O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, un dos príncipes máis aggiornati da actual Igrexa católica española, sumouse o Domingo de Pascua á incondicional defensa do Papa Benedito XVI fronte ao “temporal antieclesial e anticlerical” que, segundo el, está percorrendo o mundo.
A monseñor Barrio non parece importarlle tanto o imparábel descubrimento de casos de abusos sexuais a menores, protagonizados por representantes da institución á que pertenece e dirixe, coma “cultura da morte” que, segundo di, está extendéndose a través do “odio e a violencia, as guerras e a fame, o aborto e a eutanasia, a inxustiza e a opresión”. A máxima autoridade da Igrexa católica en Galicia expresou o seu “apoio incondicional coa nosa oración ao Papa, que nesta singradura de forte temporal antieclesial e anticlerical está conducindo a barca de Pedro coa fineza espiritual, a fondura intelectual e a firmeza que lle son propias”.
Era de esperar que un alto representante desta Igrexa saíse en defensa do xefe do Vaticano, pero sorprende bastante a total ausencia de autocrítica mostrada polo prelado compostelán na súa homilía de Pascua. Con todo o que está chovendo na leira do comportamento moral de moitos curas, bispos e ata a contorna persoal do propio Papa polos casos de abusos deshonestos a menores de idade, sería case imprescindíbel que monseñor Barrio non mirase só para a trabe dos ollos alleos e reparase algo na propia. Como moi acertadamente escribiu Manuel Vicent o domingo pasado en El País, “para a Igresa católica un clérigo pederasta, que corrompe a 20 monaguillos, só é un pecador, non un delincuente propiamente dito. Se se descubre o seu vicio nefando, o xerarca superior preocupado polo escándalo que poida causar entre os fieis a súa conduta desordenada, tratará en primeiro lugar de encubrilo, logo o chamará en segredo a consulta para pregarlle con máis ou menos empeño que pida confesión e, se o caso foi moi sonado, obrigarao a cambiar de parroquia. Por moi execrábel que fose o seu pecado, se se arrepente, ficará absolto mediante unha penitencia simbólica, como poda ser un painoso e tres avemarías”.
Con actitudes así, barrendo sempre para debaixo da alfombra e lavando os trapos sucios na almofía da casa, o percorrido que lle queda a Igrexa católica non é máis ca dun ensimesmamento perigorísimo que pode contribuír moito ao alonxamento social ao que con demasiada frecuencia estana sometendo a maior parte dos seus altos dirixentes. Como facía o fundador da súa relixión, Xesucristo, deberían pensar máis nos erros cometidos por eles mesmos e xustificárense menos nas tronadas alleas.
6 comentarios:
Totalmente de acordo coa túa entrada. Dáme vergoña de ter pertencido a esa igrexa tan hipócrita, tan deshonesta. Non só son culpables os que cometeron o delito, senón que tamén son culpables en maior grado todos aqueles que o sabían, que o ocultaron e protexeron ao culpable. Terían que ser castigados pola xustiza, os máximos responsables da igrexa católica cometeron un delito tanto como os propios autores.
Bicos
Meu deus, meu deus! Ai como lea esto o Ramón...
Ego te absolvo a peccatis tuis.
(Insisto)
Isto non é cousa de agora. Isto é cousa de sempre, o que pasa que nos tempos do franqismo ninguén se enteraba, só os responsables e máis os afectados. A estes as autoridades os poñían firmes e a calar, senón leña al mono.
Sei dun que coñecín,era crego dun pobo da Ría e Arousa, que fixo o que lle saiu do carallo coas nenas do cataquesis. Foi denunciado e todo calouse durante un tempo, pero como era reicidente e seica que unha afectada era filla do cacique (xefe da falanxe local) do pobo. O Cardenal Quiroga Palacios non tivo máis remedio que mandalo para unha aldea de Lugo, onde nin pasara Jesucristo, xamais volveo e morreo aló. Penso que houbo milleiros de casos co antigo réxime, pero que xamais saíron a luz pública.
Eu non vivín esa época, pero o que vostede conta (non o mesmo caso, enténdame, pero si outros similares) sentinllo dicir a moita xente.
É horrible, horrible...
Tremendo.
Eu non vivín esa época, pero o que vostede conta (non o mesmo caso, enténdame, pero si outros similares) sentinllo dicir a moita xente.
É horrible, horrible...
Tremendo.
Publicar un comentario