jueves, mayo 03, 2012

Le jour de gloire

Papei onte o debate François Holande/Nicolas Sarkozy de principio a fin a través do directo proporcionado por France 24. Foi toda unha lección de cartesianismo francés por moito que algúns medios españois de dereitas se empeñen en presentalo coma unha pelexa de galos. Nada que ver co que aquí nos deron no seu día Mariano Rajoy e Alfredo Pérez Rubalcava. Para empezar, os políticos franceses saben expresarse sen ter que estar lendo sempre o que van dicir, como lle pasa aquí ao presidente do Goberno que nos está levando ao inferno.
Hollande configurouse definitivamente como a gran esperanza non só do seu país senón de Europa. Que se vaia preparando a Merkel se, por fin e como está case cantado, o domingo que vén gaña a presidencia de Francia o líder socialista. Era de esperar que o continente máis importante do primeiro mundo tiña que despertar máis pronto que tarde da narcotizante política a que nos veu sometendo o neocapitalismo ultraliberal dende antes xa de que empezase a crise económica, produto case exclusivo da súa involución conspirativa que fundiu na miseria paises como Grecia e Portugal e está a piques de levar por diante a España.
As palabras, as ideas e ata as formas expresadas onte por François Hollande, contra un Narkozy case reducido á impotencia final na que rematou a súa vida política Berlusconi, encenden para Europa unha luz de resurrección, un faro no medio da tempestade, digan o que se están empeñando en dicirnos os agoreiros da fin do benestar e da xustiza social, que son moitos e poderosos e non fai falta saír de Galicia para dar con eles. Xa poden ir empezando a pensar en que algunha vez tén que chegar o comandante e mandar parar a decadencia europea e global que impuxeron os intereses corporativos e inconfesábeis da oligarquía internacional. O domingo será Francia e os cabalos de Europa xa non pararán de galopar ata enterrar no mar os inimigos da liberdade, da igualdade e da fraternidade. Tremblez, tyranes e vous perfides... Le jours de gloire ha volver.

No hay comentarios: