lunes, agosto 06, 2007

Ánxela Bugallo está onde César Antonio Molina quere estar (de vacacións)


Non hai como ser ministro. Incorpóraste ao teu novo traballo en xullo e vaste de vacacións en agosto. Isto é o que lle pasa a César Antonio Molina, ministro de Cultura, que non puido especificar datas para un posíbel encontro coa conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, porque tras a visita (a Galicia) vaise de ferias e renovará a súa actividade logo da comparecencia no Congreso o próximo día 20 de agosto. Entre vostede a traballar de obreiro na Citroen, en Pescanova, en Inditex ou mesmo na Xunta, e pregunte se pode facer igual. Se lle din que si, indage se tamén lle poden pagar o mesmo.
Outra que está de vacacións é a propia conselleira, pero quixo deixar claro que as competencias de política cultural da Xunta correspóndelle ao seu departamento e que ela é responsábel todo o ano ante unha situación importante como a que se acaba de dar coa visita do ministro, á que non asistíu porque ninguén a convidou nin pola parte do visitante nin pola do recibidor.
O acontecemento non deixa de ser igual de pavero se se mira polo lado da propia visita como das explicacións que xa comenzaron a darse. Na Presidencia da Xunta din que foi unha primeira toma de contacto entre o presidente e o ministro e que "o Consello da Cultura comunicou a todos os seus membros a visita do ministro". Sabido é que Ánxela Bugallo forma parte do plenario dese Consello. Pero non tería, ademais, que ser convidada polo presidente da Xunta a representar os intereses da cultura galega diante do ministro que representa a española? En que estaba pensando Touriño cando deixou que correran así as cusas? E o ministro que, ademais, é galego e poeta? E, máis pavera aínda, a explicación que deu alguén do Ministerio de Cultura. "Con reunirse co presidente é máis ca suficiente". Quen analiza a frase? Máis ca suficiente quere dicir que lles abondaría con entrevistarse coa conselleira? Pois puideron facelo e así podería estar o presidente de vacacións, que tamén as merece, ou non? A que son como nenos xogando cos balóns que lles comprou o avó? Claro que para papelón o de Villares. Vese que lle toca un mes de agosto de nadar e gardar a roupa. Podían poñelo tamén de conselleiro de garda para o marrón dos incendios. Este ano, como chove cada 48 horas, se cadra aínda apagaba algún lume.

A Cidade da Cultura servirá para os que son libres, republicáns e iberoamericanos


César Antonio Molina, poeta, plaxiador de entrevistas de Cunqueiro e ministro de Cultura dun Estado que tén outros dazesete taberneiros do mesmo bistrot, quitoume un peso de enriba. Estaba eu preocupado coa idea de que non ía servir para nada esa custosísima Cidade da Cultura que nos deixou Fraga, e que herdaron encantados os que o sucederon, aínda que digan en público o contrario, e chegou el, agarrou da man a Touriño –iso si, sen que a conselleira do ramo se enterara de nada– e buscoulle acomodo ao ladrillazo de Peter Eisenman. A Cidade da Cultura acáelle como anelo no dedo á celebración do bicentenario da independencia das repúblicas iberoamericanas.
Non está mal. Os galegos nin temos república nin somos independentes nin rabos de gaitas, pero temos que pagar a sede na que eles van celebrar o seren republicáns e libres. Mire vostede por onde o mausoleo de Fraga vai servir para algo. Esta noite vou durmir tranquilo. Pensaba que Eisenman tirara polo monte Gaiás abaixo a porrada de millóns que nunca se investíu en ningunha outra cousa en Galicia. Só me queda unha mágoa. A de que Ánxela Bugallo non lucira algún dos seus vestidiños a cores acompañando o ministro-poeta-plaxiario e bendecindo a futura chegada a Compostela dos que son libres, republicáns e iberoamericanos. Tivo que conformarse, polo que se ve nas fotos, con que estivera presente o seu querido presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, que por algo el si é amigo do ministro. Sería, para min, a felicidade total, vela sorrir diante dun ministro poeta. Sen ela, aínda hei ter que seguir pensando que Fraga, Pérez Varela e Eisenman metéreronnola dobrada e a Touriño e a Quintana só se lles ocorre dicirnos que poñamos vaselina para que nos doa menos. Quosque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? Quam diu etiam furor iste nos eludet, qued ad finem sese effrenata iactabit audacia?

viernes, agosto 03, 2007

A Touriño destínguelle o verde




Tres atuacións moi concretas da Xunta sobre política industrial (piscifactorías, plantas de gas e canteiras de pizarra) indican que se están apagando os pulos ecoloxistas que mostraron inicialmente os socialistas e os nacionalistas ao formaren o actual goberno galego.

Ao tomaren posesisón dos cargos, no verán de 2005, os membros do Goberno (oito concelleiros socialistas e catro nacionalistas, presididos polo socialista Emilio Pérez Touriño co nacionalista Anxo Quintana de vicepresidente), entre outras expectativas de cambio, abríuse a de que podía levarse a cabo unha política medioambiental moi diferente á que practicou o executivo de Manuel Fraga durante os dazaséis anos que estivo no poder.
De feito, asociacións ecoloxistas e outras organizacións e cidadáns en xeral, sensibilizados pola preocupante degradación ambiental, paisaxística e urbanística que padece o país, abeiraron a esperanza de que os novos gobernantes irían tomar medidas concretas e eficaces de forma inmediata.
O anuncio oficial de que sería trasladada a fábrica de celulosas de Pontevedra, retirándoa dunha ría que Ence non parou nunca de contaminar ao longo de varias décadas, ou a prohibición estabrecida pola Xunta para que Pescanova non puidera levar a cabo a explotación dunha piscifactoría no cabo Touriñán, algo que obrigou á empresa pesqueiro-alimentaria de Vigo a trasladar o seu proxecto a Portugal, foron dúas medidas iniciais do goberno de Touriño que recibiron o aplauso dos defensores do medioambiente e do desenvolvemento sustentábel.

Pescanova non, Stolt Sea Farm si
Porén, pasados un par de anos, os resultados empezan a ser moi diferentes. A piscifactoría que non puido instalar Pescanova en plena Costa da Morte está disposta a Xunta a concederlla á multinacional Stolt Sea Farm, que proxecta instalala algo máis ao sur no concello de Porto do Son. Se contra a primeira se tén alegado que se pretendía instalar dentro do espazo de Rede Natura, a segunda pode afectar seriamente un dos lugares máis emblemáticos da natureza galega, o complexo húmido de Corrubedo, famoso polas súas dunas e pola súa importantísima biodiversidade. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), organización que non se pode considerar particulamente enfrontada ao actual goberno galego, e menos aínda á parte que este ten de nacionalista, non dubida en opinar que “o proxecto de Porto do Son está feito ás costas da realidade galega e para maior gloria dos intereses transnacionais do peixe”. Segundo esta fonte, “estas macro instalacións está prohibidas no páis de orixe da principal empresa do sector”, que é precisamente a que quere instalarse no lugar que agora apoia a Xunta e que rexeita unha parte importante dos veciños da zona.

Reganosa
Máis rechamante aínda é o caso da regasificadora que está empezando a funcionar dentro da ría de Ferrol a pesar da importantísima oposición que houbo contra a instalación da empresa Reganosa en Mugardos. Reganosa está participada pola propia Xunta de Galicia (10 por cento), Endesa (21 por cento), Unión Fenosa (21 por cento), Grupo Tojeiro (18 por cento), Caixagalicia (10 por cento), Banco Pastor (5 por cento), Caixanova (5 por cento) e o grupo arxeliano Sonatrach (10 por cento)..
De entrada, cando era Gas Natural a que se interesaba por montar unha regasificadora en Galicia, a instalación foi prevista no exterior da ría ferrolá apeoveitando que se ía construír o gran porto que hoxe está a piques de rematar a súa primeira fase, pero tardaron puco en interporse os intereses dun emerxente e xa todopoderoso empresario galego, Roberto Tojeiro, que quixo aproveitar a concesión de terreos marítimos que tiña en Mugardos para sacarlles máis proveito dos que xa lle estaba dando a súa empresa alí instalada Forestal del Atlántico, S.A. Tojeiro é o dono da cadea de supermercados galega Gadis. É orixinario de As Pontes e distínguese por terlle sempre posta unha vela ao demo e outra ao Espírito Santo. Só así se entende a perfecta relación que mantivo primeiro con Fraga e sostén agora co conselleiro de Industria da Xunta, o nacionalista Fernando Blanco, un neojuppy que pasou de empregado de Telefónica a deseñador do futuro industrial de Galicia por moita veteranía militante na UPG que poda aportar. Ou polo menos empatía total con Paco Rodríguez. Pertenece ao grupo que eu definía o outro día como os do BNG cebra polas camisas a raias que lles gusta tanto poñer.
O de Reganosa se cadra é o caso máis indicativo de como a filosofía industrial dalgunhas forzas políticas pode variar segundo os seus dirixentes estean na oposición ou no goberno. O BNG opoñíase case radicalmente a que a regasificadora de Ferrol fora instalada en plena ría por motivos de seguridade e pola existencia dun plano anterior que propoñía o Porto Exterior como lugar máis idóneo para acollela.
Namais chegar á Xunta, os nacionalistas viraron o seu rumbo 180 grados e pasaron a ser os principais valedores da planta de Reganosa de Mugardos. Especialmente o xa citado conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o seu director de idem, Anxo Calvo, que poden confundirse ás veces, sobre todo cando falan da necesidade “estratéxica” de Reganosa, cos mellores public-telations que poda ter o invento de Tojeiro. Mentres tanto, ao BGN de Anxo Quintana parece importarlle pouco que a súa forza política baixara dos oito concellleiros que logrou nas municipas de 1999 aos só dous que tivo nas últimas.

O Courel en perigo
Unha terceira e boa mostra de cómo se lles está destinguindo a cor verde aos gobernantes da Xunta atopámola na recente legalización dunha canteira de pizarra que, dende hai varios anos, vén explotando no lugar de Froxán (Folgoso do Courel, Lugo) a empresa Cupire Padesa, actualmente Cupa Group, no mesmo corazón doutro dos espazos absolutamente emblemáticos da natureza galega, a serra do Courel, que tan magníficamente cantou o poeta Uxío Novoneira –el mesmo igual de emblemático xa cos propios cumios coureláns– no seu libro Os eidos. Courel dos tesos umes, escribíu el.
Curiosamente, mentres que gobernou Fraga, a Xunta non chegou a legalizar nunca esta canteira a pesar de que algúns dos directivos e propietarios de Cupire Padesa mantiñan estreita relación persoal con el. Foi outra vez o nacionalista Fernando Blanco o que se empeñou en asegurar a forma legal de que esta canteira poda seguir estragando a paisaxe do Courel e contaminando os ríos Luruda ou Valdemar e Lor. E todo isto aínda a pesar de que un dos seus compañeiros de goberno, o socialista Manuel Vázquez, conselleiro de Medioambiente, non desaproveita ningunha casión para dicir que que hai que parar a degradación que está padecendo o Courel debidos as explotacións mineiras.
En posición totalmente distinta colócase o tamén nacionalista e único concelleiro que tivo o BNG en Folgoso do Courel, Orlando Gregorio Álvarez, voceiro de SOS Courel e alma mater da oposición á que se encha o Courel de canteiras de pizarra. “O espazo de maior biodiversidade de Galiza –dinos el– non merece o trato que lle están a dar os que agora gobernan. Aquí hai que facer un plano de desenvolvemento que encarrile a conservación e a restauración do noso patrimonio cultural. O que fan agora é como se fora para que só haxa espazo para as actividades extractivas mineiras. Nunca se debeu autorizar a canteira da Campa que coupa solo rústico de espazo natural e que impacta gravemente, coas súas explotacións a ceo aberto e as súas enormes escombreiras, na zona máis significativa do Courel. A canteira está a poucos metros do que áinda é hoxe unha aldea emblemática, Santa Eufemia, e xa variou o curso do río Luruda de forma absolutamente intolerábel”
Para os que loitan contra que se extenda a explotación mineira do Courel está en perigo o futuro dunha zona sobre a que xa presiona a existencia de 54 canteiras de pizarra en trámite e sobre a que pesa o antecedente sentado pola legalización que lle foi ortorgada a Cupire Padesa. Polos concellos de Folgoso do Courel, Samos, Póboa do Brollón, O Incio, Quiroga, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro xa estenderon os seus tentáculos doce explotacións de pizarra que están en funcionamento, sen contar as outras tres que hai en montes leoneses que tamén forman parte da serra.
Diante desta situación, xa hai moita xente que lanza a voz de alarma pedindo que o plano mineiro de Galicia, en elaboración, respecte as características da zona para que poda ser protexida cunha declaración de parque natural. Dentro de poucos días, o 11 de agosto, está prevista unha concentración en Froxán para esixir este respecto.
A cor verde do tripartito pode que estea a piques de destinguirse definitivamente. Estará tamén en perigo o verde do Courel? Novoneira erguerase da súa tumba para non perdoar a quen estrague o seus tesos cumes.

jueves, agosto 02, 2007

Ricardo Varela mandou parar


Chegou o comandante e mandou parar. Ricardo Varela, secretario de organización do PSdeG-PSOE e conselleiro de Traballo da Xunta, foi o primeiro en reprender a Encarna Otero advertíndolle que desobedecer unha lei pode ser constitutivo de delito. Xa o dicía eu hai poucas horas, que Encarna estaba predicando no deserto. Ou pior aínda, á porta do purgatorio.
Que unha directora xeral fixera un chamamento á desobediencia política no acatamento dunha norma e á insubmisión económica, como criterio ético para contribuír a que Galicia e o seu goberno sexan mostra de ética rexenerativa, estaba claro que ía escaldar a pel dos que teñen a tixola polo mango e o mango tamén. Aviseite, Encarna, comenzou o teu calvario. O malo é que tamén te van crucificar os teus. Como te atreviche a dicirlles que renuncien a levar para as súas casas gavelas de cartos? Non te preocupes, sempre has ter un sitio no corazón dos desherdados desta terra. Amarate Frantz Fanon dende a súa tumba.

Ánxela Bugallo e César Antonio Molina


Entérome por unha publicación próxima ao BNG, Xornal.com, de que Ánxela Bugallo mantén relacións privilexiadas cunha parte do goberno galego ligada ao PSOE, pero que tamén tropeza con certos receos noutros ambientes socialistas. Descoñezo se a primeira parte do aserto se refire a determinados comentarios que circulan relativos á vida privada da conselleira de Cultura en relación con outro membro do goberno galego que provén, coma Touriño, do campo ideolóxico do comunismo.
Ignoro, polo tanto, se o redactor da noticia de Xornal.com foi vítima dun lapsus calami de orixe freudiano cando construíu a frase. O único claro é que tratou de expresar a sorpresa da conselleira de Cultura por enterarse pola prensa, coma calquera cristiano, de que César Antonio Molina, ministro de Cultura do goberno de España, está a piques de visitar A Coruña, cidade na que naceu e na que, entre outras cousas, vai presentar o seu libro de poemas Eume.
A min, se me deran a elixir, non sei o que elixiría. Se entrar na Coruña de noite ou entrar no ceo de día. De noite sempre hai a vantaxe de que fai máis fresco. E de día, o malo é que se lle ven moito as cores dos vestidos á conselleira (por Deus, quen será o seu estilista?). Sobre o poeta Molina teño unha cousa a favor e outra en contra. A favor, que nomeou director do Cervantes en Lisboa o meu amigo Ramiro Fonte, sen dúbida mellor poeta ca el e boa persoa. En contra, que me copiou unha entrevista que eu lle fixen a Alvaro Cunqueiro para publicar un libro polo que lle pagaron ben no Círculo de las Artes de Madrid sen pedirme permiso e sen mandarme sequera un exemplar do volume. Debeu pensar que, como a entrevista se publicara en El País, abondaríalle con falar con Polanco ou con Cebrián, cos que é sabido que tiña e ten liña directa. Dende aquela, a min Molina paréceme un pirata máis dos moitos que circulan polo panorama cultural español. Por certo e por se me ficara algunha dúbida, esta sospeita reconfirmóuseme cando lin en La Voz de Galicia un artículo laudatorio do novo ministro de Cultura escrito por Vítor Fernández Freixanes, outro dos que entraron a saco nas miñas entrevistas a Cunqueiro. Debe ser que Deus críaos e eles xúntanse.
Polo demais, estou disposto a perdoarlle ao Jack Lang español se dunha puta vez me manda o libro no que plaxiou a miña entrevista de Cunqueiro. A Freixanes, o meu perdón só lle custou enviarme un CD no que aparecía a entrevista do escritor de Mondoñedo que incluíu na súa exposición sobre o Merlín. Nin sequera lle pedín que me pagara o descambiado dos moitos millóns que cobrou el por dirixir a efeméride.

Encarna Otero, insumisa do BNG


Empeza a darme a impresión de que Encarna Otero anda a predicar no deserto. O artigo Privilexios ou igualdade: disposición adicional 17 que publicou a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda en Vieiros non ten desperdizo, pero está a pasar moito máis desapercibido do que merece. Con moito menos motivo, ás veces organízanse escándalos que lle dan varias voltas a Galicia e ata pasan o Padornelo e Pedrafita.
Era hora de que alguén erguera a súa voz crítica sobre algo tan extraordinariamente importante como é a remuneración dos cargos públicos. Encarna, boa coñecedora da historia revolucionaria francesa, é por agora a única representante deses cargos públicos que preferíu darlle voz á súa conciencia antes que contentar os seus intereses persoais, e por iso manifesta a súa discrepancia e oposición á Disposición adicional 17 da Lei da Función Pública Galega aprobada polo Parlamento na sesión extrardinaria do 17 de xullo de 2007.
A directora xeral nacionalista di algo no seu artigo que paga a pena reproducir: "Os cargos públicos da Galiza percibimos as retribucións que a lei contempla no exercicio do noso traballo durante o período que corresponde ao noso nomeamento, mais unha vez que este servizo remata, remata tamén o noso nível de retribucións que del se derivan, mais o que non remata é o noso compromiso ético e político con Galiza; polo tanto, cando eu como funcionaria volte ao meu traballo como docente quero ser igual en dereitos e deberes que as compañeiras e compañeiros que traballen comigo no centro de ensino onde teño o meu destino, e xunto a eles ser quen de reclamar, se é preciso, que a Administración nos retribúa e considere o noso traballo coa dignidade da que somos merecentes; calquera outra situación sería privilexio e polo tanto mal uso do diñeiro público e contrario á práctica democrática que a política e a ética me esixe como militante, como galega e como funcionaria pública".
Como diría o enxebre, pódese dicir o mesmo máis alto, pero non máis claro. Encarna Otero puxo o dedo na chaga. E mancou. Vaia se mancou! Estou seguro de que a moitos caeulles a cara de vergonza mentres leron o artigo comentado, pero aposto o que queiran a que esta vez os seus, os contrarios e os de máis aló e máis acó han volver a deixar soa a Encarna Otero. Mágoa de país.

miércoles, agosto 01, 2007

Victoria Díaz Cabanela in aeternum

Morreu Victoria Díaz Cabanela, unha muller galega. Comunista, para máis señas. E, sobre todo, unha persoa boa e xenerosa. Mestra, axitadora das conciencias e da intelixencia. Parente, sen dúbida, de Pedro Petouto e de Juan de Mairena. Era unha santiña.
Os dous deixamos pasar moitos anos sen vérmonos. Ela algunha vez citábame nos seus artigos de Xornal.com. O último parece a crónica da súa propia marcha deste mundo. Victoria era así, gustáballe facelo todo por si mesma. Eu gardaba a esperanza de atopármonos algún día pola Coruña e lembrar os nosos vellos tempos mozos de cando os dous viviamos moito mellor contra Franco. Non acostumo chorar case nunca, pero a túa morte, Victoria, faime correr as bágoas do desconsolo. Ficarás na miña memoria. In aeternum.

