lunes, julio 30, 2007

Con Novoneira en Parada do Courel








O domingo fun ao Courel. Había moito tempo que non subía aos tesos cumes, e quería ver como está indo a desfeita das canteiras de pizarra que xa se converteron nun auténtico cancro que roe o corpo das terras que cantou Uxío Novoneira. Disto escribirei algo esta semana no semanario La Clave, e quizais tamén neste blog.
Pero agora apetéceme facelo sobre algo moito máis íntimo e emocionante. Na miña viaxe acompañáronme Cristina e Take Asaka, o xaponés do que lles falei a pasada fin de semana, Subimos a Parada do Caurel e visitamos a casa natal do mellor poeta contemporáneo de Galicia. Que marabilla e que emoción tan grande entrar por aquel portalón polo que tantas veces pasou Uxío camiño do mundo enteiro e sentarse no banco da porta, na cociña e na mesa na que escribíu parte dos seus mellores versos!
Por sorte, collemos a Uxío, o fillo do poeta, e á súa moza na casa e puidemos pasar un pedazo da tarde contemplando aquel templo da poesía e da humanidade que é a casa de Novoneira en Parada do Courel. Para maior alegría, Elba Rei, a viúva do poeta, chamounos dende Lugo mentres estabamos percorrendo o eido máis íntimo do gran escritor. A aldea é unha preciosidade que aínda non foi agredida polo cancro do ladrillo e do cemento, e deberían estar atentas as autoridades locais e autonómicas para que isto non aconteza nunca. Parada do Courel xa é un símbolo do mellor espírito galego e debería ser comprendido e respectado como tal por todos.
Para que a comunión fora completa, Uxío junior levounos ver a Federico García Cabezón, un médico que exerceu varios anos no concello de Folgoso do Courel e que se lle prendeu tanto o orazón nos tesos cumes que tén casa propia á beira do río Lor e pérdese entre os castiñeiros para pensar, sentir e ler. Ler sen parar. Cando chegamos onda el estaba lendo a John Berger e matinando quizais en facer algunha nova exposición de fotografía porque, ademais de médico, é un gran fotógrafo. Algún día debería animarse a documentar todo o que sabe dos courelaos. Que fai a TVG que non lle encarga un bo documental sobre este tema? Dentro de pouco xa non vivirán persoas cuxo testemuño é fundamental para entender estas terras luguesas.