viernes, agosto 03, 2007

A Touriño destínguelle o verde




Tres atuacións moi concretas da Xunta sobre política industrial (piscifactorías, plantas de gas e canteiras de pizarra) indican que se están apagando os pulos ecoloxistas que mostraron inicialmente os socialistas e os nacionalistas ao formaren o actual goberno galego.

Ao tomaren posesisón dos cargos, no verán de 2005, os membros do Goberno (oito concelleiros socialistas e catro nacionalistas, presididos polo socialista Emilio Pérez Touriño co nacionalista Anxo Quintana de vicepresidente), entre outras expectativas de cambio, abríuse a de que podía levarse a cabo unha política medioambiental moi diferente á que practicou o executivo de Manuel Fraga durante os dazaséis anos que estivo no poder.
De feito, asociacións ecoloxistas e outras organizacións e cidadáns en xeral, sensibilizados pola preocupante degradación ambiental, paisaxística e urbanística que padece o país, abeiraron a esperanza de que os novos gobernantes irían tomar medidas concretas e eficaces de forma inmediata.
O anuncio oficial de que sería trasladada a fábrica de celulosas de Pontevedra, retirándoa dunha ría que Ence non parou nunca de contaminar ao longo de varias décadas, ou a prohibición estabrecida pola Xunta para que Pescanova non puidera levar a cabo a explotación dunha piscifactoría no cabo Touriñán, algo que obrigou á empresa pesqueiro-alimentaria de Vigo a trasladar o seu proxecto a Portugal, foron dúas medidas iniciais do goberno de Touriño que recibiron o aplauso dos defensores do medioambiente e do desenvolvemento sustentábel.

Pescanova non, Stolt Sea Farm si
Porén, pasados un par de anos, os resultados empezan a ser moi diferentes. A piscifactoría que non puido instalar Pescanova en plena Costa da Morte está disposta a Xunta a concederlla á multinacional Stolt Sea Farm, que proxecta instalala algo máis ao sur no concello de Porto do Son. Se contra a primeira se tén alegado que se pretendía instalar dentro do espazo de Rede Natura, a segunda pode afectar seriamente un dos lugares máis emblemáticos da natureza galega, o complexo húmido de Corrubedo, famoso polas súas dunas e pola súa importantísima biodiversidade. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), organización que non se pode considerar particulamente enfrontada ao actual goberno galego, e menos aínda á parte que este ten de nacionalista, non dubida en opinar que “o proxecto de Porto do Son está feito ás costas da realidade galega e para maior gloria dos intereses transnacionais do peixe”. Segundo esta fonte, “estas macro instalacións está prohibidas no páis de orixe da principal empresa do sector”, que é precisamente a que quere instalarse no lugar que agora apoia a Xunta e que rexeita unha parte importante dos veciños da zona.

Reganosa
Máis rechamante aínda é o caso da regasificadora que está empezando a funcionar dentro da ría de Ferrol a pesar da importantísima oposición que houbo contra a instalación da empresa Reganosa en Mugardos. Reganosa está participada pola propia Xunta de Galicia (10 por cento), Endesa (21 por cento), Unión Fenosa (21 por cento), Grupo Tojeiro (18 por cento), Caixagalicia (10 por cento), Banco Pastor (5 por cento), Caixanova (5 por cento) e o grupo arxeliano Sonatrach (10 por cento)..
De entrada, cando era Gas Natural a que se interesaba por montar unha regasificadora en Galicia, a instalación foi prevista no exterior da ría ferrolá apeoveitando que se ía construír o gran porto que hoxe está a piques de rematar a súa primeira fase, pero tardaron puco en interporse os intereses dun emerxente e xa todopoderoso empresario galego, Roberto Tojeiro, que quixo aproveitar a concesión de terreos marítimos que tiña en Mugardos para sacarlles máis proveito dos que xa lle estaba dando a súa empresa alí instalada Forestal del Atlántico, S.A. Tojeiro é o dono da cadea de supermercados galega Gadis. É orixinario de As Pontes e distínguese por terlle sempre posta unha vela ao demo e outra ao Espírito Santo. Só así se entende a perfecta relación que mantivo primeiro con Fraga e sostén agora co conselleiro de Industria da Xunta, o nacionalista Fernando Blanco, un neojuppy que pasou de empregado de Telefónica a deseñador do futuro industrial de Galicia por moita veteranía militante na UPG que poda aportar. Ou polo menos empatía total con Paco Rodríguez. Pertenece ao grupo que eu definía o outro día como os do BNG cebra polas camisas a raias que lles gusta tanto poñer.
O de Reganosa se cadra é o caso máis indicativo de como a filosofía industrial dalgunhas forzas políticas pode variar segundo os seus dirixentes estean na oposición ou no goberno. O BNG opoñíase case radicalmente a que a regasificadora de Ferrol fora instalada en plena ría por motivos de seguridade e pola existencia dun plano anterior que propoñía o Porto Exterior como lugar máis idóneo para acollela.
Namais chegar á Xunta, os nacionalistas viraron o seu rumbo 180 grados e pasaron a ser os principais valedores da planta de Reganosa de Mugardos. Especialmente o xa citado conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o seu director de idem, Anxo Calvo, que poden confundirse ás veces, sobre todo cando falan da necesidade “estratéxica” de Reganosa, cos mellores public-telations que poda ter o invento de Tojeiro. Mentres tanto, ao BGN de Anxo Quintana parece importarlle pouco que a súa forza política baixara dos oito concellleiros que logrou nas municipas de 1999 aos só dous que tivo nas últimas.

