar na cadea.
Hai para dar e tomar, e que non me veñan con contos da boa pipa e putas hipocresías. Moitos de nós xa rematamos hai tempo de chupar o dedo.

Anónimo dijo...

As democracias europeas durante o século XX mataron millóns de africanos, ou inda seguides a pensar que son negros o non teñen sentimentos.

Hildegart Canido dijo...

Xa sabemos que todos mataron a moreas, pero resistímenos a crer que non se poda aspirar a vivir nun mundo sen violencia e sen asasinatos. Quitar a vida é indigno das persoas. Quen mata, sexa do lado que sexa, é simplemente un inimigo da especie humana, poña o disfraz que poña.
Dende un humanismo de esquerdas, mesmo dende o comunismo, debería resultar aínda máis repugnante calquera forma de atentar contra a vida das persoas.
Non hai nada que xustifique o que fixeron Hitler, Franco, Mussolini, Stalin, Bush, Pinochet, Salazar, Videla, Massera e moitos máis.

Anónimo dijo...

Sr. Hildegart Canido:
Coido que esquéceste do noso "benquerido" ANSAR e máis do Blair. Penso que é moi san para a mente, ter ben presente a ese xenocida que tivemos como presidente e que os nosos fillos e netos xamais o esquezan.

Anónimo dijo...

Felicidades, don Perfeuto, xa ten 67 e xa so lle quedan dous para os 69, que ten a sua cousa.

Xaime dijo...

O máis importante é que reluza a verdade. A responsabilidade é doado pedila pero moi dificil tomala.