viernes, febrero 01, 2008
Bispos neocons
Será a actual igrexa católica española unha potencial aliada de Zapatero? Dígoo porque, como sigan facendo o que está facendo os bispos, imos ser moitos os que non nos vai quedar máis remedio que votar polo PSOE. Confeso que, ata agora, só votei dúas veces por este partido. En 1982, cando non quedaba máis remedio que apoiar o cambio político, e no 2004 porque había que saír como fose da escalada belicista e neoconservadora na que nos metera Aznar. Seguramente non hai dúas sen tres, e a terceira vez que vote socialista acabará sendo a deste ano por culpa da oleada de nacionalcatolicismo español coa que nos queren invadir os executivos do Vaticano.
Din os bispos que non se debe votar por quen teña negociado algunha vez con Eta, aprobado o matrimonio homosexual, introducido a educación para a cidadanía ou aberto a porta de ampliar a lei do aborto. Como se non fose algún deles quen negociou con Eta durante o goberno de Aznar. E no tocante ao resto, fraco favor lle debe estar facendo a igrexa católica á dereita española civilizada e moderna que xa debería existir indo xustamente á contra do que vai a sociedade europea en xeral e a española en particular dende hai moitos anos. Vivín dous anos en Francia durante o goberno do xeneral Degaulle e frecuentei moitos outros países europeos e americanos posteriormente e sei do que falo. Contrariamente ao que nos pasaba nos derradeiros anos do franquismo, o catolicismo oficial español está deixando de practicar a relixión liberadora e conciliar que inspirou Xesucristo para converterse nunha maquinaria política de extremadereita. Resulta que ata desubren agora os bispos o perigo dos nacionalismos. Polo camiño que van, dentro de pouco, non lles vai gustar nin dicir misa máis que en latín. No caso de que aínda se lembren deste idioma, que non sempre aprenderon ben.
Hai moitos anos que deixei de ser católico. Rematei farto do dogmatismo interesado e adormecedor dos papas, bispos, curas e outros sectarios que non souberon e non quixeron suceder a Xoán XXIII. Se me quedase algo desa miña antiga condición relixiosa, perderíao inmediatamente vendo como se está comportando a xeraquía católica española.
Durante moito tempo seguín respectando a moitos bispos, arcebispos e cardenais. Na miña memoria estarán sempre Tarancón, Araújo Iglesias, Romero, Setién, Casaldáliga, ata o mesmo Quiroga Palacios, e non digamos xa aquel homiño brasileiro, monseñor Hélder Cámara, a quen hai moitos anos tiven o pracer de mostrarlle o paseo da Ferradura e as rúas de Santiago mentres me emocionaba escoitando e observando unha auténtica reencarnación de Cristo. O meu alonxamento da igrexa católica non magoará nunca esa memoria, pero lamento dicir que a maioría dos que hoxe rexen esta organización relixiosa, que cada vez é máis católica e menos cristiana, xa só me parecen vulgares executivos de calquera formación política ultraconservadora. Non digo que non teñan dereito a seren e a faceren o que lles peta, a pensar e a extender as ideas que máis lles gusten, pero deberían ser consecuentes e, se queren replegarse ás trincheiras do neoconservadurismo, ser quen de facelo unicamente cos seus propios medios. Que renuncien a todos os privilexios concordados con gobernos e institucións e que volvan, coma Cristo, a predicar no deserto. Só así podería eu volver a respectalos.
Mentres tanto, limitareime xustamente a facer o contrario do que están dicindo eles agora. Non lles gusta Zapatero. Abóndame con iso para que o político socialista teña o meu voto. Danlles noxo os nacionalistas. Pois idem de lenzo. Amén.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
17 comentarios:
¿Setien sr Conde? O bispo Setien non é católico (universal) é vasco e habería moito que falar sobre o seu cristianismo. Supoño que é dos que pensan que no alén no que el cre haberá tamén ceos purgatorios e infernos vascos. Eu paso...
Será posible que un ten que votar a estes socialdemócratas cando estes retrógados e de ultratumba da dereita extrema volven ao Cid Campeador, Pelayo e Fernando VII.
Xa estamos fartos dos Concordatos coa Igrexa, que vivan dos seus acólitos e que deixen en paz aos que cren e son bos cristiáns, aos agnósticos, ateos e outros que non queren nin oir deles.
¿E esta España de pandereta pode estar ao carón dos paises de Europa con este Kiosko montado á española fai 2000 anos?. Non teñen vergoña, teñen máis cara que un zapato vello.
Eu non sei a quen votar. Estou orfo. Ao PP nunca o votei nin creo que o vaia a votar, unicamente que tolée.
Ao PSOE non o vou a votar pois a súa alianza coa banca e cuns empresarios especuladores fixo que en Ferrol teñamos que vivir con temores pola maldita planta de gas que nos colocaron no medio da ría. Agora o seu amigo de Endesa botóuselle nos brazos do PP. ¡Que se amolen!.
