martes, mayo 22, 2012

Os pesticidas, causantes do mal de Parkinson


O flufenoxuron mata as abellas.
Informa hoxe El País que os representantes galegos dunha plataforma contra as fumigacións de eucaliptos presentaron no rexistro da Xunta 100.000 sinaturas para pedir que non se leven a cabo a través de medios aéreos aínda que os propietarios das plantacións as autoricen. Segundo o portavoz da plataforma, Xesús Asorey, as fumigacións xa empezaron a practicarse na zona de Ribadeo (Lugo).
Trátase de fumigacións utilizando o insecticida flufenoxuron, que as empresas fabricantes de pasta de papel queren utilizar contra o gurgullo nos montes de toda Galicia, a pesar de que a Unión Europea declarou unha moratoria sobre este produto debido os riscos que representa para o mediomabiente.
Os responsábeis sanitarios e medioambientais da Xunta de Galicia deberían andar con máis tino nesta dirección. O 7 de maio entrou en vigor en Francia un decreto que recoñece a enfermidade de Parkinson como doenza profesional e estabrece explícitamente unha relación de causalidade entre esta patoloxía –segunda doenza neurodexenerativa despois do Alzheimer– e o uso dos pesticidas.
Todo empezou coa demanda presentada por Paul François, un agricultor cerealístico da Charente, contra a poderosa multinacional Monsanto, que foi xulgada e condeada en febreiro último como responsábel de intoxicar o citado agricultor cos vapores dun dos seus pesticidas, o Lasso, retirado do mercado francés no ano 2007 por unha perigosidade que xa se lle coñecía dende había vinte anos.
Máis recentemente e tamén en Francia, o 30 de abril, A Comisión de Indemnización das Vítimas de Infracción de Epinal condenou ao estado a indemnizar outro agricultor cerealístico de Meurthe-et-Mosselle que padece un síndrome meloploriferativo, asociado ao uso de produtos que conteñen benzol.
Non vaia ser logo o caso de que Núñez Feijóo e os seus palmeiros de agora se atopen no futuro cunha serie de reclamacións como as que acontecen en Francia. Por que, ademais, tanto interese en non respectar a moratoria comunitaria estrabrecida sobre o flufenoxuron, un produto fabricado en China que, entre outras cousas, pode acabar coas abellas de Galicia?