viernes, julio 27, 2007

Sarkozy, Qaddafi e a enerxía nuclear


Meu amigo Remi Parmentier mandoume un emilio alertándome sobre o que pode acabar pasando co reactor nuclear que lle colocou o presidente francés Nicolas Sarkozy ao coronel que goberna Libia con man de ferro, Muammar Qaddafi. Precisamente mentres os galegos andabamos entretidos cos fogos e coa ofrenda do Apóstolo, uns, e co Día da Patria, outros, o 25 de xullo, os premieres francés e libio firmaron moi ceremoniosamente varios acordos no pazo de Bab Azizia de Trípoli.
Pouco antes, o guía da revolución libia accedera finalmente a liberar as cinco enfermeiras búlgaras e o médico palestino que foron condeados a morte despois de seren acusados de contaxiar o Sida a 32 nenos que morreron a consecuencia desta terríbel enfermidade. Importa pouco agora discutir se pesou máis na extensión da epidemia a neglixencia do citado persoal sanitario, que prestaba servizos nun hospital de Trípoli, ou a falta de hixiene que aínda hai nos centros sanitarios do país de Qaddafi. A pena capital foilles confirmada por todas as instancias xudiciais do país e só podía salvarlles a vida o coronelísimo.
Días antes de facelo, a muller do presidente francés, Cecilia Sarkozy, de orixe español xa que é neta do compositor Albéniz e parenta do actual alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón, viaxou a Trípoli protagonizando un acto de diplomacia paralela que dá toda a impresión de que non foi máis ca unha mise en scène interesada do que xa estaba pasando en realidade. Horas despois, os condeados a morte voaban libres a Belgrado.
E que estaba pasando en realidade? Pois que Francia lle vendeu a Libia un reactor nuclear oficialmente destinado a alimentar unha central desalinizadora de auga do mar. Quere isto dicir que Qaddafi lle puxo prezo a salvar as vidas das seis persoas que foran antes condeadas a morte polo seu rexime? Se cadra o goberno francés esixía esa salvación para lavar a cara dunha venda de tecnoloxía estratéxica e conflitiva? Peut-être, que quere dicir quizais. Dende logo, xa gobernos anteriores de Francia acabaron na picota da opinión pública internacional por venderlle tecnoloxía nuclear a países conflitivos como Irán e Irak. Corinne Lepage, que foi ministra de Medio Ambiente no goberno Juppé-Chirac, acaba de preguntarse no seu blog "se é raznábel recicidivar e venderlle a un país tan pouco seguro como Libia un reactor nuclear, mesmo se é civil". E non é preciso que nos refiramos ao atentado de Lockerbie, por exemplo.
Alén disto, esta páxina dos affaires –nunca mellor utilizada a palabra– franceses ponnos enriba da mesa outra vez a polémica do nuclear aínda que sexa teoricamente para usos civís. A grandeur de Francia os seus gobernos parecen empeñados en conservala tamén utilizando cada vez máis esta enerxía extremadamente perigosa. Pero, ademais, aplicala no país de Gaddafi? Un lector de Corinne Lepage deixou no seu blog este comentario que non me parece desacertado: "Financiar unha central nuclear para desalinizar auga do mar nun país con menos de cinco millóns de habitantes e cuxo nivel de vida é relativamente baixo (malia a renda do petróleo) parece algo caprichoso".
O que non sei é como fai a dixestión de todo isto Bernard Kouchner, ministro de Asuntos Exteriores e Europeos de Sarkozy, fundador de Médicos do Mundo e home de esquerdas polo menos ata hai pouco tempo. A xulgar polas fotos que se distribuíron das ceremonias do 25 de xullo en Trípoli, atópase a gusto no seu novo papel nun goberno de dereitas que lle dá tecnoloxía nuclear ao "revolucionario" Qaddafi. E os cercanos xudeos de Israel que estarán pensando?

No hay comentarios: