miércoles, diciembre 10, 2008

O que Xornal de Galicia non publica sobre a casa de Castelao en Rianxo


Na edición inau-
gural de Xornal de Galicia, do 9 de xaneiro, a publicación do constructor Xacinto Rei abríu a cinco columnas cun falso scoop titulado “Rianxo loita pola casa de Castelao co seu dono”. En realidade isto xa se publicou antes no semanario A Nosa Terra e noutros lugares, pero Xosé Luís Gómez debeu pensar que había que saír á rúa con algo que lle dera marca de distinción galeguista e, se cadraba, tamén nacionalista. Quizais non se percatou de que o que abriu de paso foi unha caixa de Pandora da que poden saír moitos sapos. O que non publicou
Xornal de Galicia, nin vai publicar seguramente nunca, son algúns antecedentes que caracterizan o caso da casa de Castelao en Rianxo.

Son varios os persoeiros do galeguismo actual, Avelino Pousa Antelo o primeiro deles, que agora se revoltan contra o actual propietario deste inmóbel rianxeiro, Xavier Baltar Tojo, ao que non dubidan en acusalo de “especular coa memoria de Castelao” e de “traizoar á súa familia”. Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, chegou mesmo a dicir, nas páxinas de Xornal de Galicia, que Baltar “levou todo o que había de Castelao da casa pola noite”, no que parece un intento evidente de sementar dúbidas sobre o herdeiro testamentario da herencia dos irmáns Castelao.
Neste tema habería que empezar por contar as cousas como sucederon e non como a algúns persoeiros do galeguismo oficial lles gustaría que pasasen. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 e finou en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950, pouco antes de cumprir os 64 anos. De toda a súa extensa obra artística, ensaística e literaria nin unha soa peza foi inscripta no Rexistro da Propiedade Intelectual que rexía por mor da Lei de Propiedade Intelectual daquela vixente dende o ano 1879. Nin sequera a parte que correspondía ao período anterior á súa marcha forzosa ao exilio, despois da guerra civil española. Faleceu sen deixar testamento nin ascendentes nin descendentes, pois os seus pais morrreron antes ca el e o seu único fillo, Alfonso, tamén finou en 1928 cando só tiña 14 anos.
Daquela vivían as súas dúas irmás, Xosefina e Teresa, e tamén a que pasou a ser a súa viúva, Virxinia Pereira Renda. Xosefina e Teresa, que moraron ata as súas mortes na casa do número 7 da Rúa de Abaixo de Rianxo, dedicaron o resto das súas vidas a velar a figura do seu irmán mantendo viva unha casa que era un auténtico museo familiar da memoria do autor de Sempre en Galiza. Téñoas visitado moitas veces ao longo da década dos setenta e sei do que falo. Nunha das fotografías que publico hoxe aparezo a carón de Teresa, nunha instantánea que lle saíu desenfocada a Maribel Outeiriño, que acababa daquela de estrear unha Nikon F2 que aínda non sabía manexar e coa que rematou sendo case uha experta.
Polos anos cincuenta empezáronse a publicar pola Editorial Galaxia algunhas das obras menos comprometidas de Castelao. En 1969 faleceu en Madrid Virxinia Pereira sen que antes se puxese en orde a cuestión herditaria da familia nin os dereitos de autor polos libros, cadros e debuxos de Castelao, que empezaron a pasar a museos e a mans de particulares sen criterios legalmente estrabrecidos antes.
As irmás Josefina e Teresa Castelao, que non viviron nunca precisamente na abondancia, empezaron a percatarse de que os seus dereitos materiais e morais non estaban sendo considerados e que mesmo lles estaban sendo claramente refugados por algúns intereses que empezaron a calcetarse encol da figura do seu irmán. Foi cando tomaron a decisión de por as cousas en orde, e recorreron a un avogado que formaba parte dunha familia tradicionalmente amiga e moi relacionada coa súa: Xavier Baltar Tojo. Os Baltar xa axudaran antes moitas veces aos membros da familia Castelao, particularmente á súa figura máis notábel, Alfonso R. Castelao.
Xavier Baltar, coa axuda dos seus parentes, tamén avogados, Ernesto Baltar Santaló e Ernesto Baltar Feixóo, iniciou un longo proceso reivindicador dos dereitos das irmás Castelao que tivo principio en Buenos Aires, lugar de falecemento de Alfonso Daniel, e que rematou en 1972 no Xulgado número1 de Primeira Instancia de Pontevedra, cidade na que tivo o seu último domicilio en Galicia o escritor e artista de Rianxo. Este xulgado ditou un auto de declaración de herdeiros no que, logo de proclamar a extinción do usufruto viúval, “se declaran únicas y universales herederas abintestato de D. Alfonso Rodríguez Castelao, en todos sus bienes, derechos y acciones, a sus hermanas de doble vínculo, doña Josefina y doña Teresa Rodríguez Castelao”. Ficou así definitivamente recoñecido o dereito total a favor das irmás de Castelao e que a viúva somentes gozara do usufruto da súa cuota correspondente, polo que non lle fora posíbel levar a cabo actos de disposición.
