sábado, mayo 26, 2012

Inventores de inventos


Albízaras! Xa dicía eu –vello lector da Biblia– que a época das vacas fracas non ía durar toda a vida. Entre a millonada que nos van pagar os mexicanos de Pemex e o socorro que nos van prestar os chineses montando unha terminal de valorización enerxética de aceites en punta Langosteira, dentro de nada, todos ricos outra vez. Xa podo ir pensando en cambiar de coche e comprar unha casa na praia. Menos mal que temos a Núñez Feijóo.
Pero, sobre todo, por fin, ábreseme unha saída para os 30 ou 40 litros de aceite doméstico queimado que fun gardando na miña bodega dende que os do Concello de Ames, daquela gobernado por socialistas e nacionalistas e hoxe polo PP, me mandaron unha carta dicíndome que sería recollido por unha empresa ad hoc con destino á súa reciclaxe. Dende aquela pasaron polo menos dez anos e nunca fun quen de desfacerme nin dun cuartillo do tal aceite, que aínda o sigo gardando mentres agardo que o administradores públicos empecen a tomarse en serio a protección mdioambiental.
E digo eu que se a noticia que estou lendo en La Voz de Galicia, acerca de que a firma chinesa Beijing 3E firmou un preacordo coa Autoridade Portuaria da Coruña para instalar en punta Langosteira unha terminal de producción de enerxía baseándose na reciclaxe e valorización de aceites, os tales chineses xa me poderían comprar a min o aceite queimado que teño na casa. Ou non?
Mira ti por onde non hai mal que cen anos dure nin saia que non teña remendo. Ao meu vello mestre e amigo Borobó gustáballe moito falar dos inventores de inventos, cuestión na que era un verdadeiro sabio. Por desgraza xa non vive para contarnos se o de agora lle parece un invento inventado ou significa que estamos a piques de recibir o maná.