O Courel en perigo
Unha terceira e boa mostra de cómo se lles está destinguindo a cor verde aos gobernantes da Xunta atopámola na recente legalización dunha canteira de pizarra que, dende hai varios anos, vén explotando no lugar de Froxán (Folgoso do Courel, Lugo) a empresa Cupire Padesa, actualmente Cupa Group, no mesmo corazón doutro dos espazos absolutamente emblemáticos da natureza galega, a serra do Courel, que tan magníficamente cantou o poeta Uxío Novoneira –el mesmo igual de emblemático xa cos propios cumios coureláns– no seu libro Os eidos. Courel dos tesos umes, escribíu el.
Curiosamente, mentres que gobernou Fraga, a Xunta non chegou a legalizar nunca esta canteira a pesar de que algúns dos directivos e propietarios de Cupire Padesa mantiñan estreita relación persoal con el. Foi outra vez o nacionalista Fernando Blanco o que se empeñou en asegurar a forma legal de que esta canteira poda seguir estragando a paisaxe do Courel e contaminando os ríos Luruda ou Valdemar e Lor. E todo isto aínda a pesar de que un dos seus compañeiros de goberno, o socialista Manuel Vázquez, conselleiro de Medioambiente, non desaproveita ningunha casión para dicir que que hai que parar a degradación que está padecendo o Courel debidos as explotacións mineiras.
En posición totalmente distinta colócase o tamén nacionalista e único concelleiro que tivo o BNG en Folgoso do Courel, Orlando Gregorio Álvarez, voceiro de SOS Courel e alma mater da oposición á que se encha o Courel de canteiras de pizarra. “O espazo de maior biodiversidade de Galiza –dinos el– non merece o trato que lle están a dar os que agora gobernan. Aquí hai que facer un plano de desenvolvemento que encarrile a conservación e a restauración do noso patrimonio cultural. O que fan agora é como se fora para que só haxa espazo para as actividades extractivas mineiras. Nunca se debeu autorizar a canteira da Campa que coupa solo rústico de espazo natural e que impacta gravemente, coas súas explotacións a ceo aberto e as súas enormes escombreiras, na zona máis significativa do Courel. A canteira está a poucos metros do que áinda é hoxe unha aldea emblemática, Santa Eufemia, e xa variou o curso do río Luruda de forma absolutamente intolerábel”
Para os que loitan contra que se extenda a explotación mineira do Courel está en perigo o futuro dunha zona sobre a que xa presiona a existencia de 54 canteiras de pizarra en trámite e sobre a que pesa o antecedente sentado pola legalización que lle foi ortorgada a Cupire Padesa. Polos concellos de Folgoso do Courel, Samos, Póboa do Brollón, O Incio, Quiroga, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro xa estenderon os seus tentáculos doce explotacións de pizarra que están en funcionamento, sen contar as outras tres que hai en montes leoneses que tamén forman parte da serra.
Diante desta situación, xa hai moita xente que lanza a voz de alarma pedindo que o plano mineiro de Galicia, en elaboración, respecte as características da zona para que poda ser protexida cunha declaración de parque natural. Dentro de poucos días, o 11 de agosto, está prevista unha concentración en Froxán para esixir este respecto.
A cor verde do tripartito pode que estea a piques de destinguirse definitivamente. Estará tamén en perigo o verde do Courel? Novoneira erguerase da súa tumba para non perdoar a quen estrague o seus tesos cumes.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Agora, vendo o que escribe neste blog, comprendo eu o pouco que durou vostede cos seus amigos da TVG. Coido que xa llo dixen unha vez que o atopei en Bertamiráns. Vostede non é abondo corrupto para convivir con eles. E, ademais, é máis intelixente e libre. Non se preocupe, que non hai porco que non acabe tendo o seu San Martiño.

Anónimo dijo...

Lendo a observación que deixou Observador, estiven na dúbida de se debía suprimila no canto de que di que eu non son abondo corrupto para convivir co que el chama os meus amigos da TVG. Só conservo tal consideración porque sei ben que nin eles nin eu somos nada corruptos e, polo tanto, coido que o comunicante non fai máis ca un mal uso das palabras sen intención de calumniar a ninguén.
Sobre o que di non sei de que porco e do San Martiño, alá el e as súas ansias de estrago. Nin eu nin seguramente os meus amigos da TVG nos damos por aludidos.
E, repito, dubido se non sería mellor mandar o seu comentario á papeleira.
Perfecto conde

Anónimo dijo...

Aínda que tronen ecos do Lampedusa, non son poucos os retractos que fican na umbría: noutra volta ven sendo in statu quo ante (chove...)