Pero, estabrecidos por fin o dereitos de Josefina e de Teresa Castelao, atopáronse cun novo problema: a protección rexistral da propiedade intelectual do seu irmán. Daquela o prazo para facer constar rexistralmente esta propiedade estaba fixado nun ano que se contaba a partir da data de publicación das obras e, se non había tal rexistro, a propiedade intelectual pasaba a ser de dominio público. Era o caso de toda a obra de Castelao, que no fora rexistrada nunca e xa pasara, polo tanto, a dominio público, de acordo coa Lei da Propiedade Intelectual de 10 de xaneiro de 1879. O principal dereito que lles atribuira un xulgado de Pontevedra, o das obras do seu irmán, xa non era delas legalmente.
Porén, o avogado Xavier Baltar non desmaiou, senón que moveu Roma con Santiago para continuar a loita polos dereitos das herdeiras de Castelao, que tamén despregaron os seus esforzos para verse recoñecidas. Unha delas, Josefina, viaxou a Pontevedra para visitar a casa dunha importante familia local, que non foi precisamente a de Xosé Filgueira Valverde, importante figura do galeguismo que exercera de alcalde franquista pouco tempo antes, dirixía o Museo de Pontevedra e mantiña estreita relación coa Editorial Galaxia que lle negaba os dereitos á familia de Castelao.
Por mediación dun membro desa familia notábel, Josefina mantivo unha entrevista cun funcionario estatal destinado en Pontevedra, ao que lle explicou o que lles estaba pasando a ela e á súa irmá. Aqueles movementos serviron para que o ministro de Información franquista da época, Alfredo Sánchez Bella, tristemente célebre por facer que se dinamitara o edificio do xornal Madrid, se ocupase personalmente do asunto pondo en marcha unha revisión da lei vixente de propiedade intelectual que lle permitiu abrir por un ano o rexistro de obras para que todos os autores que non tivesen acreditada a propiedade dos seus libros puidesen levala a cabo.
Foi así como unha Orde do 5 de febreiro de 1973 (BOE do 20 de febreiro) estabreceu unha amnistía dando de prazo ata 1973 para inscribírense no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual “aquellas obras que por no haber sido inscritas en los plazos ordinarios hubiesen caído en el dominio público”.
Aínda había outro atranco que salvar. Moitos dos libros e das obras pictóricas de Castelao, editados en distintas épocas e países e que foron sometidos a persecución e diversas incautacións, non se sabía nin onde estaban e houbo que levar a cabo un laborioso proceso de busca para atopalas, pero pouco a pouco foron aparecendo e pasaron a constar no Rexistro correspondente. Algunhas delas mesmo estaban nas mans de persoas que podían pasar apretos se se lles esixise probar por que estaban no seu poder.
Aínda así, a Editorial Galaxia seguiu negándolles os seus dereitos ás irmas de Castelao. Corría o ano 1974 e a editorial que maior volume de edición viña realizando en Galicia, aferrándose á interpretación que facía da Lei de Propiedade Intelectual de 10 de xaneiro de 1879, sostiña sen ningún rubor que as reclamantes “non tiñan ningún dereito”. Baseábanse nun erro que se cometeu cando esa Lei foi publicada dicindo que “la propiedad intelectual corresponde a los autores durante su vida y se transmite a sus herederos testamentarios o legatarios por el término de ochenta años”.
Mentres tanto, morreu Josefina e ficou soa Teresa para seguir loitando. E o caso era que Teresa non era “testamentaria” nin “legataria”. Era unha herdeira “ab intestato”, proclamada así por unha declaración xudicial de herdeiros mediante o procedemento que se segue cando, por falta de testamento, a lei chama os herdeiros lexítimos para suceder na orde e cuantía que lles corresponda.
Deste xeito, Teresa Castelao ficou de novo a mercé da boa ou mala vontade que lle puidese mostrar a Editorial Galaxia, que seguiu negándolle o que pedía. Pero o seu avogado, Xavier Baltar, non se deu por vencido ata que logrou demostrar que había un erro na Lei que había que correxir. Onde dicía “legatarios” debía dicir “lexítimos”. Tratábase dun erro de longuísima vida, pois a lei levaba en vigor case un século co citado erro comprendido en todas as súas edicións públicas e privadas.
Mediante un documentadísimo alegato que Xavier Baltar rematou publicando no Boletín de Anabad, ano XXIX, número 1, co título de “Castelao y la Ley de la Propiedad Intelectual de 1879: Un curioso incidente legal”, o avogado de Teresa Castelao acabou facendo que a Editorial Galaxia accedese a recoñecer os dereitos de autor de Alfonso R. Castelao que herdara a súa irmá.
Con todos estes antecedentes, sorprenderase alguén de que Teresa Castelao non quixese deixar a súa herencia a ningún dos galeguistas que agora tanto remexen para “expropiar” o herdeiro que ela quixo deixar como lexítimo?
Podería abondarse máis aínda neste peliagudo tema relacionado con Castelao. Investigou alguén, por exemplo, se é verdade ou non que na familia da súa muller puido quedar un feixe de cartas, supostamente escritas en castelán a Virxinia Pereira, que logo fosen escamoteadas por persoas interesadas en que non se desmostrase este afecto idiomático “estranxeirizante” da personalidade máis emblemática do nacionalismo galego? Son preguntas que seguramente non van aparecer respondidas no Xornal de Galicia.

