
Os xubilados volvemos a cobrar menos este ano (xa nos pasou no 2009) e o goberno de
Zapatero anda artellando medidas para prolongar a vida laboral ata os 67 anos.
Corbacho, ministro de Traballo, ameaza:
“Se non facemos nada, en 20 anos periga o sistema de pensións”. O paro segue medrando e pode superar o 20 por cento. O pior ano da crise, o 2009, rematou con 1.118.600 parados máis, colocando a cifra total en 4.326.500 persoas sen traballo. Todo un panorama.
Mentres tanto, nin gobernos nin sindicatos se ocupan do que está a pasar realmente no proceloso mundo do capitalismo actual.
Anne Michel publicou, hai poucos días, en
Le Monde unha preocupante análise das sociedades que están evadíndose aos paraísos fiscais. Comenzando pola famosísima Google, riquísima multinacional que está alixeirando a carga dos seus impostos instalándose en Irlanda, un pais de
“fiscalidade dulce” ou case inexistente. Google pode exercer unha actividade comercial importante en países como Francia ou España, por exemplo, logrando neles grandes beneficios, pero pagar o esencial dos seus impostos en Irlanda.
A crise fnanceira salientou o problema do nivel de imposición das grandes empresas mundiais que se dedican por completo ao que elas chaman optimización fiscal, a calcular o codiciado
“prezo de transferencia”. O tema é tan preocupante que o G20 xa se ocupou del no ano 2009 na pespectiva de loitar contra os paraísos fiscais, sen pasar ata agora das meras ideas.
Os prezos de transferencia son os que corresponden aos cambios de bens (produtos, patentes, etc.) ou de servizos (prestacións informáticas, etc.) entre unha casa matriz e as súas filiais no estranxeiro. Cando eses prezos son iguais aos do mercado, ou sexa, aos que facturaría por eles a competencia, as multinacionais estarían dentro da legalidade. Se son falseados, colocaríanse fóra da lei. Que ocorre? Pois que as multinacionais que están presentes en moitos países sívense dos prezos de transferencia para localizar as súas ganancias nos paises de baixa fiscalidade. Pola contra, onde declaran as súas perdas é nos estados con altas taxas de imposición sobre sociedades.
Como di a xornalista de
Le Monde,
“os prezos de transferencia son daquela unha maneira sutil de defraudar o fisco”. Máis sutil que disimular diñeiro nunha sociedade pantalla nun centro
offshore. O fraude é máis doado cando as empresas cambian bens incorpóreos (patentes médicas, programas informáticos, coñecementos especializados, etc.) para os que non hai ningún prezo de mercado.
Le Monde puxo como exemplo de caso práctico o dun grupo francés de licores que exporta as botellas a unha das súas filiais nas Bahamas a tres euros, un prezo moi baixo en relación aos custos de producción. Daquela realiza un magro beneficio, pero a súa filial bahamesa leva a cabo un bo negocio vendéndolle esas botellas a Estados Unidos por 18 euros cada unha, seis veces máis do que pagou por elas. A casa matriz infravalora as súas ganancias no país onde tería que pagar máis impostos por elas, e a filial case non paga nada no paraíso fiscal onde se atopa protexida. Para o gupo licoreiro francés a vantaxe fiscal é enorme, pero Francia vese privada dun imposto que lle correspondía.
Dada a gran opacidade que esconde os prezos practicados polas empresas, resulta imposíbel calcular o fraude relacionado co uso ilícito dos prezos de transferencia. Aínda así,
Pascal Saint-Amans, experto da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE), respondeulle a
Le Monde que
“o 60 por cento do comercio mundial faise intra-grupo e o risco de evasión, é dicir, de fraude, é logo potencialmente elevado”. Tamén opina este experto que
“o abuso dos prezos de transferencia é un tema de alto risco, poden servir de palanca para deslocalizr a materia taxábel”.
Eva Joly, eurodeputada francesa ecoloxista, antiga xuíza do famoso caso Elf, compara este fenómeno coa corrupción que houbo no comercio mundial nos primeiros anos noventa.
“É a criminalidade –di–
dos dez anos que veñen. Unha criminalidade extraordinariamente complexa a detectar e a perseguir”.
Daniel Lebègue, presidente da ONG Transparency International en Francia, sostén que
“hai que acentuar a loita contra a utilización dos prezos de transferencia, e parece chocante que, en Francia, a taxa de impostos efectiva soportada polas grandes empresas sobre os seus beneficios sexa do 10 por cento, cando a das pequenas e medianas empresas acada o 30 por cento”.
Diante deste panorama, o goberno de
Zapatero e non digamos a oposición de
Rajoy, parecen máis interesados en arrear novamente sobre as costas dos traballadores e dos xubilados. Debe ser que España segue indo ben, como dicía
Aznar. E os partidos de esquerdas dirán algo en castelán, galego, catalán, euskera ou
spanglish?