SOS Courel

O sábado 11 de agosto, terá lugar en Froxán (Folgoso do Courel, Lugo) unha xornada de loita festiva en solidariedade cos que están a defender a serra contra a ameaza de expolio e destrución patrimonial que pode supoñer a legalización de canteiras de pizarra por parte da Xunta, e o mínimo espazo ao que vai quedar reducido o Parque Natural do Courel. Convocan esta protesta as organizacións SOS Courel, Asociación Fonte dos Milagros, Burla Negra, Rede de Acción Socio-cultural Arredemo e Federación Ecoloxista Galega. Máis información aquí.

martes, julio 31, 2007

Benigno López, Valedor do Pobo (castelán)


Pois si que empeza ben don Benigno! Como podería arrincar se tivera outro nome? Refírome a Benigno López González, flamante Valedor do Pobo. Do pobo que fala castelán debe ser, polo que nos vai dicindo nos xornais o ata hai pouco maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este home de soriso profidén vai camiño de converterse pronto no alto cargo público máis combustíbel que houbo en toda a autonomía galega.
Hai que recoñecerlle, porén, que don Benigno pertenece a ese tipo de personaxes que nos encantan aos xornalistas. Os que nos dan sempre un bo titular e a posibilidade de que escribindo ou falando sobre eles imos ter elevados índices de difusión. Que mellor podemos atopar para unha crónica rechamante que un xuíz que nos diga que pasa moito da xustiza? E haber hainos. Ou un famoso que proclama que está moi namorado da súa muller pero que non lle importaría partirlle a cara? Pois tamén os hai.
Salvando as distancias, é o que lle pasou a don Benigno –vaia nome tamén para un valedor do pobo que empeza metendo a pata– coas opinións que verteu –de verter, derramar, envorcar– na entrevista que lle concedeu a La Opinión e noutras declaracións que foron recollidas por La Voz de Galicia. Di don Benigno que a utilización do galego na Xustiza "se non se domina, pode ser perigosa", e que aos nenos "se se lles esixe uns niveis de materias como Matemáticas, Historia ou Literatura, o único que se estará logrando é que ese neno, ese mozo, logre adquirir unha animadversión fronte a un idioma". A ver, este home non foi elixido valedor do pobo mediante o apoio unánime dos tres grupos políticos do Parlamento? Quen chochea el ou os deputados do PP, PSOE e BNG?
Curiosamente, compañeiros seus da mexistratura definiron hai pouco a don Benigno como "unha persoa idónea para ocupar o cargo de valedor polo talante, habilidade e empeño na solución dos problemas". Coido que se expresaron mal. Se cadra quixeron dicir na creación de problemas porque, polo de agora, o único que fixo don Benigno foi crear un e ben gordo, mostrándose como un inimigo máis da normalización lingüística do galego, no pior dos casos, ou como un apoucadiño que non sabe moi ben do que fala. Agora terá que escoller el o que máis lle cumpra. Porque a CIG e A Mesa xa pediron a súa inmediata demisión. E os do BNG apoiar apoiárono de entrada, pero agora pagarían algo por non lle ter dado o voto. Supoño, ademais, que aos do PSOE o que lles cae non é a baba de alegría senón a cara de vergonza. Don Benigno, xa sabe, á próxima merenda só van invitalo os do PP. E que non sexan alcaldes porque con eles tamén foi pouco prudente o valedor do pobo (castelán). Dixo que hai que regular os salarios municipais, entre outras cousas, para que non creen alarma. E o seu salario, don Benito, que é o que crea? Sega así e avise por onde vai, para apartarme. Dame a min que vostede é dos que chocan contra todo o que se move.

lunes, julio 30, 2007

Con Novoneira en Parada do Courel








O domingo fun ao Courel. Había moito tempo que non subía aos tesos cumes, e quería ver como está indo a desfeita das canteiras de pizarra que xa se converteron nun auténtico cancro que roe o corpo das terras que cantou Uxío Novoneira. Disto escribirei algo esta semana no semanario La Clave, e quizais tamén neste blog.
Pero agora apetéceme facelo sobre algo moito máis íntimo e emocionante. Na miña viaxe acompañáronme Cristina e Take Asaka, o xaponés do que lles falei a pasada fin de semana, Subimos a Parada do Caurel e visitamos a casa natal do mellor poeta contemporáneo de Galicia. Que marabilla e que emoción tan grande entrar por aquel portalón polo que tantas veces pasou Uxío camiño do mundo enteiro e sentarse no banco da porta, na cociña e na mesa na que escribíu parte dos seus mellores versos!
Por sorte, collemos a Uxío, o fillo do poeta, e á súa moza na casa e puidemos pasar un pedazo da tarde contemplando aquel templo da poesía e da humanidade que é a casa de Novoneira en Parada do Courel. Para maior alegría, Elba Rei, a viúva do poeta, chamounos dende Lugo mentres estabamos percorrendo o eido máis íntimo do gran escritor. A aldea é unha preciosidade que aínda non foi agredida polo cancro do ladrillo e do cemento, e deberían estar atentas as autoridades locais e autonómicas para que isto non aconteza nunca. Parada do Courel xa é un símbolo do mellor espírito galego e debería ser comprendido e respectado como tal por todos.
Para que a comunión fora completa, Uxío junior levounos ver a Federico García Cabezón, un médico que exerceu varios anos no concello de Folgoso do Courel e que se lle prendeu tanto o orazón nos tesos cumes que tén casa propia á beira do río Lor e pérdese entre os castiñeiros para pensar, sentir e ler. Ler sen parar. Cando chegamos onda el estaba lendo a John Berger e matinando quizais en facer algunha nova exposición de fotografía porque, ademais de médico, é un gran fotógrafo. Algún día debería animarse a documentar todo o que sabe dos courelaos. Que fai a TVG que non lle encarga un bo documental sobre este tema? Dentro de pouco xa non vivirán persoas cuxo testemuño é fundamental para entender estas terras luguesas.

sábado, julio 28, 2007

Takekazu Asaka, embaixador da língua galega en Xapón




O meu amigo Take Asaka case sempre chega algo máis tarde cas anduriñas, pero cada ano visita Galicia polo menos unha vez. Nos ano 1975, 1976 e 1977 estivo en Madrid para estudiar español no Colexio Maior Santiago Apóstol, e xa daquela (en 1977) fixo a primeira visita a Compostela e outros sitios de Galicia, e mesmo parte de Asturias.
En 1989 volveu a Galicia co propósito de estudiar o galego e a súa cultura. Ata daquela xa se relacionara por carta con María do Carme Henríquez Salido e con Xaime Illa Couto, que o foron introducindo no coñecemento da lingua, a cultura e a literatura galegas. Dende entón, só deixou de vir a Galicia no ano 2004, por unha operación de fígado á que foi sometido.
Este ano chegou o 25 de xullo, a tempo de ver a manifestación do Día da Patria e o resto das celebracións dese día. Estará por Galicia ata o 13 de agosto vendo os amigos, viaxando e afondando nos seus coñecementos galeguistas. Take fala o galego con soltura e é autor de varios libros en xaponés sobre cuestións da língua galega. Gramática do galego moderno, con prólogo de Xosé Luís Regueira (Tokio 1993), Conversación en galego, prólogo de Manuel González (Tokio 1998), As línguas na península ibérica, prólogo de Antón Santamarina (Tokio 2005), entre outros. Agora está traballando cun equipo do Centro Superior de Investigacións Científicas de Xapón nun proxecto concebido para estudiar o sistema verbal das catro línguas de España. Takekazu Asaka é profesor de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Tokio.
Síntome feliz de recibilo na miña casa de O Instrumento, na que el tamén está a gusto con Cristina e con Ana. E cos meus cans Mara e Oki e os gatos Bianca e Forito. Por desgraza, Lucas, o pastor alemán que lle quería moito a Take, morreu hai nove meses e esta vez non puido recibilo.

viernes, julio 27, 2007

Sarkozy, Qaddafi e a enerxía nuclear


Meu amigo Remi Parmentier mandoume un emilio alertándome sobre o que pode acabar pasando co reactor nuclear que lle colocou o presidente francés Nicolas Sarkozy ao coronel que goberna Libia con man de ferro, Muammar Qaddafi. Precisamente mentres os galegos andabamos entretidos cos fogos e coa ofrenda do Apóstolo, uns, e co Día da Patria, outros, o 25 de xullo, os premieres francés e libio firmaron moi ceremoniosamente varios acordos no pazo de Bab Azizia de Trípoli.
Pouco antes, o guía da revolución libia accedera finalmente a liberar as cinco enfermeiras búlgaras e o médico palestino que foron condeados a morte despois de seren acusados de contaxiar o Sida a 32 nenos que morreron a consecuencia desta terríbel enfermidade. Importa pouco agora discutir se pesou máis na extensión da epidemia a neglixencia do citado persoal sanitario, que prestaba servizos nun hospital de Trípoli, ou a falta de hixiene que aínda hai nos centros sanitarios do país de Qaddafi. A pena capital foilles confirmada por todas as instancias xudiciais do país e só podía salvarlles a vida o coronelísimo.
Días antes de facelo, a muller do presidente francés, Cecilia Sarkozy, de orixe español xa que é neta do compositor Albéniz e parenta do actual alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón, viaxou a Trípoli protagonizando un acto de diplomacia paralela que dá toda a impresión de que non foi máis ca unha mise en scène interesada do que xa estaba pasando en realidade. Horas despois, os condeados a morte voaban libres a Belgrado.
E que estaba pasando en realidade? Pois que Francia lle vendeu a Libia un reactor nuclear oficialmente destinado a alimentar unha central desalinizadora de auga do mar. Quere isto dicir que Qaddafi lle puxo prezo a salvar as vidas das seis persoas que foran antes condeadas a morte polo seu rexime? Se cadra o goberno francés esixía esa salvación para lavar a cara dunha venda de tecnoloxía estratéxica e conflitiva? Peut-être, que quere dicir quizais. Dende logo, xa gobernos anteriores de Francia acabaron na picota da opinión pública internacional por venderlle tecnoloxía nuclear a países conflitivos como Irán e Irak. Corinne Lepage, que foi ministra de Medio Ambiente no goberno Juppé-Chirac, acaba de preguntarse no seu blog "se é raznábel recicidivar e venderlle a un país tan pouco seguro como Libia un reactor nuclear, mesmo se é civil". E non é preciso que nos refiramos ao atentado de Lockerbie, por exemplo.
Alén disto, esta páxina dos affaires –nunca mellor utilizada a palabra– franceses ponnos enriba da mesa outra vez a polémica do nuclear aínda que sexa teoricamente para usos civís. A grandeur de Francia os seus gobernos parecen empeñados en conservala tamén utilizando cada vez máis esta enerxía extremadamente perigosa. Pero, ademais, aplicala no país de Gaddafi? Un lector de Corinne Lepage deixou no seu blog este comentario que non me parece desacertado: "Financiar unha central nuclear para desalinizar auga do mar nun país con menos de cinco millóns de habitantes e cuxo nivel de vida é relativamente baixo (malia a renda do petróleo) parece algo caprichoso".
O que non sei é como fai a dixestión de todo isto Bernard Kouchner, ministro de Asuntos Exteriores e Europeos de Sarkozy, fundador de Médicos do Mundo e home de esquerdas polo menos ata hai pouco tempo. A xulgar polas fotos que se distribuíron das ceremonias do 25 de xullo en Trípoli, atópase a gusto no seu novo papel nun goberno de dereitas que lle dá tecnoloxía nuclear ao "revolucionario" Qaddafi. E os cercanos xudeos de Israel que estarán pensando?

jueves, julio 26, 2007

Quen quere traer kale borroka a Santiago?


A noite dos fogos do Apóstolo ceei cun nutrido grupo de amigos no novo restaurante que abríu Agustín, o do 42, na rúa do Medio. Excelente lugar, por certo, e magnífico mirador sobre unha das partes máis fermosas da cidade.
Cando me dirixín a este restaurante pasaba das dez da noite e estaban os rapaces da AMI e doutras tendencias independentistas na praziña que está á beira do comenzo da rúa de San Pedro. Escoitaban o rock duro que interpretaba un grupiño de músicos subidos á plataforma dunha furgoneta, e non había no sitio máis síntomas de incivilidade que os ouriños vertidos nun dos accesos á rúa do Home, que me obrigaron a apretar o nariz coa man para non resultar asfixiado polo amoníaco que emanaban as pedras.
Pasámolo ben, vimos como quen di as costas dos fogos apostólicos e, cando voltabamos de cear, camiño das Praterías, para continuar a noite máis celebrada de Compostela, os independentistas despareceran da praciña. Alguén nos informou de que a Policía Nacional acababa de mallar neles a paus. A un amigo alguén lle contou que lle escoitou a un uniformado contar a fazaña con estas palabras: "Démoslles no lombo todo o que quixemos. Deixámolos quentes para unha temporada".
Logo empezaron a chegarme informacións de que, unha vez maís e arredor das festas do Apóstolo e da celebración do Día da Patria, as forzas de seguridade do Estado mostráronse excesivamente contundentes no manexo da porra e da punta da bota. A fotografía que reproduzo aquí, tomada dunha web próxima aos afectados, resulta abondo elocuente. Líbreme Deus de comulgar coas rodas de muíño coas que pretenden moer o millo galego a maior parte destes independentistas, pero non podo menos que poñerme á mesma distancia dos que moeron os seus corpos mozos coas porras e coas punteiras das botas. Por este camiño o que se fai é sementar kale borroka.

miércoles, julio 25, 2007

25 de Xullo, máis xente que nunca





Houbo máis xente que nunca na celebración deste ano do Día da Patria Galega, que xirou sobre a idea de que o BNG é a forza que fai país. Por primeira vez na historia desta manifestación, houbo alcaldesas que subiron ao podio da praza da Quintana, algo que quixo salientar o actual líder dos nacionalistas galegos.
O que non houbo a penas é puños en alto. O vello saúdo comunista caeu en desuso atá para a inmensa maioría dos militantes da UPG. Entre os que estaban na tribuna, só cinco ergueron o puño, Francisco Rodríguez, Beiras e a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, entre eles. Os discursos, politicamenmte corretos e de circunstancia. Iria Aboi repetíu varias veces que o amor move montañas, e algúns saímos do noso erro. Pensabamos que eran a fe e, sobre todo, as escavadoras os que as movían. Debe ser que o tal love foi contratado por ACS.

