Parece ser que Suso Iglesias dixo que o medio de comunica-
ción público que dirixe “non organiza cousas así” (véxasse El País de hoxe) referíndose a unha caravana de mulleres que estaba previsto que chegaran ao concello da montaña luguesa de Cervantes. Iglesias chamou por teléfono ao inefábel descomunicador Superpiñeiro para prohibirlle participar na organización da caravana como presentador do programa Acompáñenos.
Ata aquí, tudo bem, como diría un carioca. Dificilmente se entendía que unha televisión pública, que agora está controlada por un goberno socialista-nacionalista, que non é igual que nacionalsocialista, estivese minguando o seu xa devaluado prestixio e gastando os cartos de todos os contribuíntes na súa incomprensíbel participación nun evento que só parece digno dun Playboy cutre e terceiromundista.
O malo é que Iglesias, persoa a quen estimo e respecto entre a nómina dos meus máis queridos amigos, foi máis lento na súa reacción que un sapoconcho que tentase gañar o próximo Xacobeo subindo pola cloaca do Sar dende Padrón. Di que se enterou pola prensa de que Superpiñeiro estaba metido no fregado de Cervantes, no que por certo tamén se meteu ata as cachas o alcalde socialista local, Benigno Gómez, e que espera que o programa Acompáñenos pida hoxe desculpas. Boto de menos que Suso Iglesias non tivera esta reacción varios días antes, cando fomos moitos os que levamos as mans á cabeza ao vermos que a TVG respaldaba unha carallada coma que lles montaron aos solteiróns dos Ancares. A lentitude coa que axíu o director da televisión pública galega pode suxerir aos malpensados que agardou a que as mulleres do BNG, encabezadas pola candidata luguesa Paz Abraira, erguesen a voz contra esta maneira de tratar as mulleres como se fosen “ganado”.
Será quen, por outra parte, Superpiñeiro de decatarse de que nin sequera el é dos que valen tanto para un roto como para un descosido? Unha cousa é facerlle de monaguillo a Quintana, presentando merendiñas cos xubilados, como lle facía antes a Fraga de opio do pobo, e outra ben diferente é ir de cupido cutre un mes antes das eleccións de marzo.
Touriño e Quintana deberían quedar para tomar uns “caldiños zapaterianos” un día destes. Suxírolles que traten de concretar dunha vez o rol que debe xogar a TVG. Nos derradeiros anos de Franco e nos primeiros da democracia o programa estrela da televisión pública era La Clave e o xornalista-presentador de prestixio José Luis Balbín. Négome a admitir que, trinta anos despois, os galegos teñamos que comer da man dun recreador migalleiro de Westward the women. A película que ideou Frank Capra e dirixíu William Wellman é unha obra de arte. A caravana dos Ancares, só podía constituír un indisimulado insulto ás mulleres e unha tomadura de pelo aos montañeses de Lugo que aínda non pasaron pola vicaría.
6 comentarios:
O Piñeiro é de Allariz, Quintana tamén. Logo Piñeiro ten bula vicepapal para facer o que queira sen que lle pase nada. Iso de ter padriños é o bo que ten.
Home, señor non se acaba o mundo, eu tamén lle son de Allariz e por iso non lle teño bula. Do resto, estou totalmente de acordo co que di Don Perfeuto.
Home, é que non sabe que hai alaricanos de primeira e de segunda? Vostede, e ben que llo sinto, debe ser de segunda.
Non é que haxa só alaricanos de primeira e de segunda. Os que somos de primeira e de segunda somos todos os galegos, todos os españois, todos os franceses, etc. Á vista do que fan os que actúan como se fosen de primeira, os de segunda temos un panorama ben fodido. Quintana ten a Superpiñeiro, Fraga tiña a Ana Kiro (e tamén tiña a Piñeiro, con Super ou sen el). Para quen quedou Gayoso? Para Touriño? Vaia país de "cons".
Desculpe, somoslle allaricenses. E aquí agás os que queren facer carreira na política, xa sabe, os que teñen que dar lambidas dobrar o óso da xoá cando ven o Sr. Vicepresidente, para todos os demais, para os que non lambemos nen nos dobramos, segue sendo "O Quin". Sego a dicir que desculpe, sen acritude.
O asunto devólvenos xa non ós ano de Fraga, senon ao máis rancio franquismo paternalista. Teño un can sin cadela que encontra atractivas as patas da mesa do comedor ¿Poderá facer algo Superpiñeiro?
Publicar un comentario