Teño unha amiga venezolá que, cando vén ver a súa filla que vive en Santiago, sempre nos visita no Instru-
mento. É unha muller encantadora a quen lle debo, entre outras cousas, o terme decuberto o magnífico ron Santa Teresa e algunha desas versións optimistas da vida que só saben dar os latinoamericanos. Ás veces, porén, discuto algo con ela porque é unha teimosa antichavista que non atopa máis que maldades e burramias na política do actual réxime do seu país.
Se estivese agora aquí xa sei que non lle ía gustar nada o que vou decir, pero sei que respectaría a miña opinión como procuro respectar eu a súa cando se producen os nosos encontros. Non son eu un deses forofos do milico venezolano que cambiou a a cor terrosa do seu uniforme militar polo vermello berrón desa camisa que pon para saír na súa TV de Prensa del Movimiento cando quere acirrar as masas, pero estou convencido de que, se Hugo Chávez non existise, Latino América tiña que inventalo algunha vez aínda que só fose para parárllelos pés aos imperialistas norteamericanos que encabeza George Bush.
Ninguén coma el, case nin sequera Fidel Castro, tivo a afouteza de responderlles tan directamente á súa prepotencia coa mesma medicina. Que o outro día lles berrara cunha frase tan rotunda coma de que “xa abonda de tanta merda de vostedes, ianques de merda”, poderalle parecer a alguén unha astracanada, pero a min paréceme que é a liberación dialéctica necesaria que algunha vez tiña que saír da boca dun gobernante latinoamericano democraticamente elixido. Non é preciso ser un lector empedernido de Eduardo Galeano para decatarse de que a actual política de Washington é a máis interesada en que sigan abertas a veas de América Latina. Extrapolando aquela frase que tanto se repite en México, pobres países das Américas que non son a do Norte por estaren tan lonxe de Deus e tan preto dos Estados Unidos, potencia que segue querendo facer desa parte do mundo o seu patio traseiro.
Chavez, que mantén negocios millonarios de petróleo cos Estados Unidos, tampouco pechou as portas do futuro. Botou fulminantemente o embaixador de Bush, Patrick Dddy, e mandou regresar o seu, Bernardo Álvarez, pero tamén dixo que mandará un embaixador “cando haxa un novo goberno en Estados Unidos”, en clara referencia as eleccións que van ter lugar dentro de pouco. Engadíu que “cando chegue un goberno que respecte os pobos de América Latina”. A ver se ían ser só os nortemaericanos os que inxiran na política interior dos demais. Hugo Chávez tamén tén dereito a remedar á súa maneira a inxerencia “democrática” dos neocons do Norte. ¿Ou non?
Os que seguramente deben estarlle moi agradecidos a Chávez son os portugueses. ¿Sabía alguén que do Miño para abaixo se fabricasen os ordenadores portátiles máis “duros” do mundo? Ademais de seren duros son unha “beleza”, segundo o presidente veezolano, que mandou comprar un millón deles para que sexan usados por rapaces de cinco a 11 anos. Son da marca Magalhâes e poden ser equipados con sistemas operativos de Windows ou baseados en Linux. Chávez mostrou un destes ordenadores no seu programa televisivo Aló Presidente, e ata o deixou caer dende unha altura considerábel para mostrar a súa dureza, que agora falta por saber se é só de hardward ou támen de memoria.
Os portugueses da marca Magalhâes terían que convidar a Chávez co mellor viño do Porto pola enorme propaganda que lles fixo. Mellor campaña, imposíbel. E Chávez que corresponda con ron Santa Teresa. Ou Santa Isabel, como se confunde un amigo meu cando o pide, e os camareiros sempre se percatan do que quere dicir.
1 comentario:
Hugo Chávez, amigo de Lusitania Felix
Publicar un comentario