25 comentarios:

Anónimo dijo...

E por que tiña que publicalo?

Anónimo dijo...

Non sei, pero isto sí é noticia.

Anónimo dijo...

O portal Vieiros publica esta nova.
Un traballo de investigación moito perigoso obtido nos corredores e andares do oficialismo nacionalista. Aí vai.


"A Consellaría de Cultura iniciou os traballos para a declaración de BIC na categoría de "sitio histórico" do inmóbel en xullo de 2006, pero atopouse coa repetida negativa do seu propietario, Javier Baltar, a permitir o acceso dos técnicos ao interior do edificio. Por ese motivo, a Xunta decidiu reclamar por vía xudicial este acceso, que foi confirmado o pasado día 17 de novembro polo Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 de Santiago.

O auto autoriza aos funcionarios da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, "asistidos no seu caso das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para a entrada en horas hábiles" na casa que pertenceu ao artista e político Daniel Rodríguez Castelao, "para proceder á comprobación do estado actual do interior do inmoble e das súas pertenzas, así como a efectuar unha reportaxe fotográfica aos efectos de completar a documentación necesaria no expediente de declaración de ben de interese cultural".

Unha vez coñecido o auto, a consellaría dirixiuse ao propietario para que se puxese en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio para concretar os detalles da visita dos técnicos da Consellaría. Porén, polo de agora o propietario non se dirixiu á Xunta, polo que a consellaría podería fixer de xeito unilateral a data. O 24 de xullo de 2007 Patrimonio abriu o expediente de incoación de BIC da casa natal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sita na Rúa de Abaixo de Rianxo, co que se pretende evitar calquera tipo de agresión a este ben.

