Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega dende o ano 2001 e a piques de rematar o seu mandato (quédanlle seis meses), é coma Saulo. Caeu do cabalo en canto a luz cegadora de Feijóo lle saiu ao paso nalgunha pradeira de Láncara. Non se sabe se foi o espírito de concordia de Piñeiro ou a capacidade dialéctica do presidente da Xunta, pero o caso é que a rancia institución que preside pasou, en poucas horas, de criticar con dureza a política lingüística que ven anunciando o novo goberno galego sobre o idioma galego a converterse no maior aliado desa mesma política.
En declaracións súas que publica hoxe El País, Barreiro contesta así á pregunta de se a decisión da Xunta de tardar un ano en cambiar o decreto constitúe un armisticio ou só é un alto o fogo: “Adecisión da Xunta está sometida a estudo, parece ser que aínda non teñen tomada unha decisión, malia que algúns membros do Goberno estanse manifestando con excesivo entusiasmo. Pero non é conveniente manifestarse. O que temos que facer todos neste momento é pararnos e meditar, meditar, consensuar. Como presidente da Academia, e despois das conversas que tiven co presidente da Xunta, o lóxico é non manifestarse e agardar. Se chegado o momento, entendemos que a decisión adoptada non é a correcta, entón evidentemente tomaremos medidas, protestas ou o que sexa. Pero agora non é o momento”.
“Pararnos e meditar”, di o presidente da Galega. Só se o primeiro verbo se tomase no sentido que lle dan no español de Latinoamérica (pararse=erguerse, porse de pé) sería capaz eu de gabar a manifestación de Xosé Ramón Barreiro, pero moito me temo que non vai por aí a súa expresión, senón polo máis acomodaticio significado de non facer nada. Estar a velas vir. Deixar que corran as cousas e pase o tempo, e logo xa se verá. Acaso non é esta a característica que máis singularizou sempre a Academia Galega e, endemais, a case todas as Academias que no mundo existen? Dende este punto de vista, Barreiro non fai máis ca cumprir o seu papel de adormecedor dos problemas lingüísticos, estupefaciente da lingua.
O malo é que a ao galego, polo camiño que vai e máis aínda pola estrada que queren conducilo, non lle quedan moitos Alfonso X O Sabio por diante nin cantigas de escarnio e maldizer que lle fagan volver a nacer. Ben ao contrario, o que ten por diante agora mesmo o noso idioma é actitudes e comportamentos políticos que pretenden volver a reducilo á servidume de idioma B á que foi sometido durante moitos séculos. Se a Academia Galega non ve isto e quere volver a ser cómplice do desprezo ao único idioma que lle dá razón de ser, como xa fixo no franquismo, ha ser a responsabilidade que a historia acabará demandándolle.
Abonda con ler os xornais a diario, os de hoxe mesmo, que traen novas declaracións de Feijóo, para non entender ben o optimismo pasivo de Barreiro. Recibiu el do presidente da Xunta claves que aínda non se fixeron públicas? De existiren, debería contalas. El di na entrevista de El País que fala moito co portavoz do PP Carlos Negreira, gran galeguista, por certo, “aínda que non deste tema”, acláranos. Non é por nada, pero as declaracións do presidente da Real Academia Galega, lonxe de desbrozar algo o tema, o que fan é enchelo aínda de máis confusión.
5 comentarios:
Non pertenzo á Academia nin quero defendela máis aló do que é defendible, pero coido que o que se crítica aquí non debe extenderse a todos os académicos. Maís ben parece unha actitude persoal do seu presidente, que debe ser libre de pensar o que quiera a respecto da política do idioma e de todo o que lle dea a gana.
Cónstanme que hai outros académicos que non comparten a súa opinión e que manteñen unha posición suficientemente crítica sobre o que pretende facer o presidente da Xunta. Non é xusto, polo tanto, metelos a todos no mesmo saco.
Pois se non falan un entende que concordan co presidente. Creo que todos eles teñen boca e verbo.
Luís Maquieira
Non nos enganemos. Sábese que hai un grupo de intereses (económicos) que está a mangonear a cultura galega e as súas institucións. Estes gansters da cultura queren facer negocios e dalles igual quen esté no poder. Onte co BNG, hoxe co PP, mañá con quen sexa. Arredor deste grupo xira moita xente coa esperanza de levarse algo a boca. E ao parecer hai moita fame en Galicia, moitísima.
Non nos enganemos. Sábese que hai un grupo de intereses (económicos) que está a mangonear a cultura galega e as súas institucións. Estes gansters da cultura queren facer negocios e dalles igual quen esté no poder. Onte co BNG, hoxe co PP, mañá con quen sexa. Arredor deste grupo xira moita xente coa esperanza de levarse algo a boca. E ao parecer hai moita fame en Galicia, moitísima.
O de Ferrín ten coña. Tanta grandielocuencia de esquerda e vai fichar onde os piñeiristas mais abominabeis, que só se miran a carteira.
Publicar un comentario