martes, mayo 26, 2009

A fogueira das vaidades

Nunca un goberno galego defraudou tanto en tan pouco tempo como o de Alberto Núñez Feijóo. En mes e medio, foi quen de regresar a gobernaza galega ás ideas “fundamentalistas e fanáticas dun pasado preconstitucional”, como ben lle botou en cara Manuel Rivas nunha entrevista en RNE. Co anuncio de “novos decretos e novas regulacións que nos devolvan ao franquismo”, como apuntou igual de ben Fermín Bouza, quen engadiu que “estes señoritos reaccionarios, tan alonxados do xenio creador e revolucionario da burguesía histórica dedícanse a esta clase de gamberradas que xa tiñamos esquecidas dende o citado xeneral e paisano noso (Franco).
Co superdelegado de Ourense empapelado nos tribunais de Xustiza por presuntos delitos pouco dignos dun representante público, co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a piques de selo, co de Presidencia tamén posto na picota e co caso Gürtel petándolle á porta, só faltaría que Feijóo pensase que lle abondou con afastar da súa beira a Luís Carrera para converterse no campión da loita contra calquera forma de corrupción.
Nunca un gobernante galego (nin Rosón, nin Fernández Albor, nin Laxe, nin Fraga nin calquera dos demais, Xosé Quiroga incluído) se empeñou en botar na terra tanta semente separadora coma o actual inquilino de Monte Pío. E o caso é que Feijóo enganounos a todos porque non parecía que fose ser así. Antes de agora, a min nunca se me ocurría pensar que o político que tanto fala dun “galeguismo cordial”, que parece ter máis que ver co cuore da revista Hola que coa interpretación da saudade de Piñeiro, fose quen de gastar máis enerxías en arredar o galego que en axudar aos labregos e gandeiros a superar a crise ou a mellorar a sanidade. Refén dunha Gloria Lago chea de autoodio e do reaccionarismo solapado que quedaba en Galicia, o presidente da Xunta parece entregado á tarefa de devolvernos ao pasado por moito que trate de agachar a súa estratexia e a súa táctica nun galeguismo que lle é totalmente alleo e ao que non lle está prestando máis atención ca de servirse del para empurrar o cabalo de Troia do seu españolismo máis reaccionario. Núñez Feijóo, que tanto se esforza en por a raia o nacionalismo, é el mesmo un nacionalista. Un nacionalista español que bebe máis na insulsa pseudofilosofía de Jiménez Losantos e de Pedro J. Ramírez que nas ideas do máis moderado dos galeguistas.
Que fan, logo, ao seu carón aqueles que agora denuncian a existencia de prantadores de salgueiros? O que fixeron xa con Fraga. Levar maletas, escribir discursos e inchar o fole dunha gaita desafinada que só toca aturuxos involucionistas. Uns porque teñen o aparador cheo de fantasmas, outros por vendettas badocas e case todos por ver o que cae na cesta. O espectáculo non fixo áinda máis que comenzar, e hase ver a onde chegan as brasas da fogueira das vaidades.

2 comentarios:

Sandra Barboni dijo...

Non penso que Feijóo sexa refén de Gloria Lago. Máis ben utilizou a demagoxia desta, e dos seus cofrades, para gañar os votos decisivos. Agora Galicia Bilingüe xa non interesa. Agora o que lle compre ao PP e facer unha política lingüística suaviña, de si pero non, non pero si, e agardar tempos mellores. Nos que nada pinta Gloria Lago, unha vez que non están no poder os seus inimigos naturais. A Lago está é unha especie de Mariquita Pérez (e Feijóo a crianza que farto de xogar con ela fixo que a levasen as criadas ao carro do lixo).

Balonga dijo...

Concordo co que di neste coraxoso artigo.
DANFeijóo sabe ben que destruir e moito máis doado ca erguer nada, e na desfeita, a dereita vaille ben,son a punta da lanza do españolismo rancio. Cunha fasquía ou outra, son perigosos!
Só nos queda obrigalos a "recuar para adiante".