En decembro de 2007 os tres grupos con representación no Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei que instaba á Xunta a que "no prazo máis breve posíbel" resolvese o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural. O texto, presentado polo PSdeG e emendado polo BNG, urxía a declaración de BIC na "categoría de sitio histórico" co fin de "facilitar a súa conversión nun espazo cultural emblemático de Galiza".

O concello de Rianxo leva meses en negociacións con Javier Baltar para a adquisición do inmóbel, co obxectivo de crear unha rede de casas-museo, que incluiría as de Castelao, Dieste e Manuel Antonio. O Concello xa pagou 300 mil euros pola vivenda de Dieste, o que xerou unha gran polémica e anoxo entre os seus familiares, pois o escritor quería doar a casa e o seu contido á vila. Agora, dende o concello insinúase que mesmo poderían chegar a expropiar a casa de Castelao se o seu propietario non accede a vendela."

Anónimo dijo...

Pois ese traballo moito perigoso de información tamén o fixo Xornal de Galicia, pois publica a mesma noticia cuspidiña.

Anónimo dijo...

Vaia, don Perfeuto, pois si que estaba vostede guapo daquela. E a súa noiva da época facéndolle as fotos. Así calquera.

Anónimo dijo...

pois se Castelao en vida, podendo rexistrar a súa obra non o fixo, por moi irmás que foran non son quen para rexistralas e cobrar dun traballo que non fixeron.
Que a situación económica das irmás non fora boa, non é nengún argumento válido. Que os de Galaxia se tivesen que solidarizar con elas é outro debate

Anónimo dijo...

Anónimo, debiche ler mal a información. Sánchez Bella, ministro de Franco, amnistiou en 1972 os casos constituídos por autores que non cumpriran o prazo de rexistro, e por un decreto abriu un periodo extraordinario de doce mses para que esas obras puidesen incluirse no Rexstro da Propiedade Intelectual.
As irmás de Castelao, daquela xa declaradas herdeiras lexítimas a todos os efectos, exerceron ese dereito e rexistraron as obras do seu parente.
Entendíchleo agora?

Anónimo dijo...

E quería vostede pechar o blog?...
Menos mal que aínda quedan algún sitio como este para saber de todas as facianas dunha noticia...Non peche

Anónimo dijo...

As noticias que hoxe publica Xornal de Galicia sobre o asunto, segundo eles, unha primicia, da casa de Castelao en Rianxo, ten, na miña opinión, un tufo oficialista que desacredita ao director do medio en cuestión, camarada José Luis Gómez. Digo camarada porque polo camiño que iniciou o xornal que dirixe, estamos máis preto da "Cadena de Medios del Movimiento Nacional" franquista ca dun medio de comunicación escrito que se dí independente.
Entre os xornalistas a salário e os medios que o empresario amigo do BNG controla, sen esquecer ao ex-Director Xeral de Cultura cun goberno do PP, profesor Luís Álvarez Pousa, o nacionalismo autonomista está a montar unha rede de comunicación afín que, seguro, reportará os beneficios e réditos eletorais pescudados.

Semella claro que o Xornal de Galicia, na miña opinión, recebeu unha instrución previa desde a Consellería de Cultura para "preparar" o terreo, de modo que pasado un día esa mesma instancia oficial poidese anunciar a posible declaración como Ben de Interese Cultural da casa de Castelao en Rianxo. Iso se que é "xornalismo de investigación".

E menos mal que para tapar un pouco as partes, o Xornal de Galicia publica unha pequena carta de Miguel Baltar, sobriño do "delincuente" Xavier Baltar, na que conta un pouco da historia que con máis precisión publica Perfecto Conde no seu blog.

Anónimo dijo...

Pero había algo co que polo visto ninguén pensaba: os lectores. O batacazo do periódico do pobre Gómez nos periódicos non ten precedentes na prensa escrita. Unha catástrofe. O beneficiado de todo isto é a Voz. Un periódico tan malo ao lado elévaa de novo por comparación.

Unknown dijo...

No dos Dieste tampouco din a verdade. Avisámolos o primeiro día pero hoxe voltan meterse no millo. Aquí xa dicían que de dous ex-Voz (por Rubido e Gómez) non se pode esperar máis.

Non peche o blog: precísanse máis así.