Ao BNG que o votei varias veces e con paixón para apoiar a postura digna de Xaime Belo en contra desa planta, nas municipais xa non os votei e non penso facelo en tanto non desapareza o patético Paco Rodríguez, o da Galiza enerxética (pero cheirenta e agora queren poñer a celulosa tamén nas Pontes). Por aquí ao BNG xa lle chaman BNGas.
Xa que logo estou orfo e esta vez tócame non ir votar e espero que sexan moitos os que pensen como eu. Polo menos deberiamos facer isto os Ferrolterrans. A estos políticos xa lles chaman de "todo a cen". ¿Ti me entendes?
Un abrazo, amigo Perfecto
Carballo de Ferrol
Decepcióname vostede, sr. Conde.
Non ir votar é un voto para o PP.
É un risco. Nese caso votarei a EU.
Carballo
Home, postos a votar, tamén podías votar o BNGas. O de Reganosa, ou sexa.
A min iso de nor ir votar é un voto para o PP hanmo explicar. E por que non o é para o PSOE ou para o Bloque? E non será simplemente unha maneira de dicirles a todos que vaian tomar polo cú?
A min pásame como a don Perfeuto.
Cando un partido ten todo o seu voto movilizado, como é o caso do PP, (xa que os seus dirixentes adicaron a elo toda a lexislatura: Terrorismo, unidade da patria, abandono da economía, ruptura da familia, invasión de homosexuales, etc. etc. etc.) e ademáis conta con apoio de entidades sociais de tanta influencia como a Igrexa; cando un partido emprega a mentira sen rubor (recordade que, ademáis de todo o dito, Zaplana chegou a decir que España estaba en recesión), cando todo isto ocorre, como ocorre co PP e os outros partidos pretenden manter unha posición de templanza e traballo en positivo, a abstención favorece ao primeiro.
Poderíamos extendernos máis, pero éche así.
Grazas a todos por participar. Quero engadir que, se Zapatero volve a gobernar, sexa por maioría absoluta ou mediante coalición ou apoios, desta vez non terá perdón de Deus se non aproveita para poñer a igrexa católica no seu sitio. Onda están todas as demais. A baterse o cobre pola súa propia fe, pero con medios propios e non prestados a cero interese. Os bispos queren participar nas campañas políticas? pois a cotizar coma calquera. E que nos deixen a espiritualidade auténtica para os cristiáns de verdade, os agnósticos e os ateos. Non precisamos pertenecer a un exército de xenerais con antorchado, palio e nómina a cargo de todos os contribuíntes. Que Xesuscristo volva a botar os mercadores do templo. Amén.
Don Perfeuto, lendo a última frase do seu artigo, non fica moi claro se a vostede tamén lle dan noxo ou non os nacionalistas. Debería aclaralo.
Aclárollo con moito gusto. O que quero dicir é que, tal como digo tamén para o PSOE, pódeme abondar con que digan os bispos que non hai que botar nacionalista para que me decida a votalos eu. Non teño nada, ou teño moi pouco, contra determinados nacionalismos democráticos que funcionan hoxe en día. Comparto con elles varios plantexamentos da vida actual. Tamén teñen cousas, referidas sobre todo ás súas praxes políticas, que non me convencen nada e que mesmo algunha vez me poñen en contra. No que toca ao nacionalismo galego gobernante lamento, eso si, que faga moitas cusas igual que as fixo o PP ou as está facendo o PSOE. Por exemplo, concordo algo cos que están empezando a chamarlle BNGas ao BNG.
É interesante preguntarse qué pasa cos nacionalistas neste debate. Eu penso que a resposta é que non existen.
Os nacionalistas non están no debate coa Igrexa, non están no debate da extensión dos dereitos, do recurso á guerra, do cambio climático, hoxe non están case que ningún debate.
Están ocupados en crear remedos de sistemas nacionais de benestar, de transporte de discapacitados ou de garderías e de organizar as festas dos maiores.
A parte do debate de se pode existir un sistema nacional de algo nun Estado das autonomías, iso é xestión (da que poderíamos falar dabondo e da que se podería facer distincións por Consellerías), pero non é ningún dos debates de fondo que se están a dar entre a dereita máis extrema coa socialdemocracia española.
Eu non estou de acordo co manifestado polo último "Anónimo". Son precisamente os medios madrileiros e os partidos españois (o bipartidismo) os que están a impoñernos a súa axenda política, xustamente os temas que o anónimo suxire.
Eu xa estou un pouco farto tanto da palabrería do sr Zapatero coma a de Rajoy. O primeiro sacou algunhas leis moi guais que lle saíron gratis, pero eu vexo cada vez máis xente que non dá chegado a fin de mes.
Por outro lado, cómpre relativizar a estas alturas a influencia da cúpula eclesiástica na sociedade actual. Practicantes xa son menos de o 20% da poboación, e aínda moitas desas persoas con comungan coas rodas de muíño da clerigalla episcopal.
Sr Conde: non só os bispos deberían autofinanciarse tamén os sindicatos en os partidos políticos...e así veríamos quen é quen ...
A diferencia, prezado anónimo precedente, é que os sindicatos e os partidos son parte do entramado político do Estado democrático e a igrexa non.
Publicar un comentario