viernes, abril 23, 2010

Suso de Toro: "Decíamos ayer"

Algo nos está pasando no ámbito da literatura galega. Hai pouco era Alfredo Conde o que, con algunha xenreira, anunciaba a súa renuncia a utilizar a lingua galega para seguir creando. Ben é certo que, logo, o escritor allaricense foi volvendo algo e a pouquiño á lingua que seguramente lle é máis propia. Agora é Suso de Toro o que que nos dá a espantada despedíndose da súa carreira de escritor profesional para regresar ao mundo do ensino. “A vida son máis cousas ca esta”, dinos un dos escritores galegos do noso tempo que máis sona e difusión acadou fóra de Galicia.
Esta verdade de perogrullo anunciada por De Toro quizais esconde algo que aínda non saibamos e que se cadra non chegamos a saber endexamais. Que o autor dea por cumprido o seu “ciclo histórico” nunha circunstancia mundial, europea e galega marcada “polas mudanzas na comunicación, nas empresas e no mundo da cultura” pode ter algo de renuncia, pero tamén moito de visión profética de como nos vai ir dentro de pouco. Hai dous días, diciame Ramón Villares (para unha entrevista que vai publicar a revista Galegos) que, cando a súa actual vida institucional o retorne plenamente á docencia e á escritura, quizais “xa será nos medios actuais de comunicación, a través das páxinas web ou de Facebook ou no que haxa daquela e non en forma de libro físico” onde el se exprese.
Villares, que seguramente é agora mesmo a cabeza máis lúcida e mellor amoblada da intelectualidade galega, salientábame que “isto está cambiando dunha forma que non nos damos conta que, se te quedas parado, quedas aí na beira do río como atrapado nas ramas”. Decatariase Suso de Toro de que a corrente que o arrastraba a el estaría transcorrendo por un canle no que os diversos incendios, habidos e por haber, xa non deixaron ramas ás que agarrarse?
Fora como fose, a actitude de Suso de Toro é lícita e absolutamente respectable. E serve, entre outras cousas, para facernos pensar a todos. Se a súa viaxe de agora non ten volta, perderemos un escritor (cousa que dubido), pero en calquera caso o ensino galego gaña para as súas aulas unha das mellores conciencias críticas e competentes, algo do que tampouco parecen andar sobradas nos tempos que corren. Coma Fray Luis de León, De Toro vai poder pronunciar a sagrada frase de Diciamos ayer, e, con Juan de Mairena, poderá lembrarlles aos seus alumnos que “es más difícil andar en dos pies que caer en cuatro”. Saúde sempre, Susiño! E que nos cheguen tempos mellores.

7 comentarios:

xos dijo...

Impresiona, pero se cadra non debemos dramatizar coa decisión de Suso de Toro. De todas formas, o escritor profesional é históricamente un fenómeno recente, pois moitos grandes da historia non vivían da literatura. O realmente impresionante non é que o deixa, senón esa lucidez de ver que algo cambia, e que non se sabe cara onde vai, e se nalgunhas décadas, ¿2,3? haberá receptores para a literatura tradicional

lvta dijo...

Non sei que ten de extraño e excepcional a decision de SdT. El ten unha obra e decidiu non escribir mais, polas razóns que sexan. Unha decisión que non ten nada de tráxica e que a fai un dos autores mellor tratados polo SLG. Non nos pasemos!

Que os tempos están cambiando e aceleradamente, que todo o real se torna inconsistene...esto é algo do que un escritor actual é plenamente consciente e precisamente esa situación é o seu desafío creativo.

As cousas cambian pero a función da literatura segue intacta. Nunca houbo tantos lectores de literatura, nunca as edicións foron tan masivas, dende os contemporaneos aos clásicos. A literatura como arte pristino da creación, a creación mais espida, é insistituibel en libro de papel ou electrónico.

Con todo non vai ser doado o desplazamento do papel, o libro é un deseño dificil de superar. Súcedelle como aos instrumentos musicais, eu teño unha Fender do ano 73, que non foi superada. Non digamos un stradivarius.

Anónimo dijo...

Acabóuselle a bateria.

Ramiro Cartelle dijo...

Non entende moi ben o sentido do post, agás no de interesarse na organización do tempo privado do señor de Toro. Se hai unha cousa que abonda son os escritores que dan aulas en institutos.

Hildegart Canido dijo...

Tanto como tempo privado soamente tampouco é. A dimensión dun escritor, e mesmo a dun profesor de ensino público polo menos, ten algo máis que longo, ancho e alto privados.

o tempo dirá dijo...

Non me convence. Deixemos que o tempo, ese que din xuiz implacábel, vaia esclarecendo e pondo no seu sitio as verdadeiras razóns do abandono (abandono?). E o mais surprendente é ese querer tornar ao rego do ensino, como se este non vivise as mesmas contradicións que afectan ao libro e aos seus autores. Sería mais críbel que abandonase (que abandonase?) sen facer tanto ruido e que algún día pudésemos dicer: Que foi de Suso de Toro? Pero non. Segue sen convencerme.

Anónimo dijo...

Acaba o mandato zapateril con catro millóns de parados e a "outra España es posible", que reclamaba Suso de Toro no seu libro, non a vimos por ningures (véxase o que está a pasar co Estatut catalán). É moi humano que o biógrafo oficial (?) de Zapatero faga por desaparecer do mapa e comezar de novo.

Síntoo polo bo narrador que sempre lle foi fiel á literatura galega.