Anónimo dijo...

pero onde deixou escrito Castelao que deixaba en herdanza os dereitos de autoría da súa obra ás súas irmás?

Como que lin mal a información?

"De toda a súa extensa obra artística, ensaística e literaria nin unha soa peza foi inscripta no Rexistro da Propiedade Intelectual que rexía por mor da Lei de Propiedade Intelectual daquela vixente dende o ano 1879. Nin sequera a parte que correspondía ao período anterior á súa marcha forzosa ao exilio, despois da guerra civil española. Faleceu sen deixar testamento nin ascendentes nin descendentes, pois os seus pais morrreron antes ca el e o seu único fillo, Alfonso, tamén finou en 1928 cando só tiña 14 anos."

A falta de solidariedade coas irmás de Castelao é outro debate, independente dun patrimonio cultural coma o de Castelao

Anónimo dijo...

Carai, porén Castelao non deixara testamento, polo de agora e até que rixa outro sistema lexislativo, non semella tan raro que os familiares reclamen aquelas cousas que ficaron do seu parente, neste caso irmán.

Anónimo dijo...

Parece que, para algúns, non hai mellor sistema co de sostenella e non enmedalla. Refírome ao Anónimo que se empeña en discutir sobre a base de que Castelao non deixou testamento. No texto de Perfecto Conde infómase con pelos e sinais de que Xosefina e Teresa Castelao foron xudicialmente declaradas herdeiras lexítimas de todos os dereitos do escritor e artista. Queda igualmente claro que Xavier Baltar Tojo é o herdeiro lexítimo de Teresa, derradeira familiar de Castelao que transmitíu por vontade testamentada eses dereitos. Cal é logo o debate? Non se vaian pasar de listos os que parecen andar extasiándose nas súas ansias expropiadoras. Estamos en Europa e, para facer de Hugos Chávez, primeiro teñen que cambiar a lexislación vixente. E iso, xa se sabe, lógrase unicamente conseguindo votos nas urnas. Algo de calma e unha boa dose de "seny" virialles ben.

Anónimo dijo...

Continuemos botando lume a este incendio que prenderon desde a redación do xornal principal da nova "Cadena de Medios del Movimiento Nacional" ao servizo do BNG.
Se non ando errado, a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC, como o boli), non só afectaría ao imoble da casa onde viveu Castelao (qué tremen os donos da casa onde viveu Castelao na pontevedresa Rúa da Oliva!), senón tamén aos edificios colidantes.
Qué quer dicer isto?
Pois que os veciños da casa de Rianxo veran-se afectados tamén por un perímetro de seguridade que lles impediría cambiar as tellas, o baño, a fiestra... sen o correspondente permiso das instancias da Xunta.
Engadan que no delirio do alcalde de Rianxo, camarada Pedro Piñeiro, tamén se contempla a posibilidade de declarar BIC a casa de Manoel Antonio e a de Rafael Dieste, e, de paso, montar un grande tinglado cultural con tres sedes nas que o trió La-la-la de Xesús Alonso Montero (quen vendeu a súa biblioteca a un dos denostadísimos, por él, gobernos de Manolo Fraga), Isaac Díaz Pardo (cómo pode meterse nestes fregados unha persoa de tanta categoría!) e o señor Axeitos, desexan montar a chamada "Academia Literaria de Rianxo", proxecto do que non hai a máis mínima noticia porque, por suposto, detrás non hai nada de nada, agás egolatría e "yoismo".
Pois ben, se os tres imobles son declarados BIC, moitos veciños van verse afectados moi seriamente por mor dun capricho biliar do alcalde Piñeiro.
Animemos, eis, ao alcalde do PSOE a que explique ben ás claras aos veciños qué significa e cómo van sufriren o proxecto de declarar BIC a unha, dúas ou as tres casas de referencia.
Seguro que apaña máis votos e enche de alegría os fogares rianxeiros nos vindeiros día de Nadal.
E seguro que os veciños ficarán moi ledos cos ideas de Pedro Piñeiro, como os veciños do Pazo de Meirás, que presentaron ante a Consellería de Cultura varias decenas de alegacións en contra da declaración como BIC do devandito pazo, precisamente polo moito que lles vai na xogada, e, total, por unha merda de edificio.
Non, se isto non fixo máis que comezar, don Perfecto...