Sempre Beiras



A Xosé Manuel Beiras dalle igual que non lle fagan moito caso. El sempre vai de nunca máis a máis alá, título do libro que lle acaba de publicar o Grupo Correo Gallego e que foi distribuído o 25 de xullo polo xornal Galicia Hoxe. Por certo, para facerme con el, ás once da mañá, tiven que ir a catro quioscos porque nos tres primeiros xa se esgotaran os exemprares.
Beiras participou dende a primeira fila da manifestación e do mitin da parza da Quintana, que o 25 de xullo tamén foi de Quintana. Parecía un caribeño da costa atántica auténtico coa súa brancura inmaculada e o seu porte de señorito da Reboraina. Poucos políticos e demais persoas públicas galegas lograron nunca lucir coma el.
Os da Nikon estivemos sempre ao quite a ver se se producía a instantánea do día: un posíbel abrazo do oso ou algo así co vicepresideente da Xunta, pero polo menos eu quedeime coas ganas. Ao comenzar a marcha, fronte á Porta Faxeira, houbo un momento no que pareceu que se ía dar o caso. Anxo Quintana desprazouse tres ou catro metros para falar con Beiras, pero non houbo abrazo de oso nin sequera de donicela. Mesmo os dous déronnos as costas cando empezamos a chuzar no botón. A min deume a impresión de que ningún deles, sobre todo Beiras, querían que houbera retrato de familia que volve á casa por Nadal. Coma sempre, Xosé Manuel Beiras gardou xenio e gardou figura.

O BNG cebra



Que os do BNG son xente que anda á moda e algo evidente. Da maneira de vestir, sempre elegante, orixinal e rechamante de Beiras os que agora agarran a tixola polo mango e o mango tamén van máis de Zara, pero tamén se ve que coidan moito o seu loock. Non hai máis que ver a Quintana que ata se quixo diferenciar no do Audi, e elixíu de coche oficial o estilizado C6 co que a marca Citröen sucedeu o histórico tiburón, un coche que lle gustaba moito ao meu amigo Alexandro Finisterre, o inventor do futbolín.
Na manifa do 25 de xullo –xa case ninguén di Día da Patria–, como acostuma pasarlles a algunhas mulleres nas bodas, iso de ir á última moda fixo que coincidiran na vestimenta varios persoeiros. A camisa a raias disparatadamente grosas que levaba Quintana parecía que se clonaba nas que vestían o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o delegado provincial na Coruña deste departamento, Xosé Luís Barcia. Se non fora porque xa case todos tiramos as fotos con enfoque automático, aínda lles íamos agradecer este estilo cebra de poñer a camisa. Sempre nos podía servir para facilitarnos a toma de foco aos que imos perdendo a vista.
Esta tendencia víuse tan marcada hoxe que ata Xurxo Lobato, que agora parece reconvertido en fotógrafo de cámara dos nacionalistas, tamén levaba unha camisa a raias que, se non fora pola verticalidade do estampado, podía parecer que lla comprara a un deses dous presos que se fugaron do cárcere de Ourense. Anda que, se caeran no chan os que levaban estas camisas, a xente ía pasar por riba deles pensando que eran o paso de cebra.
A min todo isto, que queren que lles diga? Pois que boto de menos a Beiras mostrando a súa fogosidade coa súa roupa e os seus sombreiros brancos coma os vestidos de María Kodama e caribeños coma os sacos de García Márquez. Po certo, o señorito da Reboraina volveu a tirar da pancarta este ano dende a Alameda á praza da Quintana e, como non?, vestido á súa maneira. A el non lle fai falta estilista. Chégalle con Aurichu.

martes, julio 24, 2007

Alvite, alma larga





Gustoume a presentación que lle fixemos onte ao libro de Xosé Luís Alvite Almas del nuevo largo. E, polo que puiden aprezar, tamén lle gustou moito ao varios centos de persoas que asistiron á kermesse que tivo lugar no Dado-Dadá. Entre outros, a Xosé Antón Ponte Far, que me dixo que había que mudar o estilo de presentación dos libros cara a este tipo de manifestacións. Ou a Alfredo Conde e a Acisclo Manzano, que igualmente pasárono ben na velada.
Para os que non a coñecían, foi unha agradábel sorpresa a actuación da espléndida Nora Jones galega, Belén Xestal que interpretou magníficamente varios temas jazzísticos co seu excelente grupo musical. De Lorenzo Díaz e de Alvite que lles vou dicir? Que estiveron á altura que agardamos deles, que xa é o nivel dos xenios. Lamentabelmente non podo reproducir citas textuais do que dixeron. Eu tamén era cooficiante e non podía estar na misa e repicando. Cmo o que eu dixen do autor levábao escrito, pódollelo reproducir e aquí vai a continuación. Que lles sexa leve a lectura.

