jueves, agosto 02, 2007

Encarna Otero, insumisa do BNG


Empeza a darme a impresión de que Encarna Otero anda a predicar no deserto. O artigo Privilexios ou igualdade: disposición adicional 17 que publicou a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda en Vieiros non ten desperdizo, pero está a pasar moito máis desapercibido do que merece. Con moito menos motivo, ás veces organízanse escándalos que lle dan varias voltas a Galicia e ata pasan o Padornelo e Pedrafita.
Era hora de que alguén erguera a súa voz crítica sobre algo tan extraordinariamente importante como é a remuneración dos cargos públicos. Encarna, boa coñecedora da historia revolucionaria francesa, é por agora a única representante deses cargos públicos que preferíu darlle voz á súa conciencia antes que contentar os seus intereses persoais, e por iso manifesta a súa discrepancia e oposición á Disposición adicional 17 da Lei da Función Pública Galega aprobada polo Parlamento na sesión extrardinaria do 17 de xullo de 2007.
A directora xeral nacionalista di algo no seu artigo que paga a pena reproducir: "Os cargos públicos da Galiza percibimos as retribucións que a lei contempla no exercicio do noso traballo durante o período que corresponde ao noso nomeamento, mais unha vez que este servizo remata, remata tamén o noso nível de retribucións que del se derivan, mais o que non remata é o noso compromiso ético e político con Galiza; polo tanto, cando eu como funcionaria volte ao meu traballo como docente quero ser igual en dereitos e deberes que as compañeiras e compañeiros que traballen comigo no centro de ensino onde teño o meu destino, e xunto a eles ser quen de reclamar, se é preciso, que a Administración nos retribúa e considere o noso traballo coa dignidade da que somos merecentes; calquera outra situación sería privilexio e polo tanto mal uso do diñeiro público e contrario á práctica democrática que a política e a ética me esixe como militante, como galega e como funcionaria pública".
Como diría o enxebre, pódese dicir o mesmo máis alto, pero non máis claro. Encarna Otero puxo o dedo na chaga. E mancou. Vaia se mancou! Estou seguro de que a moitos caeulles a cara de vergonza mentres leron o artigo comentado, pero aposto o que queiran a que esta vez os seus, os contrarios e os de máis aló e máis acó han volver a deixar soa a Encarna Otero. Mágoa de país.

1 comentario:

Anónimo dijo...

É unha vergoña que pase isto e que ninguén proteste en serio. Encarna Otero fala agora, pero hai que estar vixilantes se realmente chega a renunciar a ese sobresoldo. Que eu non me fío nin un pelo de ningún dos nosos políticos. Porque, nisto dos cartiños para o peto, si que son todos iguais.