Anónimo dijo...

o tal Xavier Baltar Tojo, cobra cada vez que se imprime un Sempre en Galiza?
se é así paréceme un negocio indigno.

Castelao fixo a súa obra para os galegos, para o mundo(galiza, célula de universalidade), non para que cobren dereitos de autor(que el non quixo cobrar) o herdeiro das súas irmás(que nen da familia é, e aínda que o fora).

Anónimo dijo...

Cuidadiño, don Perfecto: Que está vostede deixándose levar de máis ao rego dos inimigos da cultura e do verdadeiro ser de Galiza. Que vai dicir cando lle chamemos compañeiro de viaxe de Galicia Bilingüe ou do Clube de Quintacolumnistas do Españolismo? Ándese con ollo!

Anónimo dijo...

Tamén llo digo eu, don Perfecto. Ándese con ollo! Se Breogán, válianme os rumorosos, lle advirte de que debe andar con ollo, fágame caso: vólvase xa un "quatroggi" e mire por onde pisa. Vostede corre o risco de ser declarado fóra do "establishment".
Os de agora non lle son coma os de antes que ameazaban con qtuitar as pensións e logo non se atrevían a facer nada. Os novos ricos do poder público sonlle outra cousa máis perigosa. Actúan sen contemplación e implacabelmente contra todo o que lles interesa facelo pasar por terreo do inimigo.
Supoño que vostede, pola súa idade e situación na vida, non precisará que o chamen da TVG para colaborar ben pago nalgún programiña ou para escribir que sei eu que ou onde. En caso contrario, vostede vai fodido porque o que está facer non llo va perdoar. Borrarano do mapa da cultura galega, se é que non tacharon xa o seu nome, Tratarán de facer de vostede un "ninjién". E, senón, xa me dirá, pasado o tempo.
O que me extraña é por que, xa posto a arrear estopa, non se parou vostede no sorprendente que resulta que un novo xornal, financiado por un neocapitalista galego, nascese arremetendo indisimuladamente contra a propiedade privada, pois niso consiste a campaña orquestada entre Xornal de Galicia e a Consellería de Cultura (BNG). ¿Que lle parecería ao señor Jacinto Rey se "La Voz de Galicia", por poñer un exemplo, empezase a pedir que lle expropiaran todo ou parte do seu Grupo San José? ¿Por que o dereito de propiedade intelectual, de por si xa inmensamente máis limitado que os de calquera outra forma de propiedade privada, ten que padecer ataques coma os que están a dirixirse contra o herdeiro lexítimo dos dereitos de Castelao?
Verá como nisto non se mete a Confederación de Empresarios nin a Sociedade Xeral de Autores nin, muito menos aínda, calquera organización de escritores galega. Pois aquí si que habería tema para un bo debate. Pero disto tampouco se falará nunca en Hai Debate. ¿A que non?

Anónimo dijo...

Pois non caera eu nesta cara do asunto, e resulta que é verdade o que di Facón Grande. Efectivamente, o novo xornal galego, popiedade dun capitalista defensor da propiedade privada, chegou ao mundo defendendo que se expropie esa propiedade privada. ¿Será Xornal de Galicia un novo voceiro dalgunha tendencia anarquista, comunista ou intervencionista galega?
Ou sexa, Jacinto Rey=ao banqueiro Graiver dos Montoneros arxentinos.
Xosé Luis Gómez=Jacobo Timerman, sen que el saiba nin quen foi este xornalista
¿A que si?

Anónimo dijo...

Eu lin algo mellor aínda sobre o novo xornal. Me parece que foi en Galiciaconfidencial.com:
"A este xornal chámanlle Karl Lewis, porque tamén é o Fillo do Vento".

Anónimo dijo...

Escribeu Anónimo:
" O tal Xavier Baltar Tojo, cobra cada vez que se imprime un Sempre en Galiza?
se é así paréceme un negocio indigno.