José Luis Alvite Almas del nueve largo Hoxe Alvite seguramente non aprende hebreo, pero Katia, a súa bahiana discípula de Jorge Amado, a que bailaba a samba coa Gabriela Cravo e Canela, aínda ha tirar de nós para o medio da pista, e que alguén garde a porta. Non vaia ser que a Teddy Mancuso lle volvan a disparar ao veren que non lle colle o rostro na faciana. Que o disk-jocquey non poña música latina. Estamos en New Orleans e imos disfrutar dela antes de que Busch volva a inundala. Ou será en Boston onde nos atopamos? Coido que Brenda Miles anda por aquí e pode que leve algún revólver escondido na súa roupa interior, pero cómpre que non nos asustemos. Alvite lévase ben con ela e ha saber aplacala. O caso é que estamos aquí para celebrar, esta vez si que usei ben este verbo, a chegada dun gran libro. Almas del nueve largo é unha mostra máis, e xa van moitas, de que Xosé Luís Alvite xa ten gañada a gloria de incribir o seu nome –por certo, engarzado nunha boa saga de xornalistas brillantes– na literatura galega contemporánea. Aínda que non escriba na lingua de Castelao e o faga só nunha das dúas de Rosalía, que tamén é a de Cela, de Torrente Ballester, de Camba e de Fernández Florez, a moi abondantísima obra deste rapaz teimudo e tan noitarego como os vagalumes, aqueles marabillosos bichiños luminosos que xa case non se ven porque o ladrillo e o cemento están expulsándoos da natureza, e que na miña terra aínda lles chamamos vellas facendo nas papas, a escrita deste Bukowski mellorado, verán vostedes como pronto ha ser obxecto de teses universitarias. Ou tan despistadas andan as aulas das nosas universidades? Non vaia ser que lle pase como lles pasou a Cela e a Torrente, que tiveron que ocuparse deles en Harvard ou en Atlanta antes de que se decidiran a facelo en Santiago ou na Coruña. En calquera caso, coido que este proceso hase acelerar coa aparición deste libro. Un autor que é capaz de retratar maxistralmente a vicepresidenta do Goberno de España, entre outros e outras (tomen nota, pasei pola alfándega do política e ás veces estupidamente correcto), un autor asi, repito, poderá morrer novo e sen honoris causae, pero non se preocupen os seus herdeiros, que o seu parente ha pasar á historia. Verán como esta vez fago ben de profeta. No de pasar á historia e non no de que Alvite morra novo, que xa non o é e ha morrer de vello. De calquera xeito, Alvite é dos que nunca se chaman a engano porque tén moi claro que hai que aceptar que a felicidade consiste en non trazármonos grandes obxetivos na vida. Como di el, cada quen é moi libre de facer valer a súa moral e a súa hixiene. Os tipos coma el, e a min gustaríame pertenecer ao seu fenotipo, só estamos vivos para evitar que nos chegue toda a chuva ao chan. Parecemos homes rudos e sen sentimentos, pero a máis de un de nós víronlle quitarse a orquídea da solapa para que non lla ferisen dun disparo. Xosé Luís Alvite é deses. Tiraríase de cabeza nunha poza para que non pasaran os coches por riba dunha camelia abandonada. Como el mesmo nos indica no limiar do libro que presentamos, na primavera de 1998 levaba dous anos e medio escribindo un par de columnas semanais para un xornal no que alguén pretendera ligarlle as trompas aos seus soños. Despois de vintecinco anos de xornalismo atopábase cobrando 18.000 pesetas ao mes. Joder, exclamou, era o mínimo que calquera poeta gastaba en limparlle os vómitos á fame! Xa daquela rondaba pola cabeza do noso autor a idea de escribir Almas del nueve largo. E rematou escribindo e publicando este libro, non sen pasar antes por períodos nos que soñaba que un xuíz lle precintaba os petos e un mendigo lle embargaba as mans. Soubo, porén, manter acendida a chama literaria dos seus asuntos, como di el, porque a un idioma nada lle fai tanto dano como o silencio e, meses despois, abríronselle as portas do hoxe tristemente desaparecido Diario 16, primeiro, e de Carlos Herrera, La Razón, La Opinión e Faro de Vigo máis tarde. Hoxe é, para min sen dúbida, o mellor e máis auténtico columnista galego aínda que escriba na lingua de Cervantes, tamén galego a fin de contas. E aquí o temos. Neste libro e nos seus artigos de case todos os días. Conserva –tamén como di el– os hábitos, os vicios e os desencantos de cando as cousas lle foron mal porque sabe que o éxito non é maís ca o prezo que hai que pagar pola sorte de tirar partido dos fracasos. Por moi escura que sexa a noite, Alvite sabe ver as estrelas reflectidas no capó do coche co que percorre a soas de madrugada as rúas dunha cidade na que a xente esperta do seus soños por culpa de meterse na cama. Esa é a súa filosofía existencial que el tan ben domina no ambiente do Savoy, un club nocturno no que aos perdedores, como tamén nos di o autor, só lles corre a relativa presa de volver á casa a tempo de dar os bos días aos seus cadáveres. A mezcla esa aleatoria de esperanza e cinismo sen a que moitos, Ernie Loquasto, entre outros, xa non poderiamos vivir. En fin, que a Xosé Luís Alvite xa o temos dentro da nómina dos grandes articulistas. Con Francisco Umbral, con Raúl del Pozo, con Antonio Burgos, con Manuel Vicent, Maruja Torres… Coma Pérez Reverte, aínda que sei que algúns vanme revirar o ollo ao escoitar este nome. Con aquel inimitábel e desaparecido Robert Escarpit que escribía na primeira páxina de Le Monde. Se me deixan autocopiarme, direilles, como digo no epílogo de Almas del nueve largo, que se nacera en Nova York, en Washington ou en Los Angeles, Alvite tería columna con capitel en calquera templo do xornalismo norteamericano. Aquí, porén, nunca poderá ser coma Suso de Toro, autor de cabeceira de Zapatero. Nin seguramente o lerán moito Rajoy, Quintana, Acebes, Carod Rovira ou Baltasar Garzón. Se cadra o le algo Xosé Manuel Beiras, que tamén anda estrenando hoxe un libro. Alvite non é autor que corra só polo carril politicamente correto. Gústalle, felizmente coma moitos outros, andar por libre e sabe ben que o que a el lle causa inquietude e insomnio, a outros prodúcelles suculentos dereitos de autor. O meu aplauso, amigo.

lunes, julio 23, 2007

Hoxe preséntase en Santiago o novo libro de Alvite


O autor de Almas del nueve largo, Xosé Luís Alvite, o escritor e sociólogo Lorenzo Díaz, o editor Alexandro Diéguez e o que lles escribe dende este blog, estaremos hoxe, ás 21:30 horas, no pub Dado-Dadá de Santiago (rúa Alfredo Brañas, 19) para facer a presentación do máis recente libro do escritor galego que vai camiño de converterse no noso Charles Bukowski particular e mellorado. Será un pracer velos.

viernes, julio 20, 2007

Del Olmo, os Príncipes e a revista El Jueves










Chuzar sobre cada unha das follas do documento para ver o auto ditado polo xuíz Del Olmo contra El Jueves.


O xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo, que xa estivo a piques de dar a volta ao "ruedo" e cortar dúas orellas e rabo cando lle tocou torear partes importantes do proceso conseguinte ao atentado do 11M, acaba de asegurar para si mesmo o número 1 da inmediata actualidade española ordenando secuestrar a última edición da revista El Jueves por publicar na portada unha caricatura dos príncipes Felipe e Leticia de Borbón, na que aparecen facendo algo que todos facemos cando podemos –algúns cada vez menos– e que moitas veces dá como resultado que aumente o censo de poboación.
Supón o togado que a publicación, emblemática dentro do humor español dende hai varias décadas, inxuriou ao sucesor da Coroa e considera "denigrantes" as imaxes que aparecen na primeira páxina de El Jueves. A min, que me tocou vivir épocas do franquismo e da transición nas que o secuestro e persecución diversa de revistas e xornais era algo co que case había que tomar a parva –os que daquela traballabamos en Interviú sabemos moito disto–, a noticia que acaba de desencadear o xuíz Del Olmo non me acaba de entrar no maxín. Tan mal andamos para que se poda considerar "claramente denigrante e obxectivamente infamanate" pintar a parella principal facendo algo que sen dúbida fixeron máis dunha vez, na súa intimidade, claro está? O que é infamante e denigrante? Botar un caliqueño? Habería, logo, que prendernos a todos e non colleriamos nos cárceres. Ou eo escribir no "bocadillo" caricaturesco do Príncipe que o que está a facer vai ser o máis parecido a traballar de todo o que fixo na súa vida, por aquilo dos 2.500 euros por neno?
Este país de países que aínda lle chama alguén España debería ter outros problemas máis importantes a resolver. Erguer outra vez a estaca do secuestro de publicacións é como se de pronto espertaran algunhas pantasmas do pasado. Non abondaría con someter aos tribunais de forma ordinaria a quen puidera supoñerse que cometeu delicto co que se publicou en El Jueves? E aínda hai algo que me preocupa máis. O Julgado Central de Instrucción número 5 da Audiencia Nacional, que rexenta o xuíz Del Olmo, non se conformou con ordear o secuestro da publicación. Tamén lle esixíu ao director da revista satírica que identifique os autores da caricatura. E todo isto, según indicou o fiscal actuante neste caso, Miguel Ángel Carballo, a instancias da Fiscalía Xeral do Estado que, como se sabe, está gobernada polo galego Cándido Conde-Pumpido. Estamos bos! Calquera día haberá quen mande prender a Alfred Nobel porque inventou a pólvora e agora con ela está machacando Bush os pobres habitantes de Bagdad, e os pobres bagdadeños devolvéndolla ao vaqueiro nortemaericano.

Uvas (podres) na solaina

Lendo a Alfredo Conde en El Correo Gallego, xinmasia intelectual que acostumo practicar case a diario, entérome de que é bo para a saúde mental ler o blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina. Entro, pois, nel e, con algo de retraso, esbaro sobre determinadas apreciacións que fan acerca dun comentario que asinei nestas páxinas hai poucas semanas referíndome á entrada do empresario Xacinto Rei no accionariado do xornal A Nosa Terra.
Un tal a.p.-c., por exemplo, calificouno de "demoledor", e Xosé M. González di que é "radicalmente persoal" e que me converte en "voceiro de suspicaces con causa". Evidentemente, os dous levan razón, polo menos en parte. Meus queridos foreiros de Marcos Valcárcel, eu sonlles radicamente persoal. Así que acertaron. Só fodería que fose superficialmente colectivo, vaia! O de demoledor déixoo para os bulldozeres das constructoras, e o de ser voceiro de suspicaces con causa ou se ela, que queren que lles diga? Pois que á miña voz abóndalle con expresarse no meu propio nome. Non preciso "vocear" a ninguén nin a ninguén lle fai falta o meu "voceirismo".
Sobre o que opina de min un tal Anónimo en asuvasnasolaina.blogspot.com quero facerlle algún comentario. Di que o que eu escribín lle parece "xustificativo" da miña opinión e, como se fora a luz que tirou a Saulo do cabalo, aporta esta explicación: "Hai moitos anos que lle oín (sic) que el se vendería encantado como xornalista se encontrase quen o comprara. Ou sexa, que non se entende moito esta diatriba, ademais chea de tópicos rancios ("Nada de nacionalista, que son moi viaxado")".
En primeiro lugar, anónimo comedor das uvas solaineiras de Marcos Valcárcel, vostede para atribuírme unha manifestación tan contundente non debería esconderse na testemuña anónima, é dicir na intestemuña. Compriríalle ter o valor de dar fe a cara descuberta. Ata tería que ser vostede máis concreto e apuntar cando e onde me escoitou a min dicir tal cousa. Teño que engardirlle, ademais, que me deixou algo celoso de Valcárcel. Home, asignarme unha expresión de ideas tan discutíbel, ademais de facelo con nome e apelidos, ben o puido facer vostede no meu blog, de momento moitísimo menos proteico que asuvasnasolaina, e así axudaría a que me subiran algo as visitas, que boa falta me fai. Alégrome, polo demais, de que lle prestara esa cuota de pantalla ao escritor ourensán, aínda que esta práctica contradiga algo o vello saber de que os cans poucas veces comen carne de can.
De calquera maneira e independentemente de se me escoitou dicir iso ou non, son tan capaz de admitir que podía dicilo que ata podo repetilo agora, ou vostede non vendería o seu traballo polo prezo que lle deixaran marcar? Alén de todo, non é iso o que estamos a facer os asalariados mes a mes e, por certo, a prezos que non nos deixan poñer a nós? Ademais, meu anónimo comedor de uvas solaineiras, ou non é vostede galego ou eu ás veces exprésome mal e non logro que me entendan a retranca. Un pode dicir tranquilamente que se vende polo que nunca lle van pagar ou que vai comprar o castelo de Drácula, que por certo xa foi mercado, e quere iso dicir que é un "vendido", que é o que vostede parece insinuar, ou que é máis rico ca Bill Gates? Dáme a impresión de que vostede non é dos que entenden ben as cousas. Haberá que repetirllas.
Pero aínda hai outro comunicante de Valcárcel –vai ter que poñerme en nómina para que suba o seu contador de visitas– que tamén se ocupa da miña humilde figura. Di un tal Leituga que supón que eu podía estar pensando "nun despido cunha boa indemnización, previa á xubilación". Este si que ou é parvo ou aínda entende menos e moito peor as cousas que o anterior Anónimo. A ver, alma cándida, como vou eu aspirar a unha boa indeminización por despido nunha empresa na que non chego a catro anos de antigüidade e na que cobro menos dunha cuarta parte do que me pagaron na maior parte do exercicio da miña profesión? Ademais, quen lle dixo a vostede que eu quería facerlles tal falcatruada aos meus actuais empregadores que son, antes que empregadores e moi por riba diso, amigos e compañeiros meus? Algúns dos que me coñecen din que acostumo ser moi vehemente, pero deben estar equivocados porque aínda non lle chamei a vostede máis que parvo. Direille algo en francés porque sei que tampouco me vai entender: Laissez vous de faire des conneries, putain!
Para terminar e como vexo que entre a miña impericia para expresarme rentranqueiramente e a dificultade dalgúns para entenderme cando falo en solfa poderían producir un para min indesexábel diálogo de xordos, comunícolle aos meus lectores que tomo a determinación de retirar do meu blog o comentario que motivou esta diatriba e que se titulaba El trepa y la nación. Fóra con el! E aproveito para pedir desculpas ás persoas de ben que puideron molestarse con todos o algún dos criterios que se expoñían nel. Fiat pax in virtute tua.

Nota bene: Ah, iso de xulibarme que o vaian quitando da cabeza os comedores de uvas solaineiras. Os vellos rockeiros podemos morrer, pero non nos xubilamos nunca.