Aleccionadoras as declaracións que publica hoxe El País do empresario lucense Xesús Lence, patrón de Leite Río. Ademais da prepotencia arrogante que reflexan as súas palabras, total irrespecto á lexislación vixente. Quen foi inhabilitado por unha condena xudicial para exercer o cargo de administrador, por un delito cometido contra o medio ambiente, di que sigue pilotando a empresa “exactamente igual” ca antes. “Pasei de administrador a apoderado. Están os meus fillos como administradores”, cacarexa este empresario modélico.
Todo oque di Lence non ten desperdicio. Insiste en ameazar aos gandeiros mandándolles o aviso de que, se non son educadiños e sumisos cos seus “inspectores” (será esta unha nova categoría laboral recoñecida pola Administración pública?), xa poden ir buscando outro comprador ou facendo papas co leite todos os días. “Se non hai garantía de liberdade –advirte este campión do liberalismo leiteiro– non recollemos. Temos 30 millóns de litros en stock na fábrica. Aínda que pasemos un mes sen recoller, sóbranos leite”.
Na súa opinión, os sindicatos do sector non teñen idea do que pasa co leite. “Para saber se o sector lácteo está ben ou mal, a clave é ver o que di a banca.O que din as centrais non vai á misa”. A súa inquina diríxese especialmente ao Sindicato Labrego Galego: “Ante este conflito non teñen máis ca chamarme e pedirme desculpas. A min, ao inspector, ao xefe de campo… Se non estamos recollendo leite é porque nos dixeron que von volvésemos por alí. O Sindicato Labrego non sabe o que di nin a onde vai. Os seus representantes están denunciados. Isto é unha desorde”.
Segundo Lence, tampouco saben a onde van a maior parte dos gandeiros galegos. “De trece mil gandeiros –di o empresario que non está denuniado senón condenado por delito contra o medio ambiente– saben producir catro mil. Se o gandeiro non sabe producir a uns custos determinados, terá que deixalo. É o mercado”.
Inhabilitado para administrar a súa empresa estará, pero para darlle á lingua parece que a Xesús Lence aínda lle queda músculo.
1 comentario:
"A este paso nos vamos de Galicia". Vaite, ho, vaite! O leite que ti desprezache xa o está comprando Leite Celta.
Publicar un comentario