Sigo pola Toscana. Concreta-
mente estou a escribir dende Florencia, pero case non pasa un día enteiro sen que lles bote unha ollada aos xornais galegos a través de Internet. Xa vexo que os da Academia Galega, en cabezados por Barreiro, andan apagando o lume que lle encenderan a Feijóo por mor da derogación do decreto do idioma galego. Parece que viron no novo e inesperado secretario xeral de Política Linguística nomeado polo presidente da Xunta, Anxo Lorenzo, unha porta aberta ao posibilismo.
Tamén leo que non ven tan claras as cousas o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, para o que que non é un problema de persoas senón de principios e de programas políticos. Mentres tanto o sucesor de Marisol González, á que sen dúbida acabaremos botando de menos, parece mais dotado para botar pelotas fóra do campo que para asumir compromisos concretos. Nas escasas declaracións que leva concedido ata agora, a Vieiros e a El Correo Gallego, véselle máis o plumeiro polo que non di que polo que manifesta. Este rapaz parece discípulo de Ramón Piñeiro: frota unha man coa outra e di que por un lado xa se ve e por outro xa se verá.
Polo que leo, non recibiu de Feijóo ningunha carta que gardar na manga e parece estar moi disposto a levar a cabo a derrogación do decreto que tan pouco lle gusta a Galicia Bilingüe. Iso, si coa vista posta en substituílo por algo que mellore o desbotado e que sexa aprobado por consenso. Oxalá que non se quede a súa atitude en mera declaración de intencións. De Lorenzo dise que é políticamente próximo ao socialismo galego, pero el xa se apresurou a proclamar a súa independencia e a dicir que colaborou co PP en tempos pasados.
Neste panorama, a manifestación convocado para o 17 de mayo a favor do ensino do galego, lonxe de perder vixencia quizais acadou aínda máis importancia. Eu, dende logo, se estivese en Galicia –que non vou estar–, iría a ela.
4 comentarios:
Seguramente tamén viu en Vieiros e en El Correo Gallego que os de Galicia Bilingüe non recibiron nada ben o nomeamento de Anxo Lorenzo.
- O Partido galeguista socialista galego (o auténtico, o de Piñeiro) de Galicia decidiu non asistir como tal partido á manifestación en defensa do idioma galego. Arrieritos somos...
- César Vidal... perdón, Casal, lamenta o "concierto infame" de asubíos ao xefe de estado e ao himno español, estoutro día en Mestalla. Según el, sería obra de "aficionados radicales. Total, debían ser entre 50 e 60 mil "radicales".
- Núñez Feijóo (ese presidente da Xunta con nome de hostal de tres estrelas) di unha cousa na corte (castellano, "cuadra") e outra diferente na autonomía galega. De feito, as cousas "importantes" parece que as solta nos Madriles. Debe de ser que se sente presidente ao cincuenta por cento aló e aquí "cuarto y mitá", así, expresado na lingua na que fala, pensa e mesmo "fai o amor" (parafraseando a Alonso Montero) Feijóo.
Eu chorar chorei o domingo á tarde,
Eu chorar chorei o domingo a tarde,
Que veña lorenzo que veña lorenzo que diga a verdade,
Que diga a verdade pero con cautela,
Que diga a verdade pero con cautela,
Aínda hai, por sorte, quen alza a voz en defensa do galego...!!!!
Publicar un comentario