Como un xa non está par mudar de muller, de casa ou de coche cada cinco anos, a min deume estes días por cambiar o lugar que ocupan algúns dos meus libros na biblioteca da miña casa e por iso atopei o libro de Pensado. Bendito encontro. Cada noite na cama, antes de caer nos brazos de Morfeo, repaso varios capítulos e redescubro “esa Galicia de frailes lingüistas y de pliegos de cordel” que tanto lle sorprendeu a Torrente e pregúntome, como se preguntaba el, como foi posíbel que Pensado morrese ausente da Universidade de Santiago e da Real Academia Española.
A noite pasada, por exemplo, lin varias páxinas sobre charros e panxoliñas, papeis derrocadeiros, marxinalismos en galego, pícaros en Compostela, Galicia, Galaxia e Galilea, semántica de galego e de Galicia, o curioso verbo galiziar e a mesa galega.
"Galiziar quiere el brone
y dize la chulama;
Si la çica no clama
no será esta chone.
Si no ven mis manos
quinas plateadas
cobas estimadas
o pillados granos,
aunque más pregone
que me quiere y ama,
si la zica no clama
no será esta chone”.
Pensado toma estes versos da colleita de poesías xermanescas que publicou en 1949 o hispanista e lexicógrafo norteamericano John M. Hill. O sabio profesor galego, que tiña casa aquí preto da miña no val da Mahía, aínda recorre a outros versos colleitados por Hill nos que aparece unha forma máis do verbo galiziar:
“muflamos de godería
el blancante y y el cotón
y del picaño el ropón
que me galizia este día”.
el blancante y y el cotón
y del picaño el ropón
que me galizia este día”.
E que significaba o verbo galiziar? Pensado, logo de descartar por dubidosamente arriscado o sentido que lle dá Hill de “regalar” ou “regalarse, entreterse”, a non ser que se tratase dunha delicada eufemización, decántase polo significado que lle atribúe José Luis Alonso Hernández, profesor da Universidade de Groninga, no seu Léxico del Marginalismo del Siglo de Oro, no sentido de que galiziar quere dicir foder. Ou sexa, que eu galizio, ti galizias, el galizia…Todos galiziamos o que podemos, aínda que só sexa galiziar aos demais.
Podería contarlles que onte durminme cando estaba a piques de facer mesa galega nunha imaxinaria partida de póker contra algún tahúr tan dificil de vencer como é Raúl del Pozo ou era Francisco Umbral. A Raúl xa lle gañei eu unha vez. Xustamente o día que me ensinou a xogar. E, dende entón, non me atrevín a desafíar a ninguén máis.
Como explica Xosé Luis Pensado no libro que lles comento, hacer mesa gallega é expresión nada menos que autorizada por Cervantes en La Ilustre Fregona, dentro dun contexto tahuresco: “Llegó una mano de echar todo el resto, y si uno no diera partido a otro, él hiciera mesa gallega”, é dicir, qu lle tería gaño todo o diñeiro deixándoo sen branca.
Claro que o egrexio lingüísta galego, que foi profesor en Salamanca, remata advertíndonos de que non fai falta ser moi agudo ou malicioso para decatarse de que o adxectivo gallega, como era regular daquela e non rematou de selo agora, aínda asociado a unha mesa, non constitúe un timbre de groria nin contribúe a magnificala. “Hay motivos para pensar –dinos Pensado– que estamos ante un caso más de gallego, usado en el más despectivo de los sentidos”. E logo alporizámonos porque en Buenos Aires se publiquen chistes de galegos. Como se fose a primeira vez que nos denigran por aí adiante. Deberiamos afondar máis no coñecemento das razóns para que nos pasase o que nos pasou e como nos ocorreu.
E, por certo, o cultivo de xermanías que se distinguen polas súas tendencias despectivas cara aos galegos ou Galicia non é un deporte que morrese no Século de Ouro. Se vostedes repasan un pouco o que anda por ese xa case inconmensurábel YouTube, decataranse de que cada vez son máis frecuentes as astracanadas das que nos fan obxecto os novos creadores de xermanías: Perro gallego, Secretaria gallega, Policía gallega, Gallego bruto, Bromas gallegas, Los nazis gallegos, son só algúns exemplos do que se pode atopar na rede. Para que Paco Rodríguez só mace nas costas do meu amigo arxentino Ricardo Parrotta por publicar un libro que se chama Superchistes de gallegos.
11 comentarios:
Pois a min gustaríame que me galiziase este día, ou mellor esta noite, Goerge Clooney.
Hai esquecementos que non son doados de entender...
A que ou a quen se refire, señor Mouchez?
Jose luis Pensado foi un gran linguista, pero sobre todo foi un gran traballador.
Quen teña interese que busque a súa bibliografía, e verá o froito dunha vida, en papel, que eu supoño que ademais moitos lle terán algo que agradecer polo que lles teña ensinado.
Ese libro recolle os artigos que periodicamente publicaba na Voz, e dos que eu ainda teño algúns en recortes.
Respecto de por que non estivo na Academia, supoño que porque non era membro de ningún cenáculo ou similar.
Homes así merecen respeto.
Se cadra é deses valores que, por non seren ou non aparentaren ser nacionalistas, agora son ignorados polos rexedores da cultura galega. Antes xa o foron tamén polos de Fraga. Mágoa de país.
Outro caso parecido pode ser o de Xesús Alonso Montero, por exemplo. E habería máis.
Falaba de Pensado, grazas polo seu interese.
Boas noites a todos.
Alto aí! Alonso Montero esquecido polos de Fraga? E logo quen lle pagou unha millonada pola súa biblioteca que aínda é hoxe o día en que non se sabe para que vale.
Al pasar del arroyo le vi las piernas
¡Ah hi de pucha, bellaca, qué blancas eran!
¡Ah hi de pucha! que sabeis
de chanzas y roncerías.
Eu nâo te falo galego
nam t'enganes tu contego,
atenta quem t'aconselha
e sigue pelo meu rego.
Voçés andan malucos. Sei que lhes deu pela jograría ou que?
Publicar un comentario