sábado, mayo 19, 2012

Pánico e fuga de capitais


Primeira páxina de Le Monde de hoxe.

Acostumo atopar a Marisa Melón –unha vella e intelixente amiga dos tempos heroicos da Universidade– nos supermercados de Bertamiráns. Esta mañá, por exemplo. Mostróuseme moi preocupada. “Estoulle empezando a coller moito medo á crise”, díxome diante da cafetería A Fonte.
Non sei se para animala a ela ou por animarme a min –seguramente para animarnos aos dous– contesteille que eu o que volvo a estar é esperanzado polo que está representando a volta do socialismo ao goberno de Francia. “Hollande pode ser a nosa salvación”, dixenlle cunha expresión que non paro de repetir estes días.
Dez mininutos máis tarde, xa de volta na miña casa, púxenme a ler a edición de hoxe do xornal Le Monde, e lembreime da preocupación e do medo de Marisa. Nun titular que abre a primeira a media páxina, á esquerda, anuncia o prestixioso periódico francés que hai “Vento de pánico e fuga de capitais en Grecia e en España”, asunto que desenvolve en toda a súa páxina 13 e parte da 14, e analiza na 17.
Non digo que sexa para porse e tremer, pero dende logo que é para preocuparse como se preocupa Marisa Melón. Dende o comenzo desta semana, os gregos retiraron dos seus bancos 1.500 millón de euros e, dende as eleccións do 6 de maio, o total retirado sitúase entre 2.500 e 3.000 milóns. Dende que comenzou a crise, a finais do 2009, os depósitos bancarios de Grecia baixaron 72.000 millóns de euros, ou sexa, a terceira parte do que había. Unha media de 2.500 millóns de euros por mes con picos de 5.000 a 7.000 millóns durante algunhas subidas de tensión.
Os helenos compórtanse desta maneira levados pola enorme incertidume que reina no seu país, que vai celebrar unha segunda elección dentro dun mes. Téñenlle pánico a unha saída inminente do euro e cada vez que se axita esta posibilidade corren ás oficinas bancarias para retiraren o pouco que lles vai quedando nas súas contas. A consecuencia é que, cada vez máis, os bancos gregos vanse atopando en estado crítico.
Hoxe en día xa case non hai billetes de máis de 20 euros nos bancos de Grecia. Os de 500, 200 e 100 foron acaparados polos que progresivamente van retirando diñeiro. Do total de 72.000 millóns de euros retirados dende finais do 2009, 16.000 foron parar ao estranxeiro. En Grecia está sendo moi frecuente que cando un directivo empresarial viaxa fóra do pais aproveita para transportar cartos que coloca en contas que considera máis seguras no estranxeiro.
Tamén é moi frecuente que os particulares, sobre todo as persoas maiores, retiren os seus aforros para gardalos nas súas casas polo medo a que, se volve a antiga moeda local, o drachma, volvan a ser tan pobres como hai 60 anos, coa diferenza de que daquela Grecia era un país pobre pero estaba en crecemento. Porén, a metade do diñeiro que está sendo retirado dos bancos vai destinado a compensar a caída do poder adquisitivo que ocasionaron as baixadas de salarios e das pensións, segundo lle indicou a Le Monde o economista Panayotis Petrakis.
Neste panorama, as previsións para o caso grego son cada vez máis pesimistas. Constantin Michalos, presidente da Cámara de Comercio e Industria de Atenas, vaticina que vai haber “un caos completo” e que “os bancos van quebrar, e isto conlevará unha depresión severa en Grecia e unha gran recesión en toda Europa”. Nicolas A. Vernicos, presidente da rama grega da Cámara Internacional de Comercio, fala mesmo du “clima de geurra cvil” no caso de que se volva ao drachma.
As grandes empresas estranxeiras xa se están preparando para esta eventulidade incluíndo en todos os contratos unha cláusula monetaria apropiada, e propiciando que os préstamos sexan suscritos segundo o dereito grego para beneficiárense dos efectos dunha eventual devaluación que reduciría a súa deuda.
O caso de España
Mentres tanto, entre nós as cousas tampouco van ben. O feito de que que a axencia de puntuación Moody’s baixara o 17 de maio a nota de 16 bancos (entre eles, os tres máis grandes: Santander, BBVA e Caixa Bank) non fixo máis que empiorar as cousas. A banca española segue tendo en activos problemáticos 184.000 millóns de euros, procedentes da burbulla inmobiliaria.
O xornal El Mundo publicou este xoves que os clientes de Bankia retiraron preto de 1.000 millóns de euros en menos de dez días, e Le Monde di hoxe que “en España a principal inquietude radica na fraxilidade do sistema bancario... Algúns estabrecementos están dende agora incluídos na categoría de obrigacións podres. Máis aló disto, é toda a península á que se enfronta coa desconfianza dos investidores. As taxas de préstamo da deuda soberana sobrepasaron o 6 por cento. Un nivel insostíbel para España”.
E o caso é que, con toda a que está caendo, na propia Galicia hai predicadores, coma José Luís Barreiro, que untan con pez a súa manía de dobrar o espiñazo diante das obsesivas e perversas políticas de Angela Merkel. Todo o contrario do que, hoxe mesmo, preconiza en Le Monde Charles Wysplosz, profesor de Economía no Instituto de Altos Estudios Internacionais do Desenvolvemento cando sostén que “non hai ningunha dúbida de que a estratexia adoptada en maio de 2010, canda o salvameno de Grecia, era errada”. Para este especialista, “as políticas de austeridade son fracasos”.
Menos mal que nos queda François Hollande.