Por que Feijóo escolleu a Alfonso Sánchez Izquierdo e non a Arturo Maneiro, por exemplo, para dirixir a que seguramente volve a ser a Telegaita? O elixido, ligado ao xornal La Región ata o ano 2008, é un profesional máis ou menos independente que sempre se distinguiu polo seu caracterizado afán de levarse ben con todos. Entre os que o coñecen de preto, non falta mesmo quen lle reprocha ser excesivamente “templagaitas” e inimigo total de calquera polémica aguda.
Seguramente di a verdade Feijóo cando asegura que con Sánchez Izquierdo quixo lograr polo menos un mínimo consenso antes de cesar a Benigno Sánchez. Sabía ben que o candidato que escolleu mantiña unha boa relación persoal de toda a vida co actual máximo dirixente dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, e quizais pensou que con el era posíbel cumprir a promesa de consensuar o nomeamento de tan alto cargo antes mesmo de que algunha vez se leve a cabo por fin a reforma legal da xestión da televisión e da radio públicas. O tiro, porén, saiulle pola culata e a CRTVG segue a ser o que foi sempre dende o seu nacemento: un complexo grupo de medios públicos ao servizo de quen está no poder.
Sánchez Izquierdo, como no seu día Benigno Sánchez, chega ao complexo de San Marcos como o seu máximo dirixente con carácter transitorio. Se Feijóo non imcumpre como icumpriu Touriño a promesa de de levar ao Parlamento unha nova lei que regule a xestión da radio e da televisión públicas, o seu mandato pode durar meses ou anos, pero está sometido ao que no seu día determine esa prometida regulamentación legal.
No canto de Arturo Maneiro, que puido ser outro candidato firme para suceder a Benigno Sánchez, trátase dun perfil aínda ben diferente. Maneiro é un coñecido mebro do Opus Dei, pero tamén un dos xornalistas galegos máis competentes e independentes do actual panorama. Dende os seus xa lonxanos tempos dun El Ideal Gallego, que marcou daquela un antes e un despois da prensa galega, sempre estivo na brecha do xornalismo desadormecedor. Amante de cultivar a opinión, a polémica e o debate, nunca esconde o que pensa nin aforra a crítica cando é necesaria nin sequera cando ten que dirixila contra os que os demais podemos pensar que son os seus. Persoalmente, coido que podía ser un bo director xeral da televisión de Feijóo e ata me atrevo a sospeitar que, se non foi el o elixido, se cadra é debido a que se buscou a alguén menos afeccionado a cantar as corenta cando fai falta. Confeso que lle teño aprezo persoal e profesional e que considero unha pena que Arturo Maneiro non sexa un dos chamados a gobernar a comunicación pública da nova xeira galega.
3 comentarios:
Por deus, como se nota que non padeciches o Maneiro xefe de Informativos da TVG!
Como se nota outra cousa
http://apgnoticias.blogspot.com/2009/01/entregado-el-diego-bernal-2009-perfecto.html
Nin Izquierdo nin Maneiro, que pechen a telegaita. Máis que un m.c.s semella a cova de Ali Babá, onde van a ensaiar as súas frases máxicas todos os cantamañás.
Unha aperta
Publicar un comentario