jueves, agosto 02, 2007
Ánxela Bugallo e César Antonio Molina
Entérome por unha publicación próxima ao BNG, Xornal.com, de que Ánxela Bugallo mantén relacións privilexiadas cunha parte do goberno galego ligada ao PSOE, pero que tamén tropeza con certos receos noutros ambientes socialistas. Descoñezo se a primeira parte do aserto se refire a determinados comentarios que circulan relativos á vida privada da conselleira de Cultura en relación con outro membro do goberno galego que provén, coma Touriño, do campo ideolóxico do comunismo.
Ignoro, polo tanto, se o redactor da noticia de Xornal.com foi vítima dun lapsus calami de orixe freudiano cando construíu a frase. O único claro é que tratou de expresar a sorpresa da conselleira de Cultura por enterarse pola prensa, coma calquera cristiano, de que César Antonio Molina, ministro de Cultura do goberno de España, está a piques de visitar A Coruña, cidade na que naceu e na que, entre outras cousas, vai presentar o seu libro de poemas Eume.
A min, se me deran a elixir, non sei o que elixiría. Se entrar na Coruña de noite ou entrar no ceo de día. De noite sempre hai a vantaxe de que fai máis fresco. E de día, o malo é que se lle ven moito as cores dos vestidos á conselleira (por Deus, quen será o seu estilista?). Sobre o poeta Molina teño unha cousa a favor e outra en contra. A favor, que nomeou director do Cervantes en Lisboa o meu amigo Ramiro Fonte, sen dúbida mellor poeta ca el e boa persoa. En contra, que me copiou unha entrevista que eu lle fixen a Alvaro Cunqueiro para publicar un libro polo que lle pagaron ben no Círculo de las Artes de Madrid sen pedirme permiso e sen mandarme sequera un exemplar do volume. Debeu pensar que, como a entrevista se publicara en El País, abondaríalle con falar con Polanco ou con Cebrián, cos que é sabido que tiña e ten liña directa. Dende aquela, a min Molina paréceme un pirata máis dos moitos que circulan polo panorama cultural español. Por certo e por se me ficara algunha dúbida, esta sospeita reconfirmóuseme cando lin en La Voz de Galicia un artículo laudatorio do novo ministro de Cultura escrito por Vítor Fernández Freixanes, outro dos que entraron a saco nas miñas entrevistas a Cunqueiro. Debe ser que Deus críaos e eles xúntanse.
Polo demais, estou disposto a perdoarlle ao Jack Lang español se dunha puta vez me manda o libro no que plaxiou a miña entrevista de Cunqueiro. A Freixanes, o meu perdón só lle custou enviarme un CD no que aparecía a entrevista do escritor de Mondoñedo que incluíu na súa exposición sobre o Merlín. Nin sequera lle pedín que me pagara o descambiado dos moitos millóns que cobrou el por dirixir a efeméride.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Felicítote, tío. Hai que agarralos ben (os machos) para cantar as corenta como as cantas ti. Segue así. Dentro de pouco podes ter un medio de expresión auténticamente libre, se ti queres.
Hai, hai moitos piratas, tanto na cultura galega como na española. Fai ben Conde en cantarlles as corenta. Que polo mundo adiante hai moito "jetas" e moito aproveitado.
Publicar un comentario