Volvín da Toscana sen poder probar o Brunello de Montalcino nin a bistecca fiorentina. Dúas boas desculpas para volver por Florencia un día calquera. Para o que xa definitivamente non atopo ad libi é para a miña volta a esta terra de desgrazas continuadas. Quen puidese ser rico para exiliarse en San Gimignano, a pesar de Silvio Berlusconi, da Camorra, da Ndranguetta, da Cosa Nostra e do entolecido tánsito romano. Aínda que só fose por volver a comer unha pasta fresca al Cinghiale preto da catedral de Orvietto xa pagaría a pena volver pola Umbría e pola Toscana.
Digo isto porque hai que ver o coñazo que se está poñendo Feijóo, dende que é presidente da Xunta, coa trécola esa de empeñarse en que nos agarremos todos polos pelos por mor do noso idioma. Onde a penas había máis ca unha polémica de barrio, acesa por unha descendente dun fabricante do metílico que matou algunha persoa e deixou cegas a outras máis, o novo presidente de Galicia parece empeñarse en dividirnos en partidarios do uso e promoción do idioma galego e siareiros teimosos que non sei de onde sacan que o idioma castelán está sendo mandado ás catacumbas en Galicia.
Feijóo dá un día unha de cal e, ao día seguinte, paletadas de area. Súbenselle ás barbas os da Academia Galega, e lévaos de romaría á terra de Ramón Piñeiro para que se calmen. O caso curioso é que consegue amainalos nomeando a un secretario xeral de Política Lingüística que, polo camiño que vai, rematará pasando á historia por temperar gaitas sen fole. Anxo Lorenzo será todo o sociolingüista preclaro que se queira dicir del, pero moito me temo que algo de razón leva Carlos Callón cando saúda na súa chegada á Xunta o advenimento dun lobo con pel de cordeiro que, se non remata sendo o verdugo do galego que lle gustaría a Gloria Lago, tampouco ha ser nin sequera a Marisol González que puxo Touriño a defender un dos idiomas que máis perigosamente viven en Europa.
Están logo as medidas protectoras da industria do automóvil (francés no caso de Feijóo) que lle van permitir aos ricos comprar Mercedes máis baratos e ata todoterreos para que sigan enchéndonos de CO2 e espantando a fauna do Courel e dos Ancares. Os labregos e gandeiros, mentres tanto, seguen a velas vir co prezo do leite sen darlles máis que para pagar o pienso das vacas. Os parados son cada vez máis. A Cidade da Cultura continúa chupando do bote, e Agustín Hernández non abre a boca para dicir algo sobre o medio ambiente ou a protección da costa. Hernández e Feijóo –podía ser o nome dunha construtora– tamén podían dar un volta xuntos pola Toscana para aprenderen a facer un país rico sen destruir a natureza nin abandoar o patrimonio. Polo menos un dos gobernantes aos que sucederon, Anxo Quintana, case fixo un San Gimignano no seu pobo natal. Cal vai ser icona que deixe Feijóo? Recémoslle ao San Pedro Fiz para que non sexa unha piscifactoría en Rede Natura, un Torremolinos en Corrubedo ou un empurrón máis ao galego cara a súa propia morte.
1 comentario:
Non falou vostede moi ben das trippe noutro post. Déalles unha nova oportunidade. Son impresionantes. Busque unha boa recomendación: tamén é verdade que a min me gustan porque se parecen máis aos preparados á madrileña que son os que eu prefiro (sen garbanzos, vaia). O curioso é que en Siena lles botan queixo parmigiano por riba e noutros lugares fabas. Explosivos en calquera caso, pero gorentosos coma poucas cousas no mundo.
Sobre o contido dos últimos posts non podo estar máis de acordo. Lampedusiano. Pero nestes casos manca (e mancarà) finezza.
Publicar un comentario