lunes, mayo 11, 2009

Toscana

Un trancazo deses que lle fan a un preguntarse se andivo por México recentemente, atoume á cama durante catro días. En canto fun quen de erguerme, viaxei á Toscana. Por iso se produciu a miña ausencia inexplicada ata agora deste blog. Descúlpenme os que me botasen de menos.
O venres pasado durmín en Orvieto, magífica cidade na que só unha boa hipertrofia de próstata ou o canto case gregoriano que aquí saben facer os merlos, é quen de despertalo a un ás catro da mañá. Que catedral, señores, que rúas e que covas medievais hai nista cidade que está a medio camiño entre Roma e Florencia! Na noite da miña chegada andaban por aló os cubanos de Compai Segundo buscando onde cear despois do concerto que acababan de dar.
No día seguinte, visitei de novo a catedral, que aquí lle chaman o “lirio dorado” das catedrais. O Papa Urbano IV ordenou a súa construcción en 1290 por mor do chamado miragre de Bolsena, localidade próxima á Orvieto, onde un cura de Bohemia dubidou da transustanciación e nese momento a hostia comenzou a zumegar sangue que caeu sobre o pano que cubría o altar. O pano foille entregado a Urbano IV en Orvieto, que decrarou a festividade do Corpus Christi. A cidade é, polo tanto, o lugar de nacencia da festa que tanto celebran os de Ponteareas.
De Orvieto, a Florencia, saíndonos da autoestrada para entrar logo de percorrer unha boa parte do Chianti montañoso. Carballos, faias, sobreiras e arboleda mesta por todos os lados. Oliveiras e cepas de viño, cipreses, e paisaxe escrupulosamente conservada e respectada por unha oredanación do medio rural que fai da Toscana un paraíso. Como en Galicia, pero ao rovés.
O domingo fun homenaxear a Cunqueiro visitando os frescos pintados por Piero della Françesca que se conservan na igrexa de San Francisco de Orvieto. Impresiona esta obra do artista que tanto admiraba o escritor de Mondoñedo. Na catedral de Orvieto cantaba na Misa unha moza que parecía un anxo. Despois de xantar, fomos ver o pobo natal de Piero, Sansepolcro, e visitamos o museo para ver máis obras do excelso pintor. Só por ver obras comas del xa paga a pena viaxar á Toscana.
Ese mesmo día tamén fomos a Cortona, cidade ben peculiar que non chega a 30.000 habitantes. Comenzou sendo un pequeño aentamento etrusco e nela viviu e traballou Fra Angélico e naceron os artistas Luca Signorelli e Pietro da Cortona. Nesta cidade acadaou a santidade unha muller chamada Margherita despois dunha mala vida pasada, cun fillo de solteira incluído, e aventuras fracasadas con dous mzos da localidade. Subimos a pé polas encostadísimas rúas de Cortona para visitar o seu santuario e, dende esta experiencia, xa podo atuar a miña amiga eslacadora Chus Lago. Se non fose polos zapatos MBT, baixaba dalí enriba sen pés.
Por fin, hoxe luns, comenzamos a visitar Florencia. Andivemos pola beira do Arno, onde nos saudou unha nutria que tomaba o sol, arrodeamos a Domus e comenzamos a admirar o David de Michelle Angelo. Eu atrevinme a comer as famosa tripas fiorentinas. Estaban boas, pero os nosos callos supérannas. O que non fixen aínda foi comer a máis proteica bistecca fiorentina (xa contarei como se fai) nin probar o Brunello de Montalcino, o meu viño preferido dos moitos e bós que hai na Toscana. A ver se consigo facelo antes de volver a Galicia.

3 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Non hai dereito, amigo Perfecto, vostede en Cortona. A mellor terra do mundo. Alí quedaba eu de boa gana para sempre. No Ristorante La Tufa, mirando o val de chiana, onde se dan as millores carnes para a Bistecca fiorentina. Montecchio, Castiglion Fiorentino, Arezzo. O paraíso.
Vería vostede a Madonna del Parto en Monterchi. Iso vale toda a viaxe, nefeuto, amigo don Perfecto. A Toscana, en fin, é a medida suprema da felicidade humana.

Luisfoz dijo...

Os meus parabéns por essa magnífica viagem. Se Itália é uma maravilha, a Toscana é a maravilha de Itália. Passa-o bem.

Anónimo dijo...

Vostede pasao moi ben por aí fóra, mais acó as declaracións do Conselleiro de Cultura sobre a Cidade da Cultura acaban de nos deixar de pedra.
Di o home que o tinglado rematará en 2017 ou 2021...
Cando retorne, mire de facer algo sobre o tema.
De balde, aí vai unha proposta: procesamento de Pérez Varela por engañar a todo o mundo, e procesamento das persoas que fixeron os informes técnicos por agochar as datas reais da construción do mamotreto.
Agggggggggggg