lunes, junio 23, 2008
Os fachos da Peneda
O sábado pasado subín por primeira vez como un facheiro máis ao monte da Peneda, entre os concellos ponteve-
dreses de Redondela e Soutomaior. Non son persoa moi dada ás “realida-
des” máxicas, pero a Festa dos Fachos que organizan os parroquianos de O Viso é desas cousas que hai que ver polo menos unha vez na vida. Non direi que tanto como San Andrés de Teixido, pero a Virxe da Peneda –por terras de Pedro Madruga– sabe abrirlle o manto ás outras realidades da vida humana.
Contáronme que a festa se recuperou no ano 1997 e que vai camiño de converterse nun punto de encontro da Galicia que quere mostrarse criticamente respectuosa co seu pasado de terra meiga. Parece ser que na comarca houbo algunha vez unha gran peste e os habitantes, para librarse dela, queimaban os seus farrapos ao pé do monte da Peneda, increíbel mirador de toda a zona. Este ano foron case medio millar as persoas que se achegaron con fachos acendidos no medio da noite a este lugar que se adianta ás fogueiras de San Xoán na consagración do lume purificador. Na preocupación dos presentes fíxose patente a ameaza que pode rematar representando a proxectada autovía de Redondela a Peinador, co seu paso só a 200 metros dun dos lugares “máxicos” de Galicia.
Noé Massó, digno herdeiro da tradición cunqueiriana da queimada, co seu grupo de “sacerdotes” augardenteiros, estivo a piques de perder as pestanas oficiando unha cerimonia vulcanística que converteu 400 litros de augardente en beberaxe digno de Panoramix. Os fachos da Peneda son unha luz que se acende no espírito de Galicia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Feliz San Xoán a todos.
Don Perfeuto: Dinlle unha información incorrecta. Rectifico agora. O favorito da maioría dos bispos españois para suceder a F.J.L. non é o señor de Ponferrada a quen vostede coñece ben, senón C. H.
Entendera eu mal.
Desculpas.
Publicar un comentario