martes, junio 17, 2008

Alfredo Conde dá no cravo

Alfredo Conde, escritor que sempre sabe comprome-
terse cos problemas reais da cultura e da sociedade galegas, publica hoxe en El Correo Gallego un artículo titulado Moito insecto circulando, sobre o que aconteceu hai pouco no hotel Cidade de Vigo. O autor xura e promete que nunca máis pisará o hotel mentres o dirixa "ese presunto individuo chamado Miguel Tejada e se menteña n normas coma esta tan pavera". Algo así tamén o propuxo, en comunicación a este blog, o profesor e escritor ourensán Marcos Valcárcel, e eu súmome a eles. O artigo de Alfredo Conde di o seguinte:

Hai xa días que lin unha noticia que, de ser certa, arrepía. A lectura producíuse no blog de Perfecto Conde, ese espazo no que o seu autor, xornalista dos de raza dende hai cáseque tantos anos coma el mesmo; ese espazo, dicialles, no que o autor se da Croques contra a vida, así, coma quen non quere a cousa. A noticia ven ilustrada coa oportuna entrevista a Xesús da Torre Martíns, obxecto diría eu que moi pacente da noticia, e foi feita por un Horacio Vixande, a quen non teño o gusto, pero aplaudo. Este Xesús da Torre élles un señor, de non sei cántos anos, coido que non moitos, quero dicir excesivos, se é que estes excesos (vitais) son posibles. Un señor, en todo caso, que tivo a xenial ocorrencia de optar a unha praza de recepcionista nun hotel vigués que, pra maior inri, ostenta o popio nome da cidade á que tamén lle din olívica. Contaba pra elo, o tal e ó parecer iluso aspirante, co dominio de media dúcea de idiomas; algo que non está nada mal. Pero ía asisitido da idea (ó parecer nada boa) de lle falar en galego (a maiores) a aqueles que lle falasen en galego, fosen os seus compañeiros de traballo (agás que fosen camareiros ou empregados da limpeza, que con ises sí podería facelo) ou clientes do hotel que, vaia por Deus e por María Santísima, tivesen a nada xentil ocorrencia de lle crear ó señor Da Torre un impensable e ó parecer inevitable conflicto laboral. O acontecido califícase por si mesmo. Así que me limitarei a xurar e prometer que nunca máis pisarei o tal hotel, mentres o dirixa ese presunto individuo, chamado Miguel Tejada, e se manteñan normas como esta tan pavera que lles conto e me absteño de calificar. Califíquena vostedes. De entrada pregúntome eu qué tipo de clientela é á que ha optar a que se hospede en adiante a xerencia do Hotel Cidade de Vigo dada a tendencia a se expresar en galego que amosan xentes tan variopintas e discretas como poden ser o presidente e mailo vicepresidente do Governo de Galicia, a presidenta do Parlamento, o presidente da RAG, centos de catedráticos e pofesores varios, directores de xornais, de emisoras de televisión e radio, presidentes de bancos e caixas de aforros, grandes e pequenos empresarios, científicos e artistas varios, xornalistas e funcionarios de todo grao e condición, pescadores e mariñeiros, gandeiros e labregos, traballadores manuais e viñateiros, industriais e clérigos, en fin, gran parte da poboación galega que, sen renunciar a nada, nen a ningunha outra lingoa ou condición, decida non entrar alí, nese hotel ó parecer tan pouco vigués e cidadán, por se lle crean un conflicto laboral ós seus recepcionistas, ou mesmo non lle dan habitación non vaia ser que logo vaian ter que fumigala. E ó revés se di por ver se millor se entende. Hailles moito insecto circulando.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Alfredo Conde falou ben. Eu non o tiña leido desde fai tempo, pero prometo volver a facelo.

Anónimo dijo...

Eu léoo sempre.

Sinto unha grande admiración por el.

Anónimo dijo...

Ao hotel Cidade de Vigo R.Verino, Purita garcía , Luz Casal, Oscar Pereiro e cía, amosémoslle o noso desprezo ignorándoos, a eles e a seus productos. Non merecen ser galegos nen de ningures.