lunes, mayo 14, 2012

Valérie Trierweiler, unha first lady moi especial


Valérie Trierweiler cando tiña 16 anos (á esquerda), e na actualidade.

Dentro de poucas horas a República Francesa terá oficialmente un novo presidente, o socialista François Hollande, no que están postas non poucas esperanzas para a Europa do futuro inmediato. Por primeira vez, ademais, Francia terá unha first lady ou primeira dama que vive en unión libre e sen estar casada co seu compañeiro, algo que se dá en poucos sitios (Galicia, un deles). Trátase de Valérie Trierweiler, de 47 anos, xornalista de profesión, casada e divorciada dúas veces e nai de tres fillos.
O seu nome de orixe é Valérie Massonneau. Naceu en Angers o 16 de febreiro de 1965, no colo dunha familia modesta que nos tempos do seu bisavó e do seu avó tivo unha relativa importancia na citada cidade do noroeste de Francia, onde foron propietarios do banco Massonneau Mangevine et Cie., adquirido en 1950 por Crédit de l’Ouest. O seu pai, Jean-Noel Massonneau, morreu cando só tiña 53 anos e a súa nai traballou de caixeira nunha pista de patinaxe de Angers.
En total, son catro irmáns que se criaron nun barrio obreiro de Angers, o quartier Monplaisir, no que habitaron nun típico HLM (vivendas oficiais de baixo aluguer) e nun ambiente e unhas orixes dos que Valérie Trierweiler sempre se mostrou orgullosa. Chegou a dicir que, ata que Ouest-France (un xornal editado en Rennes) falou da banca dos seus antepasados, “sempre pensei que se trataba dunha lenda familiar”.
Na súa casa líase Le Canard enchaîné e falábase de política, e tanto ela como os seus irmáns foron á escola pública republicana. Concretamente Valérie Maissonneau primerio foi alumna do colexio Jean-Lurçat e despois do instituto Joachim-du-Bellay, nos que sempre foi unha alumna brillante. Loick Berrou, un antiguo ompañeiro de instituto, contoulle a Ouest-France que Valérie era unha rapaza “dunha beleza que cortaba o alento” e que todos os mozos “se voltaban cando ela pasaba”, pero a Valérie isto non lle facía subir o fume á cabeza.
De Angers marchou a París, onde se licenciou en Ciencias Políticas e empezou a traballar na revista Profession politique. En 1989, entrou no semanario Paris Match, onde tardou pouco en converterse en gran reporteira cubrindo a actualidade política e particularmente a do Partido Socialista. Casada en primeiras nupcias cun amigo da infancia, co que non tivo fillos, contraeu o seu segundo matrimonio con Denis Trierweiler, subdirector da revista Paris Match, co que tivo tres fillos e co que aínda non rematou o seu proceso de divorcio.
Mentres tanto foise facendo famosa, dende o 2005, como moderadora de debates políticos no programa de televisión Direct 8, que moderou ata o 2007 e, con Mikael Guedj, no programa semanal Politiquement parlant dende se mesmo ano.
Coñeceu a François Hollande durante a eleccións parlamentarias de 1988, cando o agora presidente francés aínda estaba casado con Ségolène Royal, e comenzaron no 2006 unha relación sentimental que non se fixo pública ata catro anos máis tarde.
Segundo xa anunciou, Valérie Trierweiler pensa seguir traballando para “manter os seus fillos” e o modelo de first lady que tén na cabeza non é o de Carla Bruni nin o de Bernardette Chirac. De ter que parecerse a alguén, tirará máis polo camiño que tiraron Danielle Mitterrand ou Hillary Clinton.
E, mentres tanto, Carla Bruni "cántalle" a Sarkozy (escoitar no video da dereita ou premer aquí).