Castelao fixo a súa obra para os galegos, para o mundo(galiza, célula de universalidade), non para que cobren dereitos de autor(que el non quixo cobrar) o herdeiro das súas irmás(que nen da familia é, e aínda que o fora)".

Imos por partes. Que saiba, Xavier Baltar non cobra dereitos de autor polas obras de Castelao. Esos dereitos están nas mans da Editorial Galaxia, aquela que non lles quería pagar esos dereitos ás irmás Castelao e logo chegaron a un acordo.
Que Castelao non quixera cobrar dereitos de autor polas súas obras é moito dicer, amigo/amiga. Houbo distintas razóns para que non inscribira as súas obras, unha, por exemplo, que Castelao non vivía da súa escrita, pero de aí a renunciar a esos emolumentos, hai un treito.
E, sí, Castelao fixo o seu labor literario e artístico para os galegos e para o mundo, o que no significa que fora don Carlos Casres Mouriño que cobrara os dereitos de autor de Castelao.
E-che curioso este conto: Castelao é de todos, pero algo menos foi das súas irmás e agora é máis de Pedro Piñeiro.
Falemos claro: digamos-lle a Xosé Manuel Beiras que renuncie a cobrar polos seus artigos, que renuncie aos dereitos de autos da súa obra porque, total, é traballa para Galiza; e tamén aconsellemos o mesmo a Fernán Vello, a Suso de Toro, a Manolo Rivas, a Méndez Ferrín, e tantos outros, porque eles traballan a prol de Galiza; e, despois de que renuncien, trinquemos os seus libros, inscribámolos como nosos e disfrutemos das ganancias.
Propoño a expropiación direta e xa das casas dos devanditos autores, total, dentro duns anos serán auténticos santuarios nacionalistas e agora sairían máis baratos.

Anónimo dijo...

E quitando os de Manolo... de que ganancias falas?
As dos premios institucionais, serán.

Luisfoz dijo...

Gostaria de saber qual foi a atitude da editorial Akal que também publicou repetidas vezes as obras de Castelao (entre elas a "1ª ediçom na Galiza" do SEG, com algumha mutilaçom imposta pola censura)

Anónimo dijo...

é comparábel os dereitos de autor que cobra o propio autor por decisión propia aos dereitos de autor que cobran otros por obras que nen sequera rexistrou o autor?

Se é certo que a Editorial Galaxia cobra polos dereitos de autor de Castelao, paréceme unha indignidade. Aínda que repartise beneficios coas irmás de Castelao.
Agora se unha editorial publica unha obra de Castelao tenlle que pagar a Galaxia?

"A Fundación Castelao, á que pertencía Xavier Baltar, levaba tempo catalogando o material que custodiaba Teresa na casa familiar e confiaba en que o fogar familiar dos Rodríguez Castelao se convertese na sede do padroado."

"Baltar nin ata nin desata". O aludido vive en Madrid e responde á chamada telefónica de Xornal de Galicia: "Non me gusta falar dese tema porque esas persoas non teñen altura moral. Eu limítome a cumprir as instrucións de Teresa, cumprindo as súas vontades, e ela non quería que a casa se convertese nun circo. Pero que é iso da Academia Literaria Rianxeira? É fume. Pedro Piñeiro enredou todo e podía estar solucionado".

"– Pero canto quere por ela?
"Non quero nada porque non está en venda. Non lle podo pór un prezo porque non teñen diñeiro. Vou ter que entrevistarme co presidente da Xunta para explicarlle o problema. Pedro Piñeiro quere facer trampas legais e pode incorrer en prevaricación", avisa o letrado. "
http://www.xornaldegalicia.com/article.php?sid=20081209003623

Onde están por escrito esas vontades de Teresa?

Anónimo dijo...

"Xavier Baltar, coa axuda dos seus parentes, tamén avogados, Ernesto Baltar Santaló e Ernesto Baltar Feixóo, iniciou un longo proceso reivindicador dos dereitos das irmás Castelao (...)". Se te ha olvidado mencionar a Ramón Baltar Feixóo, que desde su despacho que en aquellos años tenía en Padrón también contribuyó decisivamente.