De Alberto Núñez Feijóo tiña a idea de que se trataba dun político aberto, dialogante, comprensivo e tolerante. Parecíame unha persoa que herdara a sencillez campesina do seu interior galego multiadministrativo antes de adquirir a finezza e os lustres que lle puido dar a Universidade e a súa brillante carreira na Administración. Agardaba del, polo tanto, que fose un presidente da Xunta sumador, integrador e non integrista, alguén capaz de presidir pacificamente a todos os galegos.
Con pouco máis dun mes de experiencia gobernativa, os feitos xa se empeñaron en demostrar que a miña aprezación do personaxe estaba errada. Feijóo non é o San Francisco de Asís que parecía. É todo o contrario. Abondou con que se subise ao Citröen C6 co que substituiu o Audi de Touriño para que se mostrasen na súa personalidade ignotas inclinacións autoritarias e, sobre todo, antigaleguistas –por moito que se empeñe en abeirase á sombra de Ramón Piñeiro– que causan preocupación. Contra do que fixo Manuel Fraga, Feijóo inclínase cada vez máis por convertirse no degolador do galo do galego para que non cante mil primaveras máis como desexaba Álvaro Cunqueiro. Se isto xa de por si é moi grave, aínda o é máis pola razón de que contribúe a remover a brecha que abriu o franquismo entre galegos do galego e galegos do español. Non sabe ben no terreo movedizo no que se meteu o presidente da Xunta desenterrando fantasmas do pasado que ata Fraga tiña superados. Volver agora ás andadas revisionistas toponímicas (oh, o L da Coruña!) e á segregación e o desprezo idiomáticos é incirrarnos a moitos a pornos a carón de Carlos Callón e da súa troupe.
E que dicir da volta ao enfrentamento local Pontevedra-Vigo que tanta graza lle fixo a Don Jorgito el Inglés cando nos visitou vendendo biblias? Se George Borrow, redivivo, regresase hoxe a Galicia, sen dúbida escribiría algo sobre Alberto Núñez Feijóo e as súas tendenzas separadoras.
Como escribiría sobre el, seguramente, Carlos Castilla del Pino se volvese facer a mili en Ferrol. Ao egrexio psiquiatra, que acaba de falecer, sen dúbida lle chamaría a atención a obsesión feixoana de mazar na figura de Emilio Pérez Touriño e dos nacionalistas que o precederon. Só así se explica que aínda agora siga facendo excursións fotográficas pola caza e captura dos inmobles luxosos do bipartito.
Feijóo fala do consenso como se para el este concepto fose unha relixión, pero fai con el o que fan moitos católicos: cren nas leis divinas, pero só as cumpren cando lles convén. O caso do nomeamento do director xeral da TVG é abondo representativo. E non só pola súa parte senón tamén pola do PSdG-PSOE. Quen minte máis descaramente neste asunto? Feijóo ou Pachi Vázquez? Hase saber, porque a algún dos dous –mesmo se cadra a entrambos– o nariz ha acabar medrándolles moito máis ca o de Pinocho.
5 comentarios:
Admítense apostas: canto ha tardar Anxo Lorenzo en ter que presentar a súa dimisión?
Boas tardes a todos.
Falando de xente seria...
Este venres vaise celebrar, no Hostal dos Reis Católicos, unha homenaxe ao meu admiradísimo Marcos Valcárcel.
Difíciles circunstancias persoais que non veñen ao caso vanme inmpedir estar alá, pero gustaríame facerlle chegar a Marcos a maior das apertas, e dicirlle que aquí non só ten un, senón dous millóns de irmáns.
Feijóo é o verdugo dunha lingua milenaria. E os Anxo Lorenzo –académios da Galega incluídos– que se arrimen á súa política serán os afiadores da súa gadaña. Simples pinches da súa sega da lingua.
Feijóo non é o verdugo dunha lingua milenaria porque para os Feijóos de Galicia, o galego non é nada. É algo que non vai con eles. Un problema co teñen que leirear porque o pobo galego decidiu poñelos aí, pero nada máis.
Deixarano morrer de morte morrida, todo disfrazado de "bilingüísmo harmónico". O que Feijóo está reclamando é que o choio non lle dea problemas. Que non daría por aquela "pax fraguiana", aquel remanso xornalístico de hai uns anos, aqueles ben pagos intelectuais coa boca pechada, aquel entontecemento colectivo que foron os anos de don Manuel I.
O da superdelegada de Vigo pode ir para récord da desvergonza política. Porque non se trata unicamente de que o propósito de dotar a Vigo e 14 concellos máis dunha administración descentralizada fose ao limbo (unha subdelegación como moito e con limitadas competencias), senón que, coma sempre, para unha cousa que parecía o preámbulo dun verdadeiro cambio na estructuración territorial, van os jefecillos provinciais e locais (que nin siquera superaron a máis elemental educación secundaria, o cal non é ningunha mácula salvo no caso de pretenderen governar seriamente unha provincia) e demostran con feitos palpables que aquí os que mandan máis ca ninguén son eles, incluidos presidentes xunteiros, votantes todos de Galicia ou quen se lles poña por diante.
Molares: non fai falta que presentes a dimisión. Xa cha presentou onte Rafael.
[Ostras: saiume unha oración que nin o Ferlosio. Pido desculpas por iso, pero paseino tan ben escribíndoa que me dá rabia borrala]
Publicar un comentario